A Fundación “LUÍS TILVE” é unha institución con carácter de Fundación cultural privada, recoñecida como tal pola Consellería de Cultura e Xuventude (D.O.G. de 22 de abril de 1991) e declarada de interese galego por Orde do 1 de abril de 1991 da Xunta de Galicia (D.O.G. do 13 de maio de 1991). A Fundación constitúese en Santiago de Compostela o día 9 de outubro de 1989, a partir da idea do, nese momento, Secretario Xeral de UGT-Galicia, Suso Mosquera, quen consideraba fundamental o estudio histórico dos movementos sociais, sindicais, políticos e culturais contemporáneos, así como a conservación da documentación que obraba en poder do sindicato ou que puidera chegar a el. Obxecto e finalidade da Fundación A Fundación ten entre os seus obxectivos, definidos nos seus propios estatutos: Fomentar o coñecemento e o espallamento da Cultura Sindical. Axudar ó estudio e á investigación da historia dos sindicatos, e en particular da UGT en Galicia. Axudar ó estudio e á investigación do Sindicalismo e da súa problemática na sociedade galega de hoxe. Contribuír ó estudio e á investigación da emigración e a inmigración galegas. Contribuír á formación, no seu lato significado, dos responsables e dirixentes sindicais, en orde a favorecer o mellor cumprimento da súas responsabilidades específicas. Contribuír á formación da clase traballadora, tanto dende o punto de vista laboral como dende unha perspectiva profesional, incluíndo a do profesorado en exercicio. Ser depositaria dos Arquivos Histórico e Documental da UGT de Galicia. Custodiar, ordenar e manter a Biblioteca da UGT de Galicia. Facilitar ós estudantes e investigadores de cuestións relacionadas con este obxecto fundacional o seu labor. Elaborar e subministrar información sobre tódolos temas que signifiquen un progreso para a clase traballadora. Promover os valores do traballo digno, as accións solidarias e a defensa do medio ambiente e dos bens comúns. Fomentar o estudo e a investigación no ámbito das ciencias sociais, históricas e xurídicas, par ao mellor cumprimento dos fins antes salientados. Dende a súa creación a Fundación Luís Tilve traballa pola difusión da cultura galega, concretando o seu campo na recuperación da memoria histórica do País galego preferentemente no mundo laboral, e ao mesmo tempo convocando actos de completa actualidade no seu momento para a análise da realidade social que envolve a Galicia dende distintas ópticas. De feito un dos proxectos presentes nos seus obxectivos dende a súa constitución é o contacto cos centros galegos da emigración, para non deixar no esquecemento aos nosos cidadáns, que por diversas causas tiveron que emigrar lonxe da súa terra. Para acadar todos estes obxectivos a Fundación ven formulando dende a súa creación diversas actividades que conforman a columna vertebral da súa existencia: Organizar cursos, conferencias, congresos, symposiums, conversas e sesións de estudio e investigación arredor de temas e problemas sindicais, laborais, industriais e sociais. Redactar, editar, subvencionar e distribuír folletos, monografías e toda clase de publicacións de información, formación e divulgación de temas relacionados co mundo sindical, laboral, industrial e social. Realizar exposicións monográficas arredor de aspectos e temas laborais, industriais, sociais e sindicais. Subscribir acordos ou convenios con diferentes institucións públicas, ou entidades privadas. Relacionarse con outros Arquivos e Fundacións que poidan aportaren documentos de interese en relación co obxecto e finalidade fundacional. Calquera outra actividade que a Xunta do Padroado estime conveniente para o cumprimento do obxecto fundacional.
                                  fundación luis tilve              
          ____________________________________________________________________________

 Avda. Cruceiro de A Coruña, 22 Baixo. 15705 - Santiago de Compostela (A Coruña)
Tlf:  981 58 54 90                                                              Fax:  981 56 68 30

fluistilve@hotmail.com                                   fluistilve@fundacionluistilve.com

Coñecenos
conocenos fundación luis tilve
Centro documental
centro documental fundación luis tilve
14 de Abril:

A Segunda República Española é o réxime político polo que se rexeu España no período que abarca dende o 14 de Abril de 1931, data da proclamación da mesma e da saída de España do Rei Alfonso XIII, e o 1 de Abril de 1939, data da vitoria definitiva do bando fascista na Guerra Civil Española.

