A Fundación “LUÍS TILVE” é unha institución con carácter de Fundación cultural privada, recoñecida como tal pola Consellería de Cultura e Xuventude (D.O.G. de 22 de abril de 1991) e declarada de interese galego por Orde do 1 de abril de 1991 da Xunta de Galicia (D.O.G. do 13 de maio de 1991). A Fundación constitúese en Santiago de Compostela o día 9 de outubro de 1989, a partir da idea do, nese momento, Secretario Xeral de UGT-Galicia, Suso Mosquera, quen consideraba fundamental o estudio histórico dos movementos sociais, sindicais, políticos e culturais contemporáneos, así como a conservación da documentación que obraba en poder do sindicato ou que puidera chegar a el. Obxecto e finalidade da Fundación A Fundación ten entre os seus obxectivos, definidos nos seus propios estatutos: Fomentar o coñecemento e o espallamento da Cultura Sindical. Axudar ó estudio e á investigación da historia dos sindicatos, e en particular da UGT en Galicia. Axudar ó estudio e á investigación do Sindicalismo e da súa problemática na sociedade galega de hoxe. Contribuír ó estudio e á investigación da emigración e a inmigración galegas. Contribuír á formación, no seu lato significado, dos responsables e dirixentes sindicais, en orde a favorecer o mellor cumprimento da súas responsabilidades específicas. Contribuír á formación da clase traballadora, tanto dende o punto de vista laboral como dende unha perspectiva profesional, incluíndo a do profesorado en exercicio. Ser depositaria dos Arquivos Histórico e Documental da UGT de Galicia. Custodiar, ordenar e manter a Biblioteca da UGT de Galicia. Facilitar ós estudantes e investigadores de cuestións relacionadas con este obxecto fundacional o seu labor. Elaborar e subministrar información sobre tódolos temas que signifiquen un progreso para a clase traballadora. Promover os valores do traballo digno, as accións solidarias e a defensa do medio ambiente e dos bens comúns. Fomentar o estudo e a investigación no ámbito das ciencias sociais, históricas e xurídicas, par ao mellor cumprimento dos fins antes salientados. Dende a súa creación a Fundación Luís Tilve traballa pola difusión da cultura galega, concretando o seu campo na recuperación da memoria histórica do País galego preferentemente no mundo laboral, e ao mesmo tempo convocando actos de completa actualidade no seu momento para a análise da realidade social que envolve a Galicia dende distintas ópticas. De feito un dos proxectos presentes nos seus obxectivos dende a súa constitución é o contacto cos centros galegos da emigración, para non deixar no esquecemento aos nosos cidadáns, que por diversas causas tiveron que emigrar lonxe da súa terra. Para acadar todos estes obxectivos a Fundación ven formulando dende a súa creación diversas actividades que conforman a columna vertebral da súa existencia: Organizar cursos, conferencias, congresos, symposiums, conversas e sesións de estudio e investigación arredor de temas e problemas sindicais, laborais, industriais e sociais. Redactar, editar, subvencionar e distribuír folletos, monografías e toda clase de publicacións de información, formación e divulgación de temas relacionados co mundo sindical, laboral, industrial e social. Realizar exposicións monográficas arredor de aspectos e temas laborais, industriais, sociais e sindicais. Subscribir acordos ou convenios con diferentes institucións públicas, ou entidades privadas. Relacionarse con outros Arquivos e Fundacións que poidan aportaren documentos de interese en relación co obxecto e finalidade fundacional. Calquera outra actividade que a Xunta do Padroado estime conveniente para o cumprimento do obxecto fundacional.
                                  fundación luis tilve              
          ____________________________________________________________________________

 Avda. Cruceiro de A Coruña, 22 Baixo. 15705 - Santiago de Compostela (A Coruña)
Tlf:  981 58 54 90                                                              Fax:  981 56 68 30

fluistilve@hotmail.com                                   fluistilve@fundacionluistilve.com

Coñecenos
conocenos fundación luis tilve
Centro documental
centro documental fundación luis tilve
ACTO CULTURAL EN HONOR DE XAIME QUINTANILLA, EN SANTIAGO:
O día 6 de maio de 2013, ás 7 da tarde, no salón do Consello da Cultura Galega, a Fundación Luís Tilve celebrou un acto en honor de Xaime Quintanilla Martínez, escritor, xornalista, político, autor teatral, alcalde de Ferrol, médico, e un longo etcétera, fusilado tralo alzamento militar do 36.
 
