A Fundación “LUÍS TILVE” é unha institución con carácter de Fundación cultural privada, recoñecida como tal pola Consellería de Cultura e Xuventude (D.O.G. de 22 de abril de 1991) e declarada de interese galego por Orde do 1 de abril de 1991 da Xunta de Galicia (D.O.G. do 13 de maio de 1991). A Fundación constitúese en Santiago de Compostela o día 9 de outubro de 1989, a partir da idea do, nese momento, Secretario Xeral de UGT-Galicia, Suso Mosquera, quen consideraba fundamental o estudio histórico dos movementos sociais, sindicais, políticos e culturais contemporáneos, así como a conservación da documentación que obraba en poder do sindicato ou que puidera chegar a el. Obxecto e finalidade da Fundación A Fundación ten entre os seus obxectivos, definidos nos seus propios estatutos: Fomentar o coñecemento e o espallamento da Cultura Sindical. Axudar ó estudio e á investigación da historia dos sindicatos, e en particular da UGT en Galicia. Axudar ó estudio e á investigación do Sindicalismo e da súa problemática na sociedade galega de hoxe. Contribuír ó estudio e á investigación da emigración e a inmigración galegas. Contribuír á formación, no seu lato significado, dos responsables e dirixentes sindicais, en orde a favorecer o mellor cumprimento da súas responsabilidades específicas. Contribuír á formación da clase traballadora, tanto dende o punto de vista laboral como dende unha perspectiva profesional, incluíndo a do profesorado en exercicio. Ser depositaria dos Arquivos Histórico e Documental da UGT de Galicia. Custodiar, ordenar e manter a Biblioteca da UGT de Galicia. Facilitar ós estudantes e investigadores de cuestións relacionadas con este obxecto fundacional o seu labor. Elaborar e subministrar información sobre tódolos temas que signifiquen un progreso para a clase traballadora. Promover os valores do traballo digno, as accións solidarias e a defensa do medio ambiente e dos bens comúns. Fomentar o estudo e a investigación no ámbito das ciencias sociais, históricas e xurídicas, par ao mellor cumprimento dos fins antes salientados. Dende a súa creación a Fundación Luís Tilve traballa pola difusión da cultura galega, concretando o seu campo na recuperación da memoria histórica do País galego preferentemente no mundo laboral, e ao mesmo tempo convocando actos de completa actualidade no seu momento para a análise da realidade social que envolve a Galicia dende distintas ópticas. De feito un dos proxectos presentes nos seus obxectivos dende a súa constitución é o contacto cos centros galegos da emigración, para non deixar no esquecemento aos nosos cidadáns, que por diversas causas tiveron que emigrar lonxe da súa terra. Para acadar todos estes obxectivos a Fundación ven formulando dende a súa creación diversas actividades que conforman a columna vertebral da súa existencia: Organizar cursos, conferencias, congresos, symposiums, conversas e sesións de estudio e investigación arredor de temas e problemas sindicais, laborais, industriais e sociais. Redactar, editar, subvencionar e distribuír folletos, monografías e toda clase de publicacións de información, formación e divulgación de temas relacionados co mundo sindical, laboral, industrial e social. Realizar exposicións monográficas arredor de aspectos e temas laborais, industriais, sociais e sindicais. Subscribir acordos ou convenios con diferentes institucións públicas, ou entidades privadas. Relacionarse con outros Arquivos e Fundacións que poidan aportaren documentos de interese en relación co obxecto e finalidade fundacional. Calquera outra actividade que a Xunta do Padroado estime conveniente para o cumprimento do obxecto fundacional.
                                  fundación luis tilve              
          ____________________________________________________________________________

 Avda. Cruceiro de A Coruña, 22 Baixo. 15705 - Santiago de Compostela (A Coruña)
Tlf:  981 58 54 90                                                              Fax:  981 56 68 30

fluistilve@hotmail.com                                   fluistilve@fundacionluistilve.com

Coñecenos
conocenos fundación luis tilve
Centro documental
centro documental fundación luis tilve
17 de Maio:

Corría o mes de Marzo de 1963. En plena ditadura, a nosa identidade corría o risco de ser asimilada, de desaparecer. Así o vía, e vivía, a xente galega.

