A Fundación “LUÍS TILVE” é unha institución con carácter de Fundación cultural privada, recoñecida como tal pola Consellería de Cultura e Xuventude (D.O.G. de 22 de abril de 1991) e declarada de interese galego por Orde do 1 de abril de 1991 da Xunta de Galicia (D.O.G. do 13 de maio de 1991). A Fundación constitúese en Santiago de Compostela o día 9 de outubro de 1989, a partir da idea do, nese momento, Secretario Xeral de UGT-Galicia, Suso Mosquera, quen consideraba fundamental o estudio histórico dos movementos sociais, sindicais, políticos e culturais contemporáneos, así como a conservación da documentación que obraba en poder do sindicato ou que puidera chegar a el. Obxecto e finalidade da Fundación A Fundación ten entre os seus obxectivos, definidos nos seus propios estatutos: Fomentar o coñecemento e o espallamento da Cultura Sindical. Axudar ó estudio e á investigación da historia dos sindicatos, e en particular da UGT en Galicia. Axudar ó estudio e á investigación do Sindicalismo e da súa problemática na sociedade galega de hoxe. Contribuír ó estudio e á investigación da emigración e a inmigración galegas. Contribuír á formación, no seu lato significado, dos responsables e dirixentes sindicais, en orde a favorecer o mellor cumprimento da súas responsabilidades específicas. Contribuír á formación da clase traballadora, tanto dende o punto de vista laboral como dende unha perspectiva profesional, incluíndo a do profesorado en exercicio. Ser depositaria dos Arquivos Histórico e Documental da UGT de Galicia. Custodiar, ordenar e manter a Biblioteca da UGT de Galicia. Facilitar ós estudantes e investigadores de cuestións relacionadas con este obxecto fundacional o seu labor. Elaborar e subministrar información sobre tódolos temas que signifiquen un progreso para a clase traballadora. Promover os valores do traballo digno, as accións solidarias e a defensa do medio ambiente e dos bens comúns. Fomentar o estudo e a investigación no ámbito das ciencias sociais, históricas e xurídicas, par ao mellor cumprimento dos fins antes salientados. Dende a súa creación a Fundación Luís Tilve traballa pola difusión da cultura galega, concretando o seu campo na recuperación da memoria histórica do País galego preferentemente no mundo laboral, e ao mesmo tempo convocando actos de completa actualidade no seu momento para a análise da realidade social que envolve a Galicia dende distintas ópticas. De feito un dos proxectos presentes nos seus obxectivos dende a súa constitución é o contacto cos centros galegos da emigración, para non deixar no esquecemento aos nosos cidadáns, que por diversas causas tiveron que emigrar lonxe da súa terra. Para acadar todos estes obxectivos a Fundación ven formulando dende a súa creación diversas actividades que conforman a columna vertebral da súa existencia: Organizar cursos, conferencias, congresos, symposiums, conversas e sesións de estudio e investigación arredor de temas e problemas sindicais, laborais, industriais e sociais. Redactar, editar, subvencionar e distribuír folletos, monografías e toda clase de publicacións de información, formación e divulgación de temas relacionados co mundo sindical, laboral, industrial e social. Realizar exposicións monográficas arredor de aspectos e temas laborais, industriais, sociais e sindicais. Subscribir acordos ou convenios con diferentes institucións públicas, ou entidades privadas. Relacionarse con outros Arquivos e Fundacións que poidan aportaren documentos de interese en relación co obxecto e finalidade fundacional. Calquera outra actividade que a Xunta do Padroado estime conveniente para o cumprimento do obxecto fundacional.
                                  fundación luis tilve              
          ____________________________________________________________________________

 Avda. Cruceiro de A Coruña, 22 Baixo. 15705 - Santiago de Compostela (A Coruña)
Tlf:  981 58 54 90                                                              Fax:  981 56 68 30

fluistilve@hotmail.com                                   fluistilve@fundacionluistilve.com

Coñecenos
conocenos fundación luis tilve
Centro documental
centro documental fundación luis tilve
A FUNDACIÓN LUÍS TILVE CELEBRA O SEU 25 ANIVERSARIO:
Hai 25 anos nacía en Santiago de Compostela a Fundación Luís Tilve, un 9 de outubro de 1989, a partir da idea do, nese momento, secretario xeral de UGT-Galicia, Suso Mosquera, quen consideraba
fundamental o estudo histórico dos movementos sociais, sindicais, políticos e culturais contemporáneos, así como, a conservación da documentación que obraba en poder do sindicato ou que puidera
chegar a el.
 