O acto se abriu coa presentación de Fernando González Laxe, Presidente de Honra da Fundación, quen leu unha mensaxe do Presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, que lamentaba non poder estar presente nun acto que reivindicaba a figura do coruñés e ferrolán de adopción. Laxe continuou destacando a personalidade de Xaime Quintanilla, expoñendo, mediante as verbas que este deixou nos seus múltiples artigos, a súa visión sobre o Estatuto de Autonomía, o galeguismo ou o socialismo, partido o cal pertencía. A continuación tomaron a palabra os autores da biografía publicada pola Fundación Luís Tilve, co título: Xaime Quintanilla Martínez. Vida e obra dun socialista e galeguista ó servizo da República; Ana Romero Masiá e Carlos Pereira Martínez.
 
Pereira resaltou a vertente artística do biografado, as súas achegas o teatro, o seu interese pola música, os coros, entre outras moitas inquietudes artísticas, as cales, como xa dixera González Laxe, o fan firme candidato ó Día das Letras Galegas. Finalmente, Masiá fixo un interesante repaso pola súa biografía, acompañada da exposición de diversas imaxes e fotos.
 
O acto enmárcase nas accións da Fundación para reivindicar a figura de Xaime Quintanilla e promover a súa candidatura ó Día das Letras Galegas. Persoa significada no ámbito político, como dirixente socialista e alcalde republicano de Ferrol, pero fundamentalmente no seu compromiso con Galicia e coa súa cultura, Quintanilla permanece, a xuízo da Fundación, inxustamente esquecido.
 
Xaime Quintanilla foi un dos impulsores das Irmandades da Fala, dende a súa creación, e colaborador asiduo de A Nosa Terra e doutras publicacións galegas como La Zarpa, publicando numerosos artigos en diferentes medios como El Correo Gallego, entre 1917 e 1931, realizando, así mesmo, diversos traballos como crítico literario.   De Quintanilla coñécense dúas obras de teatro en galego “Donosiña” (1920) e “Alén” (1921), e existen referencias doutras tres: “A estrana”, “Creación”e “Alma”. No xénero narrativo publicou “Saudade” (1922), que inaugurou a colección, dirixida por el, Céltiga de novela mensual ilustrada, sendo tamén obra del a tradución de “A Santa Compaña” de Roberto Novoa Santos, editada, igualmente por Céltiga.   Outros medios periodísticos nos que publicou Quintanilla foron o Boletín Rexionalista, Galicia (de Ferrol), Orga da Irmandade da Fala, Boletín da Irmandade da Fala Ferrolá, El Correo Gallego, Saudade, El Compostelano, La República, Diario de Vigo, El Pueblo Gallego, Nós, Galicia (da Habana), Terra (de Bos Aires), ademais de na prensa política do seu tempo.   No proceso de defensa do Estatuto, Xaime Quintanilla estivo presente dende o primeiro momento. Así asistiu á reunión de A Coruña dos días 3 e 4 de xuño de 1931, e representou ós concellos da comarca de Ferrol na reunión dos Concellos de Galicia, celebrada en Santiago no 1932; formou parte, no 33, do Comité Central da Autonomía e participou nos mitins pro Estatuto do ano 36, compatibilizando sempre o seu discurso socialista co autonómico. É por todo isto que a Fundación Luís Tilve considera de todo punto necesario resaltar a importancia de Xaime Quintanilla na historia de Galicia e promover diversas accións para o seu recoñecemento.
 
Á actividade, que foi aproveitada para presentar a súa biografía en Santiago, contou coa presenza de diversos persoeiros do mundo da cultura, da política e da sociedade galega, tales como o Secretario Xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, Xaime Barreiro Gil, Xesús Mosquera Sueiro, Cesareo Fraga García, Mercedes Rosón, ademáis de familiares do homenaxeado.

Fundación Luis Tilve - Santiago de Compostela. A Coruña. Galicia. España