A Fundación “LUÍS TILVE” é unha institución con carácter de Fundación cultural privada, recoñecida como tal pola Consellería de Cultura e Xuventude (D.O.G. de 22 de abril de 1991) e declarada de interese galego por Orde do 1 de abril de 1991 da Xunta de Galicia (D.O.G. do 13 de maio de 1991). A Fundación constitúese en Santiago de Compostela o día 9 de outubro de 1989, a partir da idea do, nese momento, Secretario Xeral de UGT-Galicia, Suso Mosquera, quen consideraba fundamental o estudio histórico dos movementos sociais, sindicais, políticos e culturais contemporáneos, así como a conservación da documentación que obraba en poder do sindicato ou que puidera chegar a el. Obxecto e finalidade da Fundación A Fundación ten entre os seus obxectivos, definidos nos seus propios estatutos: Fomentar o coñecemento e o espallamento da Cultura Sindical. Axudar ó estudio e á investigación da historia dos sindicatos, e en particular da UGT en Galicia. Axudar ó estudio e á investigación do Sindicalismo e da súa problemática na sociedade galega de hoxe. Contribuír ó estudio e á investigación da emigración e a inmigración galegas. Contribuír á formación, no seu lato significado, dos responsables e dirixentes sindicais, en orde a favorecer o mellor cumprimento da súas responsabilidades específicas. Contribuír á formación da clase traballadora, tanto dende o punto de vista laboral como dende unha perspectiva profesional, incluíndo a do profesorado en exercicio. Ser depositaria dos Arquivos Histórico e Documental da UGT de Galicia. Custodiar, ordenar e manter a Biblioteca da UGT de Galicia. Facilitar ós estudantes e investigadores de cuestións relacionadas con este obxecto fundacional o seu labor. Elaborar e subministrar información sobre tódolos temas que signifiquen un progreso para a clase traballadora. Promover os valores do traballo digno, as accións solidarias e a defensa do medio ambiente e dos bens comúns. Fomentar o estudo e a investigación no ámbito das ciencias sociais, históricas e xurídicas, par ao mellor cumprimento dos fins antes salientados. Dende a súa creación a Fundación Luís Tilve traballa pola difusión da cultura galega, concretando o seu campo na recuperación da memoria histórica do País galego preferentemente no mundo laboral, e ao mesmo tempo convocando actos de completa actualidade no seu momento para a análise da realidade social que envolve a Galicia dende distintas ópticas. De feito un dos proxectos presentes nos seus obxectivos dende a súa constitución é o contacto cos centros galegos da emigración, para non deixar no esquecemento aos nosos cidadáns, que por diversas causas tiveron que emigrar lonxe da súa terra. Para acadar todos estes obxectivos a Fundación ven formulando dende a súa creación diversas actividades que conforman a columna vertebral da súa existencia: Organizar cursos, conferencias, congresos, symposiums, conversas e sesións de estudio e investigación arredor de temas e problemas sindicais, laborais, industriais e sociais. Redactar, editar, subvencionar e distribuír folletos, monografías e toda clase de publicacións de información, formación e divulgación de temas relacionados co mundo sindical, laboral, industrial e social. Realizar exposicións monográficas arredor de aspectos e temas laborais, industriais, sociais e sindicais. Subscribir acordos ou convenios con diferentes institucións públicas, ou entidades privadas. Relacionarse con outros Arquivos e Fundacións que poidan aportaren documentos de interese en relación co obxecto e finalidade fundacional. Calquera outra actividade que a Xunta do Padroado estime conveniente para o cumprimento do obxecto fundacional.
                                  fundación luis tilve              
          ____________________________________________________________________________

 Avda. Cruceiro de A Coruña, 22 Baixo. 15705 - Santiago de Compostela (A Coruña)
Tlf:  981 58 54 90                                                              Fax:  981 56 68 30

fluistilve@hotmail.com                                   fluistilve@fundacionluistilve.com

Coñecenos
conocenos fundación luis tilve
Centro documental
centro documental fundación luis tilve
9 de decembro: Aniversario do falecemento de Pablo Iglesias Posse. :
Este 9 de decembro se cumprirá un novo aniversario do falecemento de Pablo Iglesias Posse, ferrolán nado o 18 de outubro de 1850 e falecido en 1925, coñecido por ser o pai do socialismo español, fundador do PSOE e a UGT.
 
Pertencente a unha familia humilde, ós 9 anos, trala morte do pai, vese na obriga de emigrar xunto a súa familia cara Madrid, a pe, onde morrería o seu irmán Manuel de tuberculose. Alí, descubrirán que o familiar que os ía acoller (o irmán da súa nai) faleceu, co que quedarán desamparados. Iglesias será internado no Real Hospicio General de Pobres del Ave María y Santo Rey Don Fernando. Estas vivencias afectarían á súa saúde, condicionándoo para o resto da súa vida. Pero tamén sería alí onde aprenderá o oficio de tipógrafo, comezando a colaborar, dende 1861, no xornal La Iberia.

