A Fundación “LUÍS TILVE” é unha institución con carácter de Fundación cultural privada, recoñecida como tal pola Consellería de Cultura e Xuventude (D.O.G. de 22 de abril de 1991) e declarada de interese galego por Orde do 1 de abril de 1991 da Xunta de Galicia (D.O.G. do 13 de maio de 1991). A Fundación constitúese en Santiago de Compostela o día 9 de outubro de 1989, a partir da idea do, nese momento, Secretario Xeral de UGT-Galicia, Suso Mosquera, quen consideraba fundamental o estudio histórico dos movementos sociais, sindicais, políticos e culturais contemporáneos, así como a conservación da documentación que obraba en poder do sindicato ou que puidera chegar a el. Obxecto e finalidade da Fundación A Fundación ten entre os seus obxectivos, definidos nos seus propios estatutos: Fomentar o coñecemento e o espallamento da Cultura Sindical. Axudar ó estudio e á investigación da historia dos sindicatos, e en particular da UGT en Galicia. Axudar ó estudio e á investigación do Sindicalismo e da súa problemática na sociedade galega de hoxe. Contribuír ó estudio e á investigación da emigración e a inmigración galegas. Contribuír á formación, no seu lato significado, dos responsables e dirixentes sindicais, en orde a favorecer o mellor cumprimento da súas responsabilidades específicas. Contribuír á formación da clase traballadora, tanto dende o punto de vista laboral como dende unha perspectiva profesional, incluíndo a do profesorado en exercicio. Ser depositaria dos Arquivos Histórico e Documental da UGT de Galicia. Custodiar, ordenar e manter a Biblioteca da UGT de Galicia. Facilitar ós estudantes e investigadores de cuestións relacionadas con este obxecto fundacional o seu labor. Elaborar e subministrar información sobre tódolos temas que signifiquen un progreso para a clase traballadora. Promover os valores do traballo digno, as accións solidarias e a defensa do medio ambiente e dos bens comúns. Fomentar o estudo e a investigación no ámbito das ciencias sociais, históricas e xurídicas, par ao mellor cumprimento dos fins antes salientados. Dende a súa creación a Fundación Luís Tilve traballa pola difusión da cultura galega, concretando o seu campo na recuperación da memoria histórica do País galego preferentemente no mundo laboral, e ao mesmo tempo convocando actos de completa actualidade no seu momento para a análise da realidade social que envolve a Galicia dende distintas ópticas. De feito un dos proxectos presentes nos seus obxectivos dende a súa constitución é o contacto cos centros galegos da emigración, para non deixar no esquecemento aos nosos cidadáns, que por diversas causas tiveron que emigrar lonxe da súa terra. Para acadar todos estes obxectivos a Fundación ven formulando dende a súa creación diversas actividades que conforman a columna vertebral da súa existencia: Organizar cursos, conferencias, congresos, symposiums, conversas e sesións de estudio e investigación arredor de temas e problemas sindicais, laborais, industriais e sociais. Redactar, editar, subvencionar e distribuír folletos, monografías e toda clase de publicacións de información, formación e divulgación de temas relacionados co mundo sindical, laboral, industrial e social. Realizar exposicións monográficas arredor de aspectos e temas laborais, industriais, sociais e sindicais. Subscribir acordos ou convenios con diferentes institucións públicas, ou entidades privadas. Relacionarse con outros Arquivos e Fundacións que poidan aportaren documentos de interese en relación co obxecto e finalidade fundacional. Calquera outra actividade que a Xunta do Padroado estime conveniente para o cumprimento do obxecto fundacional.
                                  fundación luis tilve              
          ____________________________________________________________________________

 Avda. Cruceiro de A Coruña, 22 Baixo. 15705 - Santiago de Compostela (A Coruña)
Tlf:  981 58 54 90                                                              Fax:  981 56 68 30

fluistilve@hotmail.com                                   fluistilve@fundacionluistilve.com

Coñecenos
conocenos fundación luis tilve
Centro documental
centro documental fundación luis tilve
8 de Marzo:

O día Internacional da Muller Traballadora, aínda que ultimamente tende a ser coñecido coma Día Internacional da Muller, é xa unha data consolidada que celebran en todo o mundo, e unha grande oportunidade para que poidamos reflexionar acerca das condicións vitais e laborais da muller traballadora no mundo e na sociedade en que vivimos.