Con tal propósito, nas instalación da Fundación, creouse un Arquivo Histórico do Movemento Obreiro en Galicia, inscrito na Rede de Arquivos de Galicia, ao que se suma unha Biblioteca Especializada no
Mundo do Traballo, integrada na Rede de Bibliotecas de Galicia.
 
Precisamente, para conmemorar esta data, celebrouse este xoves en Santiago, no salón de actos do Cersia, un acto ao que asistiron numerosas persoas do mundo sindical en xeral e que tamén contou cunha ampla representación institucional.
 
Un acto emotivo e cálido no que só se deixaron sentir palabras de agradecemento pola labor desenvolvida pola Tilve e polo seu compromiso cos valores e coa historia. Traballo centrado en fomentar o coñecemento e a difusión da historia do movemento obreiro e sindical en Galicia; axudar ó estudo e comprensión da realidade socioeconómica e laboral de Galicia, así como, das súas problemáticas, presentando conclusións, propostas ou solucións.
 
O acto foi aberto polo preseidente de honra da Fundación, Fernando González Laxe, que lembrou como aquel 9 de outubro de hai 25 anos iniciouse unha andaina ilusionante que a ningúen decepcionou, xa
que hoxe a Luís Tilve é unha referencia social en Galicia.
 
Pola súa banda, o presidente da Deputación de A Coruña, Valentín González, destacou o compromiso da Fundación coa clase traballadora e coa historia do movemento obreiro e desexoulle outros 25 anos de historia para seguir loitando por unha sociedade máis xusta e libre.
 
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, lembrou que “hai catro anos o partido socialista en Galicia fixo á Tilve custodia dos nosos arquivos” e advertiu que o traballo da Fundación “está
hoxe de rabiosa actualidade porque aqueles dereitos que todos creíamos conquistados póñense de novo en dúbida”.
 
EVITAR QUE CAIA NO OLVIDO O TRABALLO DOS SINDICALISTAS
 
O secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, tivo unhas palabras de recoñecemento
para o presidente e “alma mater” da Fundación, Suso Mosquera, así como, para o seu presidente de honra.
 
Considerou moi necesario evitar que caia no olvido o traballo de sindicalistas e socialistas que contribuíron a unha sociedade máis xusta e igualitaria. Conquistas sociais que hoxe parece que o “hiperliberalimo”  quere levar por diante. Denunciou que esta Europa “está encollendo cada vez
máis o estado de benestar e o último exemplo disto é o espectáculo bochornoso que están a ofrecer coa crise dos refuxiados”.
 
Aproveitu a súa intervención para lembrar que neste país viviuse unha forte crise que prexudicou aos que menos tiñan e aos que, precisamente, non eran responsables da mesma. E, agora, no camiño da recuperación seguen a ser os grandes esquecidos. Nesta situación, os medios de comunicación parecen non querer ver o que realmente sucede e apuntan os focos cara outro lado. Insistiu en que precisamos luz.
 
Denunciou que se está a producir un crecemento anémico e seguen a primar as desigualdades. Hai que falar máis de servizos públicos, calidade do emprego e, en definitiva, dun crecemento económico máis equilibrado.
 
Finalmente, amosou o seu orgullo polo rigor co que escribe as páxinas da historia a Fundación Luís Tilve.
O presidente da Fundación, Suso Mosquera, destacou que a Fundación é o resultado dun traballo colectivo e xeneroso e agradeceu a colaboración recibida en todo momento.
 
Tivo unhas palabras de lembranza para os que ao longo destes 25 anos formaron parte do padroado.
Subliñou que a dignidade dos traballadores foi a idea que motivou a impulsou en todo momento o traballo da Tilve.
 
