A Fundación “LUÍS TILVE” é unha institución con carácter de Fundación cultural privada, recoñecida como tal pola Consellería de Cultura e Xuventude (D.O.G. de 22 de abril de 1991) e declarada de interese galego por Orde do 1 de abril de 1991 da Xunta de Galicia (D.O.G. do 13 de maio de 1991). A Fundación constitúese en Santiago de Compostela o día 9 de outubro de 1989, a partir da idea do, nese momento, Secretario Xeral de UGT-Galicia, Suso Mosquera, quen consideraba fundamental o estudio histórico dos movementos sociais, sindicais, políticos e culturais contemporáneos, así como a conservación da documentación que obraba en poder do sindicato ou que puidera chegar a el. Obxecto e finalidade da Fundación A Fundación ten entre os seus obxectivos, definidos nos seus propios estatutos: Fomentar o coñecemento e o espallamento da Cultura Sindical. Axudar ó estudio e á investigación da historia dos sindicatos, e en particular da UGT en Galicia. Axudar ó estudio e á investigación do Sindicalismo e da súa problemática na sociedade galega de hoxe. Contribuír ó estudio e á investigación da emigración e a inmigración galegas. Contribuír á formación, no seu lato significado, dos responsables e dirixentes sindicais, en orde a favorecer o mellor cumprimento da súas responsabilidades específicas. Contribuír á formación da clase traballadora, tanto dende o punto de vista laboral como dende unha perspectiva profesional, incluíndo a do profesorado en exercicio. Ser depositaria dos Arquivos Histórico e Documental da UGT de Galicia. Custodiar, ordenar e manter a Biblioteca da UGT de Galicia. Facilitar ós estudantes e investigadores de cuestións relacionadas con este obxecto fundacional o seu labor. Elaborar e subministrar información sobre tódolos temas que signifiquen un progreso para a clase traballadora. Promover os valores do traballo digno, as accións solidarias e a defensa do medio ambiente e dos bens comúns. Fomentar o estudo e a investigación no ámbito das ciencias sociais, históricas e xurídicas, par ao mellor cumprimento dos fins antes salientados. Dende a súa creación a Fundación Luís Tilve traballa pola difusión da cultura galega, concretando o seu campo na recuperación da memoria histórica do País galego preferentemente no mundo laboral, e ao mesmo tempo convocando actos de completa actualidade no seu momento para a análise da realidade social que envolve a Galicia dende distintas ópticas. De feito un dos proxectos presentes nos seus obxectivos dende a súa constitución é o contacto cos centros galegos da emigración, para non deixar no esquecemento aos nosos cidadáns, que por diversas causas tiveron que emigrar lonxe da súa terra. Para acadar todos estes obxectivos a Fundación ven formulando dende a súa creación diversas actividades que conforman a columna vertebral da súa existencia: Organizar cursos, conferencias, congresos, symposiums, conversas e sesións de estudio e investigación arredor de temas e problemas sindicais, laborais, industriais e sociais. Redactar, editar, subvencionar e distribuír folletos, monografías e toda clase de publicacións de información, formación e divulgación de temas relacionados co mundo sindical, laboral, industrial e social. Realizar exposicións monográficas arredor de aspectos e temas laborais, industriais, sociais e sindicais. Subscribir acordos ou convenios con diferentes institucións públicas, ou entidades privadas. Relacionarse con outros Arquivos e Fundacións que poidan aportaren documentos de interese en relación co obxecto e finalidade fundacional. Calquera outra actividade que a Xunta do Padroado estime conveniente para o cumprimento do obxecto fundacional.
                                  fundación luis tilve              
          ____________________________________________________________________________

 Avda. Cruceiro de A Coruña, 22 Baixo. 15705 - Santiago de Compostela (A Coruña)
Tlf:  981 58 54 90                                                              Fax:  981 56 68 30

fluistilve@hotmail.com                                   fluistilve@fundacionluistilve.com

Coñecenos
conocenos fundación luis tilve
Centro documental
centro documental fundación luis tilve
LEMBRANZA A SECUNDINO COUTO SOLLA:
O xoves 12 de abril de 2018, no barrio de Canedo (Ourense), rendiuse un merecido homenaxe ó alcalde republicano-socialista do antiguo concello de Canedo, Secundino Couto Solla, represaliado e perseguido por defender os seus ideais e ós seus veciños, cuxa memoria merece ser recordada e non silenciada pola barbarie.
O acto, que estivo organizado pola Secretaría de Memoria Histórica da Agrupación Socialista Provincial de Ourense, coa colaboración da Fundación Luís Tilve, contou coa intervención do Secretario Xeral da citada agrupación, Rafael Rodríguez Villarino, quen agradeceu á familia a súa presenza e colaboración e manifestou o sorprendente que é o feito de que unha figura como a de Secundino estivera esquecida, polo que a recuperación da súa memoria é un acto obrigado e merecido, de xustiza, así como a todas aquelas persoas que sufriron represión polo simple feito de defender os seus dereitos e os seus ideais; e que, como non podía ser doutra maneira, o tiña esa débeda con él, xa que se trata dunha persoa emblemática do socialismo ourensán.
A continuación falou o Secretario de Memoria Histórica e delegado da Fundación Luís Tilve en Ourense, Javier Quintas Ferreño, autor do libro editado pola Fundación que se presentou no acto e que recolle a biografía do alcalde. Quintas dibuxou o perfil de Couto: cantero, masón, socialista, republicano, que en 1899, con 26 anos, foi nomeado Secretario do PSOE de Ourense polo propio Pablo Iglesias. Como alcalde deixou un gran legado, "10 escolas, incrementou o número de médicos e ata instalou un servizo veterinario", recordó Quintas.
Finalmente interveu a neta de Secundino, Hilde Couto Serantes, en nome da familia, cunhas sentidas e honestas verbas que lle puxeron o ton humano ó acto, que rematou cun video homenaxe e a firma de libros.

A publicación editada pola Fundación, "Lembranza a Secundino Couto Solla" pode adquirirse na páxina Web da Fundación, na Agrupación Socialista de Ourense, ou a través da nosa distribuidora: Galaxia.


Fundación Luis Tilve - Santiago de Compostela. A Coruña. Galicia. España