As iniciativas que tentaban de recuperar a nosa identidade, se ben diversas e emprendedoras, chocaban por un lado, coa afogante situación que se vivía, e pola outra, coa desorganización que presentaban os sectores intelectuais e políticos da oposición democrática e galeguista, tanto no interior do pais coma no exilio.

Quizais, D. Francisco Fernández del Riego, xuntamente con D. Manuel Gómez Román e D. Xesús Ferro Couselo, tres académicos numerarios, nunca imaxinaran que unha proposta tan sinxela diante da Real Academia Galega, "celebrar, celebrarmos, un Día das Letras Galegas no que se puidesen honrar e dar a coñecer as obras dos nosos autores e autoras mais importantes",fose tan efectiva e de aí xurdise o que hoxe celebramos coma día das Letras Galegas.

Fernández del Riego, Gómez Román e Ferro Couselo presentaron na Real Academia Galega unha proposta histórica:

1º.- Todos sabemos que o libro rosalián editado en 1863, ten sido a primeira obra maestra con que contóu a Literatura Galega Contemporánea. A súa aparición veu a lle dar prestixio universal á nosa fala como instrumento de creación literaria. Representa, pois, un fito decisivo na historia da renacencia cultural de Galicia.

2º.- A celebración do centenario diste acontecimento, convida a reconsiderar o siñificado do mensaxe transmitido nos "Cantares". Un mensaxe que, tanto como esprito e pobo, tanto como universalismo e galeguidade, foi, estéticamente, un mensaxe de palabra e poesía.

3º.- Velahí por qué, ademáis dos aitos conmemorativos que se orgaícen pra reaitualizar na conciencia das xentes o acento de tal mensaxe, a Academia -como órgano oficial da nosa cultura- debería consagrar, con caracter de perdurabilidade, o simbolismo da data nunha celebración anual.

4º.- O millor xeito de o conseguir sería que acordase decrarar Día das Letras Galegas, o 17 de maio de cada ano, a partir do presente. Contaríase así, pra o porvir, cunha xornada oficialmente adicada a honrar ós nosos libros. O día 17 de maio de cada ano viría ser a data destinada a recoller o latexo material da actividade inteleitual galega.

5º.- Ninguén desconoce que o libro ten unha forza simbólica estraordinaria. Sendo a amosa máis reveladora do nivel cultural dos pobos, non é de estranar o afán de esparexelo e de lle abrir camiños pra ensanchar o ámpido dos seus leitores. No caso de Galicia, ningunha data máis axeitada pra enaltecer e difundir o libro eiquí producido, que a que conmemora a pubricación da obra coa que se encetóu o prestixio contemporáneo das Letras galegas.

6º.- De atopar eco no acordo dos numerarios da Corporación o contido dista proposta, compriría dalo a conocer en Nota oficial, recabando a colaboración dos centros culturás de Galicia e a de todos os Centros Galegos do mundo, pra percurar o ésito consagratorio da celebración.


Expuñan que "con motivo de se celebrar aquel ano o centenario da publicación dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro", a Academia debería consagrar, con carácter de perdurabilidade, o simbolismo da data nunha celebración anual.

Estimaban que o libro rosaliano, editado en 1863, "foi a primeira obra maestra coa que contou a literatura galega contemporánea" e que "a súa aparición veu a lle dar prestixio universal a nosa fala como instrumento de creación literaria", concluíndo que representa "un fito decisivo na historia da renacencia cultural de Galicia".

Propuxeron o día 17 de Maio, ó ignorarse a data da publicación do libro, por ser nese día cando Rosalía de Castro dedicoulle a súa obra ao tamén poeta Fernán Caballero. Escolleuse esa data porque Cantares Galegos foi o primeiro libro galego que tivo unha significación universal.

Comezando na primeira edición con Rosalía de Castro, plasmouse o desexo de unir pobo, cultura e identidade diferenciada nunha mesma celebración, porque a autora superaba a etiqueta de simple escritora, porque ai unha imaxe de Rosalía que agrupa simbolicamente os galegos.