O Día Internacional da Muller, refírese as mulleres correntes coma artífices da historia e funde as súas raíces na loita plurisecular da muller por participar na sociedade en pe de igualdade co home.

As referencias sobre a orixe da celebración do 8 de Marzo son diversas e se buscan en datas e acontecementos diversos a orixe e o porque dese día.

A historia mais estendida sobre a conmemoración do 8 de Marzo, fai referencia ós feitos que din sucederon nesa data o ano 1908, onde morreron abrasadas 146 mulleres traballadoras da fábrica téxtil Cotton de Nova York, nun incendio provocado polas bombas incendiarias que lle lanzaron ante a negativa de abandonar o encerro, no que protestaban polos baixos salarios e as infames condicións de traballo que padecían.

Outras fontes sinalan o ano 1857 coma a orixe dese 8 de Marzo; sinalan tamén un incendio provocado nunha fábrica téxtil de Nova York, a Triangle Shirt Waist Company, como a posible causa de elixir esa data.

Pero quizais a tese mais crible e estudada é a que sinala coma data de ese incendio o 25 de Marzo de 1911, poucos días antes da celebración do primeiro día Internacional la Muller, na empresa Triangle Shirtwaist.

Por outra banda tamén se fai referencia a unha manifestación, e barállanse, ó igual que no incendio, moitas datas posibles.

Dita manifestación celébrase o 27 de setembro de 1909, no marco dunha folga de mais de trece semanas dos empregados e empregadas do sector téxtil, que realizaron no East Side de Nova York.

Parece que a orixe da idea de celebrar un día Internacional da Muller Traballadora está na proposta que Clara Zetkin, líder do movemento alemán de mulleres socialistas, presentou na II Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas, celebrada en Copenhague en 1910, baseada na celebración do Women´s Day que as socialistas estadounidenses levaban festexando dende 1908 para reivindicar o sufraxio feminino.

Como consecuencia da decisión adoptada en Copenhague o ano anterior, o Día Internacional da Muller celebrouse por primeira vez (o 10 de Marzo) en Alemaña, Austria, Dinamarca e Suíza, con mitins ós que asistiron mais de un millón de mulleres e homes. Ademais do dereito o voto e de ocupar cargos públicos, esixiron o dereito ó traballo, a formación profesional e a non discriminación laboral.

Na consolidación universal do 8 de Marzo como tal data, a partir de 1917, é posible que tivera gran importancia os acontecementos vividos en Rusia o 8 de marzo dese mesmo ano, pois ese foi o día no que as mulleres rusas amotináronse pola falta de alimentos dando inicio o proceso revolucionario que culminaría no mes de outubro seguinte.

A historiografía occidental oficial intentou suprimir esas referencias históricas, excesivamente vinculadas ó movemento comunista internacional, ofrecendo o substitutivo do incendio da fábrica téxtil ou a manifestación das traballadoras en Nova York para xustificala celebración, o 8 de Marzo, coma Día Internacional da Muller Traballadora.

Xa en 1977, o 16 de Decembro, a Asemblea Xeral invitou a tódolos Estados a que proclamaran, de acordo coas súas tradicións históricas e costumes nacionais, un día o ano coma "Día Internacional das Nacións Unidas para os Dereitos da Muller". Esa decisión adoptouse con motivo do Ano Internacional da Muller (1975) e do Decenio das Nacións Unidas para a Muller (1976-1985), ambos proclamados pola Asemblea.

Posteriormente, na Conferencia Mundial dos Dereitos Humanos, celebrada en Viena en 1993, declarouse e recoñeceuse que "os dereitos humanos da muller e da nena son parte inalienable, integrante e indivisible dos dereitos humanos universais".

Sen embargo, case un século despois de aqueles feitos que se conmemoran nesa data, pódese observar como os dereitos humanos, e especialmente os laborais, seguen sen ser respectados.

Por todo iso, a conmemoración desa data, do 8 de Marzo, debe servirnos para tomar conciencia e reflexionar sobre "os dereitos humanos que toda muller debe ter", e facernos recordar cada día que queda moito por facer.



Fundación Luis Tilve - Santiago de Compostela. A Coruña. Galicia. España