Fixo unha breve pasaxe da historia da Fundación que no 1991 é declarada de interese galego e neste mesmo ano asínase coa Largo Caballero un acordo para que a Tilve pasase a ser a depositaria do arquivo histórico da UGT en Galicia.
 
Destacou o traballo de publicación de máis de 50 libros que deron a coñecer a historia da UGT nalgunhas comarcas e nalgunhas federacións. Tamén se publicaron biografías de persoeiros que contribuíron
a escribir a historia do sindicalismo galego e xa no 2006 iníciase a andaina da revista Claridade.
 
Fixo fincapé en que este é un aniversario, non para mirar cara atrás, senón para mirar cara o futuro.
Comprometeuse a que a Fundación Luís Tilve nos vindeiros anos vai estar na senda de mellorar as condicións da clase traballadora.
 
De seguido, proxectouse un vídeo que recolleu a historia da Tilve e tomou a palabra Guillerme Pérez, directo do arquivo da Fundación, que resumiu a súa actividade nestes últimos 25 anos.
 
Traballo centrado no arquivo, a biblioteca, proxectos de investigación, as liñas editoriais e un importante fondo de memoria oral. Un traballo que foi desenvolvido con atrevimento, responsabilidade e ilusión.
 
Concluíu afirmando que “se a Fundación Luís Tilve non existise, habería que inventala”.
 
Na súa intervención, Roxelio Pérez, o Secretario da Tilve, destacou, ademais do traballo que desenvolve a Fundación a diario, os Premios Luís Tilve que se conceden todos os anos ao traballo digno, acción solidaria, defensa do medioambiente e dos bens comúns e investigación e divulgación histórica.Neste
senso, fixo unha breve reseña dos galardoados nestes últimos anos.
 
CLAUSURA
 
Xa na clausura do acto celebrado en Santiago para conmemorar o 25 aniversario, interviñeron o alcalde da cidade compostelana, Martiño Noriega; o Consellerio de Economía, Emprego e Industria da Xunta, Francisco Conde; e o secretario xeral de UGT, Cándido Méndez.
 
Noriega fixo fincapé en que aos 25 anos non chega calquera entidade e, ademais, mantendo o compromiso co que naceu. Subliñou que na actualidade, de seguro, Tilve tería que pelexar coas mesmas forzas que hai uns anos porque hoxe os traballadores teñen que recuperar moitos dereitos que deixaron no camiño.
 
Concluíu afirmando que hoxe o movimento sindical é máis necesario que nunca.
 
O Conselleiro de Economía recoñeceu o traballo da Fundación que ven a apuntalar a labor do Sindicato. E lembrou que moitas das cousas que hoxe damos por sentadas son froito do traballo sindical no pasado.
Xa, finalmente, o Secretario Xeral de UGT tivo unhas palabras de recoñecemento polo apoio recibido por UGT-Galicia  nestes últimos 22 anos de xestión ao fronte da Secretaría xeral.
 
Destacou o apoio tanto de José Antonio Gómez como de Suso Mosquera, este último ofreceu en anos moi convulsos para a Organización un apoio marcado pola serenidade.
 
ATESORAR A MEMORIA HISTÓRICA E OS VALORES DO SINDICALISMO
 
En relación coa Fundación, destacou a súa loita á hora de atesorar a memoria histórica e os valores do sindicalismo.
 
Uns valores que hoxe están en entredito porque a recesión económica convertiuse nunha trituradora dos dereitos sociais.
 
Sen ir máis lonxe, denunciou que España é o país de Europa onde máis aumentou a desigualdade abríndose un perigoso camiño cara a pobreza.
 
Tamén advertiu que a denunciada polarización social está a provocar tamén a polarización política.
 
Neste últimos anos desmontáronse dous mitos, un traballo non é garantía de vida digna, e un segundo, as futuras xeracións vivirán peores condicións que a precedente, rompendo así a tendencia de mellora mantida ao longo da historia.
 
Destacou o importante papel desenvolvido polas organizacións sindicais, aínda que se cometeron erros, tamén foron vítimas dunha campaña de despretixio e acoso.

Fundación Luis Tilve - Santiago de Compostela. A Coruña. Galicia. España