Xa ese primeiro ano editouse un libro, unha edición crítica de Cantares Gallegos realizada por Bouza Brey, que foi moi ben acollido.

A partir dese primeiro ano, fóronse celebrando cada ano días das Letras Galegas dedicados cada un deles a unha figura significativa das letras galegas, autores que deron moito e moito significaron para este país.

Coa chegada da Democracia este día cobra un maior impulso e normalízase a súa celebración. De feito son destacables os ciclos de charlas, conferencias, actividades en colexios e universidades e actos institucionais, que con motivo dese día se celebran por toda Galicia. Tamén é destacado ese día por parte dos xornais galegos que fan edicións especiais, ó igual que as editoriais publican edicións do escritor ou escritora que cada ano é obxecto da homenaxe de Galicia con motivo do día das súas letras.

Despois de tantos anos transcorridos conseguiuse que a festa das Letras Galegas teña unha significación, e que todos, grandes e pequenos, saibamos, polo menos ese día, recoñecer o labor e traballo de tantos e tantos "artistas" galegos.

Este ano 2007 dedícase o día das Letras Galegas a María Mariño, poeta totalmente fora da vida literaria, e por iso quizais un tanto descoñecida.

María naceu en Noia no ano 1918. Despois de vivir en varios sitios de Galicia, sobre o ano 1948 asentouse no Courel, onde morrería prematuramente no ano 1967.

No ano 1963 publica "Palabra no Tempo", libro que esperta grande atención da crítica doutros poetas, aínda que o público en xeral apenas a percibiu.

Moitos anos despois, xa en 1990, o Concello de Noia publicou o seu inédito "Verba que comenza".

Para mais información sobre esta poetisa, quizais un pouco descoñecida, homenaxeada este 2007, pódese consultar a páxina: www.diadasletrasgalegas.com.





AUTORES HOMENAXEADOS

1963: Rosalía de Castro (1837-1885). Coa súa obra poética, intimista e comprometida, abriu para a lingua galega un período de esplendor.

1964: Afonso Daniel Rodríguez Castelao (1886-1950). Escritor, debuxante, político, médico, e mesmo actor afeccionado, demostrou coa súa traxectoria vital un compromiso de solidariedade e amor por Galiza que quedou reflectido na súa obra artística e no seu ensaio "Sempre en Galiza".

1965: Eduardo Pondal (1835-1917). O bardo bergantiñán abriu novos camiños coa súa temática celta e intención cívica para a redención total do pobo galego. "Queixume dos pinos" é unha das súas obras máis emblemáticas.

1966: Francisco Añón (1812-1878). Poeta do prerrexurdimento, participante nun volume esencial na historia da literatura clásica "El álbum de la Caridad".

1967: Manuel Curros Enríquez (1851-1908). Verdadeiro poeta civil de Galicia, soubo recoller nos seus traballos a sensibilidade e os desexos do pobo para quen escribía. Entre as súas obras salientan "Aires da miña terra" (1880) e "O divino sainete" (1888)

1968: Florentino López Cuevillas (1886-1958). Investigador e literato da Xeración Nós, abordou de modo sistemático a investigación prehistórica de Galiza.

1969: Antonio Noriega Varela (1869-1947). Con "Montañesas" e "Do ermo", foi quen de buscar e espallar a beleza e a sensibilidade das cousas máis pequenas, da natureza.

1970: Marcial Valladares Núñez (1821-1903). Autor da primeira novela galega impresa en Galicia, "Maxina ou a filla espúrea".

1971: Gonzalo López Abente (1878-1963). O intimismo e a sinxeleza son as características principais do autor de "Cintileos nas ondas".

1972: Valentín Lamas Carvajal (1849-1906). "Espiñas, follas e froles" é o seu principal libro. Foi o editor do diario "O tío Marcos da Portela", primeira publicación periódica escrita integramente en galego.

1973: Manuel Lago González (1865-1925). Poeta formalista e versificador nato, membro da Real Academia Galega, puña freo á súa inspiración coa rixidez e norma que lle influíron os seus estudos eclesiásticos e da literatura de carácter relixioso.