Trala dimisión voluntaria do xeneral Miguel Primo de Rivera, Afonso XIII intentou devolver o debilitado réxime monárquico a senda constitucional e parlamentaria, a pesar da debilidade dos partidos dinásticos.

Para iso o goberno da Coroa convocou unha rolda de eleccións que debían inxectar lexitimidade democrática  as institucións monárquicas.

O 12 de Abril celebráronse as eleccións municipais.

Aínda que se saldaron cunha contundente vitoria monárquica nas urnas, o impulso republicano quedou de manifesto o triunfar en 41 capitais de provincia.

Ante esta situación, o Monarca renunciou a manterse no poder, e o 14 de abril fixo público un manifesto no que así o constataba.

Afonso XIII abandonou o pais sen abdicar formalmente e trasladouse a París, fixando posteriormente a súa residencia en Roma. En Xaneiro de 1941 abdicou en favor do seu terceiro fillo, Juan, falecendo o 28 de febreiro do mesmo ano.

Para cubrir este baleiro de poder proclamouse un goberno provisional, composto polos dirixentes dos grupos asinantes do Pacto de San Sebastián, dirixido por Niceto Alcalá Zamora. Este goberno provisional tivo que facer fronte a certas tarefas urxentes:

- Negociar  a renuncia dos nacionalistas cataláns a declarar o estado catalán..lógrano a cambio dunha oferta rápida de tramitar un Estatuto de autonomía.

- Frear as actitudes intransixentes do clero e dos anticlericais.

- Convocar unhas eleccións a contes constituíntes, que posibiliten escoller un goberno democrático e iniciar a elaboración dun texto constitucional. As eleccións deron a maioría os grupos pro-reformistas dos partidos centristas republicanos e PSOE. Como presidente do goberno os parlamentarios escollen a Niceto Alcalá Zamora.
Por outra parte os deputados aproban o 9/12/1931 un novo texto constitucional. Tras a aprobación do texto constitucional o congreso nomea a Niceto Alcalá Zamora coma Presidente da República e a Manuel Azaña coma presidente do goberno.

Durante o período republicano podemos distinguir tres momentos distintos:
- Un bienio reformista (1931-1933)
- Un bienio anti-reformista(1934-1936)
- Un trienio de dobre poder: goberno republicano da Fronte Popular / Goberno dos sublevados (1936-1939)


1. O goberno do bienio reformista ou de esquerdas (1931-1933)


O goberno de Manuel Azaña planeou un amplo programa de reformas co obxectivo de rexenerar España. Entre esas reformas destacan por exemplo a reforma educativa e do clero; a reforma militar; a reforma agraria; a reforma da estrutura territorial do estado e as reformas sociais.

Pero a II República xorde nun contexto internacional dominado polos efectos da grande crise económica de 1929 e polo desprestixio dos sistemas liberal-parlamentarios (auxe dos totalitarismos), polo tanto o goberno terá serias dificultades para levar adiante o programa de reformas debido a que:

- o paro crecía de xeito espectacular.

- Os empresarios, terratenentes e finaceiros acusaban ó goberno de ser o culpable das dificultades económicas coa súa política de reformas. Consideraban que beneficiaba en exceso a obreiros e xornaleiros, e esixían orden e protección para os seus intereses.

- Os obreiros e xornaleiros, dirixidos pola UGT e CNT, consideraban que as reformas eran moi escasas, lentas e inútiles para frear o paro. Protestaban con folgas, manifestacións, ocupacións de fincas...

- Os católicos conservadores, tras lograr unificarse na Confederación Española de Dereitas Autónomas (CEDA), en 1933, liderados por José María Gil Robles, empezaron unha campaña de acoso ó goberno acusándoo de levar adiante reformas anticlericais.

- Os monárquicos afonsinos, os monarcas carlistas e os fascistas da Falanxe, fundada e dirixida por José Antonio Primo de Rivera, alíanse nunha  aposta pola violencia e na estratexia de provocar nos militares a necesidade de organizar un golpe de estado.

