A Fundación “LUÍS TILVE” é unha institución con carácter de Fundación cultural privada, recoñecida como tal pola Consellería de Cultura e Xuventude (D.O.G. de 22 de abril de 1991) e declarada de interese galego por Orde do 1 de abril de 1991 da Xunta de Galicia (D.O.G. do 13 de maio de 1991). A Fundación constitúese en Santiago de Compostela o día 9 de outubro de 1989, a partir da idea do, nese momento, Secretario Xeral de UGT-Galicia, Suso Mosquera, quen consideraba fundamental o estudio histórico dos movementos sociais, sindicais, políticos e culturais contemporáneos, así como a conservación da documentación que obraba en poder do sindicato ou que puidera chegar a el. Obxecto e finalidade da Fundación A Fundación ten entre os seus obxectivos, definidos nos seus propios estatutos: Fomentar o coñecemento e o espallamento da Cultura Sindical. Axudar ó estudio e á investigación da historia dos sindicatos, e en particular da UGT en Galicia. Axudar ó estudio e á investigación do Sindicalismo e da súa problemática na sociedade galega de hoxe. Contribuír ó estudio e á investigación da emigración e a inmigración galegas. Contribuír á formación, no seu lato significado, dos responsables e dirixentes sindicais, en orde a favorecer o mellor cumprimento da súas responsabilidades específicas. Contribuír á formación da clase traballadora, tanto dende o punto de vista laboral como dende unha perspectiva profesional, incluíndo a do profesorado en exercicio. Ser depositaria dos Arquivos Histórico e Documental da UGT de Galicia. Custodiar, ordenar e manter a Biblioteca da UGT de Galicia. Facilitar ós estudantes e investigadores de cuestións relacionadas con este obxecto fundacional o seu labor. Elaborar e subministrar información sobre tódolos temas que signifiquen un progreso para a clase traballadora. Promover os valores do traballo digno, as accións solidarias e a defensa do medio ambiente e dos bens comúns. Fomentar o estudo e a investigación no ámbito das ciencias sociais, históricas e xurídicas, par ao mellor cumprimento dos fins antes salientados. Dende a súa creación a Fundación Luís Tilve traballa pola difusión da cultura galega, concretando o seu campo na recuperación da memoria histórica do País galego preferentemente no mundo laboral, e ao mesmo tempo convocando actos de completa actualidade no seu momento para a análise da realidade social que envolve a Galicia dende distintas ópticas. De feito un dos proxectos presentes nos seus obxectivos dende a súa constitución é o contacto cos centros galegos da emigración, para non deixar no esquecemento aos nosos cidadáns, que por diversas causas tiveron que emigrar lonxe da súa terra. Para acadar todos estes obxectivos a Fundación ven formulando dende a súa creación diversas actividades que conforman a columna vertebral da súa existencia: Organizar cursos, conferencias, congresos, symposiums, conversas e sesións de estudio e investigación arredor de temas e problemas sindicais, laborais, industriais e sociais. Redactar, editar, subvencionar e distribuír folletos, monografías e toda clase de publicacións de información, formación e divulgación de temas relacionados co mundo sindical, laboral, industrial e social. Realizar exposicións monográficas arredor de aspectos e temas laborais, industriais, sociais e sindicais. Subscribir acordos ou convenios con diferentes institucións públicas, ou entidades privadas. Relacionarse con outros Arquivos e Fundacións que poidan aportaren documentos de interese en relación co obxecto e finalidade fundacional. Calquera outra actividade que a Xunta do Padroado estime conveniente para o cumprimento do obxecto fundacional.
                                  fundación luis tilve              
          ____________________________________________________________________________

 Avda. Cruceiro de A Coruña, 22 Baixo. 15705 - Santiago de Compostela (A Coruña)
Tlf:  981 58 54 90                                                              Fax:  981 56 68 30

fluistilve@hotmail.com                                   fluistilve@fundacionluistilve.com

Coñecenos
conocenos fundación luis tilve
Centro documental
centro documental fundación luis tilve
25 de Xullo:

O 25 de Xullo celébrase, en palabras de Castelao: "a festa maior de Galicia, a festa de tódolos galegos".

As orixes desta celebración como tal, remóntanse ao ano 1920, ano no que as Irmandades da Fala organizan o primeiro día de Galicia como acto de afirmación da nosa identidade colectiva.

A II Asemblea Nacionalista acorda institucionalizar o "Día da Patria o 25 do mes de Santiago".

Dende esta primeira convocatoria, as manifestacións organizadas para conmemoralo día de Galicia estiveron sempre condicionadas pola situación política de cada momento, aínda que sempre tiveron como eixo central a reivindicación dos nosos símbolos e a nosa identidade.

Nos anos 1921 e 1922 celébrase sen obstáculos, con liberdade e ata con certa esperanza de renovación.

Coa Ditadura de Primo de Rivera todo o conseguido eses anos vese freado e incluso, o endurecemento da política impide as celebracións ata 1931.

Será nese ano cando as Irmandades retomen o seu discurso sobre os valores galegos.

Xa se escribe por aqueles anos moito sobre ese día, sobre o Día de Galicia:

Non é unha festa mais para adourar un ídolo ou un fetixe... É a evocación das antigas arelas de liberdade, renovadas ao longo das centurias nos peitos fidalgos e nos nobres espíritos, Roberto Blanco Torres (A Nosa Terra, 1923)  

Son estes anos dunha ilusión que toma forma no Estatuto de 1936.
Pero a Guerra Civil trae moitos días de silencio, tamén para a reivindicación da patria.

Irase pouco a pouco recompoñendo a conciencia dende mediados de século cando se recupere a misa en galego na honra de Rosalía de Castro na Igrexa de Santo Domingo de Bonaval.

Amais, durante esta época o día institucionalízase como festa oficial en toda en España, baixo o nome de Día do Patrón de España, cun marcado carácter relixioso, aínda que trala transición deixou de ser oficial en todo o pais.

Será a finais da década dos 60 cando as organizacións nacionalistas comecen a convocar concentracións en Compostela o 25 de xullo.

Haberá que esperar ata 1973 para empezar a utilizar o termo "Día da Patria Galega", denominación que pouco a pouco se vai consolidando e que se mantén na actualidade, aínda que tamén se segue utilizando a de Día de Galicia.

Dende a instauración da democracia e a promulgación do Estatuto de Autonomía, 6 de abril de 1981, as organizacións políticas e institucións públicas programan todo tipo de actividades para conmemorar esa data.

Na Catedral Compostelana segue celebrándose cada ano a Ofrenda do Reino de España ó Apostol Santiago, así como a ofrenda diante do Panteón de Galegos Ilustres.

Destacan tamén diversos actos políticos, manifestacións...e os actos que os socialistas galegos celebran cada ano, con motivo do Día de Galicia, en Rianxo, vila natal de Castelao.



Fundación Luis Tilve - Santiago de Compostela. A Coruña. Galicia. España