1974: Xohán Vicente Viqueira (1886-1924). Inspirador das Irmandades da Fala, destaca sobre todo polo seu labor como pensador e activo defensor de reformas encamiñadas á innovación e galeguización do sistema educativo.

1975: Xoan Manuel Pintos (1811-1876). Precursor do Rexurdimento, "A Gaita Gallega" convérteo en pioneiro do uso do galego en moitas formas poéticas e mestre induscutible das importantes figuras do noso renacemento literario.

1976: Ramón Cabanillas (1876-1959)
. Poeta, autor teatral, traductor e narrador, consíderase o Poeta da Raza pola súa variedade de rexistros temáticos -amoroso, relixioso, épico, etc...- e estilísticos.

1977: Antón Vilar Ponte (1881-1936). Principal prosista da xeración das Irmandades da Fala e artífice da renovación ideolóxica no pensamento nacionalista destaca polos seus traballos xornalísticos e ensaísticos.

1978: Antón López Ferreiro (1837-1910)
. É, sen dúbida, un dos grandes escritores e pensadores da Galicia da fin do século XIX, continuador tardío da novela romántica. A súa principal achega é "A tecedeira de Bonaval".

1979: Manuel Antonio (1900-1930). Principal poeta das vangardas galegas que soubo atopar un lugar, con "De catro a Catro", entre a liña ruralista dos seus antecesores e a europeísta da Xeración Nós coa introdución do espírito renovador dos ismos europeos e hispanoamericanos.

1980: Afonso X o Sabio (1221-1284). Nel quíxose facer mención a todos os autores da súa Corte que formaron a máis importante colección de poesía medieval galego-portuguesa de temática relixiosa, "As Cantigas de Santa María".

1981: Vicente Risco (1884-1963). Membro do Grupo Nós, destaca pola súa personalidade individualista e conflictiva, aspectos que se reflicten en moitas das súas obras, O porco de pé e Do caso que lle aconteceu ó Doutor Alveiros, e nas que se mostra un amor enorme por Galicia.

1982: Amado Carballo (1901-1927).
"Proel" e "Obra en prosa e verso", compilada por Xosé María Alvárez Blázquez, son as únicas obras deste autor que, con Manuel Antonio, elevou a literatura galega a cotas universais.

1983: Manuel Leiras Pulpeiro (1854-1912)
. Compañeiro de Curros e Lamas Carvajal na literatura finisecular, os seus traballos poéticos están espallados por unha chea de publicacións que recollen a súa sensibilidade e entrega aos máis desfavorecidos.

1984: Armando Cotarelo Valledor (1879-1950).
Presidente do Seminario de Estudos Galegos, é sen dúbida un dos principais autores teatrais de Galiza, como se evidencia nas súa obras "Trebón", "Beiramar" e "Mourenza".

1985: Antón Losada Diéguez (1884-1929). Membro fundamental da Xeración Nós, sen el é imposible entender o camiño do nacionalismo político e cultural. Prosista con influencias na tradición popular e poeta ocasional, as súas obras foron recollidas por Xusto González Beramendi.

1986: Aquilino Iglesia Alvariño (1909-1961). "Señardá", "Corazón ao vento" e "Cómaros Verdes" son as tres principais obras poéticas de quen soubo recoller as máis diferentes influencias da literatura do seu tempo (Antero de Quental, hilozoísmo, etc...), facendo unha poesía nova e ricaz.

1987: Francisca Herrera Garrido (1869-1950). "Néveda", novela de forte inspiración posromántica, fai da súa autora unha das máis importantes figuras femininas da literatura galega, sendo considerada coma discípula de Rosalía.

1988: Ramón Otero Pedrayo (1888-1976). Pouco se pode dicir en tres liñas de quen foi o gran mestre da Xeración Nós e anovou e ampliou os lindes da literatura galega moderna.

1989: Celso Emilio Ferreiro (1912-1979).
Nunca un libro, "Longa Noite de Pedra", serviu tan marabillosamente para reflectir unha sociedade en loita pola súa liberdade e dar a coñecer a un poeta, que con toda a súa produción poética e prosística, é o poeta cívico e moral, por excelencia, dos tempos modernos.