Ante os enormes conflitos sociais, as tensións políticas e a división interna entre os grupos que apoiaban o goberno de Manuel Azaña ( os socialistas non estaban dispostos a apoiar un goberno lento nas reformas e rápido para reprimir os campesiños descontentos), o presidente da República, Niceto Alcalá Zamora, en setembro de 1933 destitúe a Manuel Azaña, disolve as cortes e convoca eleccións para fins de 1933.

2. O goberno do bienio anti-reformista ou de dereitas (1933-1935).

Nas eleccións de novembro de 1933 os grupos políticos de centro-esquerda sufriron un fracaso, debido ó descontento coas reformas, a división entre os grupos de esquerda e o abastecemento dos anarquistas; en cambio os grupos de centro(Partido Republicano Radical, de Lerroux) e de dereita (CEDA, de José María Gil Robles) alcanzaron unha ampla maioría, favorecidos polo desgaste do goberno reformista, pola unidade dos católicos e polo sufraxio universal total.

O presidente da República, Niceto Alcalá, elixiu a Lerroux como presidente do goberno, co obxectivo de evitar un cambio demasiado brusco na orientación política da República. Os gobernos do Partido Radical levaron a cabo unha política antirreformista de suspender ou anular as distintas reformas.

Ante a actitude dos gobernos de Lerroux creceron o descontento e as protestas nas rúas... a UGT e a CNT planearon folgas de obreiros e mobilizacións de xornaleiros...nacionalistas cataláns e vascos enfrontáronse as inxerencias centralistas do goberno.
Pero o malestar desbordouse en outubro de 1934, pois o feito de que Lerroux acabase por aceptar nomear a tres ministros da CEDA foi considerado polos grupos reformistas como unha claudicación ante unha chantaxe.

O descubrimento de casos de soborno e de escándalos financieros, que provocaron a dimisión de certos ministros do Partido Radical, levou a Niceto Alcalá Zamora a cesar a Lerroux, e para non ter que nomear a Gil Robles como presidente do goberno optou por segunda vez disolver as cortes e convocar eleccións para febreiro de 1936.

3. O triunfo da Fronte Popular e o golpe de Estado.

Nas eleccións de febreiro de 1936 fracasaron o Partido Radical e a CEDA, e triunfaron a Fronte Popular por maioría absoluta.
O presidente da República, Niceto Alcalá Zamora, chamou a formar goberno a Manuel Azaña.

Este goberno atopouse cunha crecente crispación social (atentados profascistas, queima de conventos e igrexas por anticlericais, folgas e ocupacións de terras dos obreiros e xornaleiros).

Neste contexto o Congreso decidiu depoñer a Niceto Alcalá Zamora (pois a constitución de 1931 recoñecía ós deputados das cortes o dereito a depoñer o presidente da República cando este tivera disolto as Cortes dúas veces ou máis, durante o seu mandato, se consideraban estas disolucións incorrectas ou precipitadas) e nomear como presidente da República a Manuel Azaña. O novo xefe de goberno, Casares Quiroga, non tivo capacidade para frear a situación revolucionaria levada a cabo pola CNT, nin para impedir os asasinatos dos pistoleiros falanxistas (asasinato do tenente Castillo) e a vinganza dos Gardas de Asalto ( asasinato do líder de dereitas, José Calvo Sotelo).

Dende o triunfo electoral da Fronte Popular en febreiro de 1.936, certos grupos de militares, liderados por Sanjurjo, Mola, Franco, trataron de organizar un golpe de estado aproveitando este contexto de crispación e violencia, o igual que certos grupos políticos fixeron os seus plans de insurrección contra o goberno republicano.

O desconcerto do goberno ante a situación de crispación e a axuda da CEDA, os fascistas italianos e os nazis alemáns ós golpistas facilitou a organización dun golpe de Estado: o golpe de estado que se inicia no norte de África o 17 de xullo de 1936, esténdese polo territorio peninsular o 18 de xullo, pero non logra o seu obxectivo de controlar Madrid e derrubar o goberno. Este fracaso do golpe de estado provoca que a situación derive nunha guerra civil.

Debúxase un mapa a partir dese 18 de xullo que dividía o país en dúas grandes zonas: afectos a República e Sublevados.



Fundación Luis Tilve - Santiago de Compostela. A Coruña. Galicia. España