Tras varias fugas para visitar a súa nai, é dado de baixa no hospicio, unha vez que consigue ser capaz de soster á súa familia, rematados os estudos primarios e de tipografía, entrando a traballar nunha imprenta. Isto permitiulle tamén poder pagarse unhas clases nocturnas de francés.

Durante o seu inicial periplo laboral, por varias pequenas imprentas, irá creando un grupo de compañeiros e acabará ingresando na sección de tipógrafos da Federación Madrileña da Internacional. Malamente consigue subsistir co pequeno salario de aprendiz de tipógrafo, pese ó cal segue a súa formación autodidacta e asiste ás charlas académicas impartidas nos locais do Colegio Internacional ou no de San Carlos, o que, xunto a numerosas lecturas, o irán formando.

O 26 de xuño de 1870, os tipógrafos madrileños o elixen como delegado ó consello local da AIT. Un ano despois aparecerá o seu primeiro escrito no boletín Solidaridad, unha alegación contra a guerra. E en 1874 xa é presidente da Asociación General del Arte de Imprimir. Serán anos de persecucións e violencia contra as sociedades obreiras por parte do Goberno. Persecución que se endurecería coa chegada de Sagasta, en 1881, pero que iría fraguando o seu ideario socialista, xunto a correspondencia que mantén con Engels e o seu contacto con Paul Lafargue, xenro de Karl Marx.

Pese a ser despedido de varias imprentas e ameazado, dende a clandestinidade irá preparando o que sería un novo partido, obreiro e socialista, que vería a luz o 2 de maio de 1879, coa fundación do PSOE na taberna Casa Labra, na rúa Tetuan, a que asistirían 25 compañeiros, entre tipógrafos, médicos, xoieiros, un marmolista e un zapateiro.

A súa vida foi de austeridade, propia da pobreza coa que vivía a clase traballadora daqueles tempos. Chegou a verse na obriga de vivir na redacción do xornal do Partido, “El Socialista”, que serviría para articular o socialismo español, e que lle aportaría, con frecuencia, o seu único salario.

En 1888 fundaría tamén a UGT, da que sería Presidente a partir de 1889. Ese mesmo ano acudiría ó Congreso fundacional da Segunda Internacional, en representación do PSOE. En 1890 encabezou a primeira manifestación do 1º de Maio en España, esixindo a xornada laboral de 8 horas e o cese do emprego de nenos nas actividades laborais. Ese mesmo ano, no II Congreso do PSOE, decidiuse a participación nas eleccións, logrando saír elixido concelleiro por Madrid, xunto a Largo Caballero e García Ormaechea, en 1905.

En 1908 fundaría a primeira Casa do pobo, e en 1909 foi detido 18 días por asinar un manifesto convocando á folga xeral. Un ano despois lograría ser o primeiro deputado dun partido obreiro no Parlamento Español, número que iría incrementándose nos anos posteriores.

En 1919, tivo que deixar parte das súas obrigas políticas por causa dunha pulmonía e unha saúde xa moi resentida, e entre 1920 e 1921 tería que ver como se producían dúas escisións no PSOE por parte de grupos partidarios de unirse á Internacional Comunista, e que acabarían fundando o Partido Comunista de España.

Falecería o 9 de decembro de 1925, en Madrid. O seu cadáver foi embalsamado e exposto na capela da Casa do Pobo de Madrid. Uns 150.000 cidadáns acudiron ó seu funeral. Coñecida a súa morte en Ferrol, parten no tren correo, para Madrid, diversos traballadores que, no enterro, portarán a bandeira da Agrupación Socialista ferrolá e unha coroa na que se podía ler: “os obreiros de Ferrol ó seu paisano e mestre”. O domingo 13, partindo do Centro Obreiro de Ferrol, unha multitude percorre a cidade e regresa cara Esteiro para finalizar deixando flores na rúa de San Fernando, 3, considerada casa natal de Iglesias. Non sería a única mostra de cariño dos seus paisanos galegos; en 1926 a corporación ferrolá acorda colocar unha placa conmemorativa, que sería finalmente colocada na casa consistorial (nos Cantóns), e a praza das Angustias pasou a chamarse, uns anos despois, en tempos da Segunda República, Praza de Pablo Iglesias.

Nunca se casou, aínda que si tivo parella e tratou o fillo da mesma como se fora propio.

A diferenza doutros líderes obreiros da súa época, que proviñan das clases medias ou da baixa burguesía, Pablo Iglesias partiu do escalafón máis baixo, proletario e emigrante.

Durante anos e en numerosas ocasións visitaría Galicia para facer campañas e estender o pensamento socialista, como se recolle na publicación da Fundación Luís Tilve: “As viaxes de Pablo Iglesias por Galicia”.

Hoxe en día o seu legado segue vivo e é tan necesario como entón, xa que continua a precariedade dos traballadores, que ven vulnerados os seus dereitos un día tras outro.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 




Fundación Luis Tilve - Santiago de Compostela. A Coruña. Galicia. España