1990: Luis Pimentel (1885-1985).
Poeta lugués que reflicte un tempo de inquedanzas e desexos de paz en libros coma "Triscos" e "Sombra do aire na herba", publicado postumamente.

1991: Álvaro Cunqueiro (1911-1981)
. Poeta, narrador, autor teatral, pensador e ensaísta que deu ós novos autores, un mundo cheo de suxestións e camiños para descobrir e que fose posible o seu desexo de que a lingua galega tivese mil primaveras máis.

1992: Fermín Bouza Brey (1901-1973). Con "Nao senlleira" abre unha das máis importantes liñas poéticas da nosa litetura, o neotrobadorismo, que serviu para achegármonos ó fascinante mundo da literatura medieval galego-portuguesa.

1993: Eduardo Blanco Amor (1879-1979). Considérase coma un dos grandes novelistas da literatura galega con obras coma "Xente ao lonxe", "A esmorga", "Os biosbardos", etc...

1994: Luís Seoane (1910-1979)
. Con este autor represéntase o labor dos galegos no exilio. Figura polifacética e complexa, Seoane é poeta e prosista ocasional que non pode desbotar as cargas do seu compromiso político e social en defensa da liberdade.

1995: Rafael Dieste (1899-1981)
. Pertence á chamada Xeración do 22. Cos seus contos e pezas de teatro, entre as que destacan "A fiestra Valdeira" e "Dos arquivos do Trasno", tentou de modernizar o sistema literario galego afastándoo do ruralismo.

1996: Xesús Ferro Couselo. (1906-1975) Aínda que ten publicado algún artigo sobre o galego e a súa historia, Ferro Couselo foi un historiador e divulgador do pasado de Galicia e, en concreto, de Ourense e a súa provincia.

1997: Ánxel Fole (1903-1986).
Este autor, fundamentalmente escritor de relatos, foi un gran retratista da Galicia de posguerra e soubo incorporar á súa paisaxe narrativa toda a esencia da nosa tradición cultural. Probablemente a súa obra máis coñecida sexa "Á lus do candil " (1953).

1998: Meendinho, Johám de Cangas e Martin Codax. Representantes da etapa histórica en que a nosa literatura se desenvolvía nun contexto de normalidade lingüística e cultural, trascendendo a importancia do corpus literario galego as fronteiras do noso país.

1999: Roberto Blanco Torres. (1891-1936) Xornalista e poeta, desenvolveu unha intensa actividade como correspondente durante a súa etapa de emigrante en Cuba. Ao seu regreso a Galiza, convértese nunha das sinaturas máis coñecidas da prensa galega da época e colabora con medios de ideoloxía agrarista, anticaciquil e galeguista. Dirixiu, entre outras publicacións, "El Correo Ferrolano" e "La Zarpa". Foi asasinado en 1936 por unha gavela falanxista en Entrimo.

2000: Manuel Murguía. (1833-1923) Persoeiro de grande relevancia para a cultura galega, casado con Rosalía de Castro. Foi arquiveiro, historiador, xornalista e guieiro da intelectualidade galega do seu tempo, amais de ser o primeiro presidente da Real Academia Galega. É autor, entre outras, das seguintes obras: "Diccionario de escritores gallegos", "Historia de Galicia", "Los Precursores" e "Galicia".

2001: Eladio Rodríguez. (1864-1949) Compaxinou o seu traballo de funcionario coa súa vocación xornalística e poética. Foi elixido polos membros da Real Academia Galega especialmente pola súa contribución ao estudio do léxico galego. Traballou durante dous anos no primeiro gran dicionario da nosa lingua, o "Diccionario Enciclopédico Gallego-Castellano".

2002: Frei Martín Sarmiento. (1695-1772) Ilustrado nacido en Vilafranca do Bierzo, defensor convencido da educación en galego e un dos primeiros autores en documentar e estudar o galego. Interesouse pola historia natural, entre outros campos, especialmente pola botánica. Iniciou un catálogo de voces galegas de diferentes plantas coa información que compilou nas súas viaxes por Galiza.

2003: Antón Avilés de Taramancos. (1935-1992) Poeta de familia mariñeira, pasou varios anos na emigración americana exercendo os máis diversos oficios, ata que volveu á súa Noia natal e abriu unha taberna. A súa obra poética iniciouse con "As moradías do vento" (1955) e "A frauta e o garamelo" (1959). Posteriormente publicaría "O tempo no espello" , "Cantos caucanos", "As torres no ar" e "Última fuxida a Harar".

2004: Xaquín Lorenzo. (1907-1989) Este etnógrafo ourensán deulle a Galiza unha importante obra na que se analisa a vivenda, o carro ou as cantigas tradicionais. En 1926 pasou a formar parte do Seminario de Estudos Galegos, en 1930 axudou a fundar a Irmandade Nazonalista (coa Xeración Nós) e un ano despois asinou o Manifesto do Partido Nazonalista Repubricán, que logo se incluiría no Partido Galeguista. Durante a Guerra ferírono de gravidade en Villablino (León). En 1940 redactou o guión do documental O carro e o home de Antonio Durán, no 51 ingresou na Academia e dende 1977 presidiu o Museo do Pobo Galego.


2005: Xesús Lorenzo Varela Vázquez (1916-1978) fillo de emigrantes galegos orixinarios de Monterroso
(Lugo), naceu o 10 de agosto de 1916 a bordo do barco “La Navarre” á entrada do porto da Habana (Cuba). Foi o primeiro destino da súa familia na emigración, xa que algúns anos despois trasládase a Bos Aires (Arxentina) desde onde regresa a Galicia –concretamente a Lugo- onde se relaciona cos galeguistas destacados da época.
A finais de 1941 Lorenzo Varela decide regresar a Arxentina onde estivera de neno. Recala en Bos Aires onde traba amizade con Dieste, Luis Seoane ou Eduardo Blanco Amor. É neste país onde desenvolve a sua obra poética integrada polos libros: Torres de Amor (1942, íntegramente en castelán), Catro poemas galegos (1951) e Lonxe (1954). De publicación póstuma é Homaxes (1979), que inclúe poemas en galego e castelán, e tamén a publicación pola Biblioteca do Exilio da súa Obra Poética Completa, e da obra en castelán Ensayos, conferencias y otros escritos. Pero Lorenzo Varela non se afasta do contacto co xornalismo da época e do lugar, e publica en xornais como Clarín, El Mundo e La Nación, e en revistas como Primera Plana, Sur e Cabalgata, e tamén exerce tarefas de traductor do portugués ó castelán.

2006: Manuel Lugrís (1863-1940) Ós vinte anos emigrou a Cuba e alí permaneceu ata 1896. No ano 1885 funda o periódico A Gaita Galega, o primeiro dos publicados na emigración que estaba integramente redactado en galego. Ó volver de América instalouse na Coruña e traballou como administrativo no Servicio de Augas. Foi un dos membros fundadores da Academia Galega, que presidirá durante 1934 e 1935. En 1923 ingresa como membro no Seminario de Estudios Galegos. Participou no Partido Galeguista e foi membro da comisión que redactou o anteproxecto do Estatuto de Autonomía de 1932. Iniciouse literariamente na poesía, pero tamén escribiu contos e a súa preocupación polo galego levouno a escribir Gramática do idioma galego publicada en 1922 cunha segunda edición en 1931.

2007: María Mariño (1918-1967) Trátase dunha poeta totalmente fóra da vida literaria, próxima por veciñanza, amizade e poesía a Novoneyra, que presentando o seu libro dicía: "En M.M. confírmase o mito da profundidá da alma galega. Angustia, Espranza, Memoria, Nostalxia e Arelanza: todo o mundo do esprito. Unha poesía de son esencial -muitas veces no xeito da canción popular e sempre no estilo de Galicia que é o estilo da fala- donde o misterio nos chega".





Fundación Luis Tilve - Santiago de Compostela. A Coruña. Galicia. España