A Fundación “LUÍS TILVE” é unha institución con carácter de Fundación cultural privada, recoñecida como tal pola Consellería de Cultura e Xuventude (D.O.G. de 22 de abril de 1991) e declarada de interese galego por Orde do 1 de abril de 1991 da Xunta de Galicia (D.O.G. do 13 de maio de 1991). A Fundación constitúese en Santiago de Compostela o día 9 de outubro de 1989, a partir da idea do, nese momento, Secretario Xeral de UGT-Galicia, Suso Mosquera, quen consideraba fundamental o estudio histórico dos movementos sociais, sindicais, políticos e culturais contemporáneos, así como a conservación da documentación que obraba en poder do sindicato ou que puidera chegar a el. Obxecto e finalidade da Fundación A Fundación ten entre os seus obxectivos, definidos nos seus propios estatutos: Fomentar o coñecemento e o espallamento da Cultura Sindical. Axudar ó estudio e á investigación da historia dos sindicatos, e en particular da UGT en Galicia. Axudar ó estudio e á investigación do Sindicalismo e da súa problemática na sociedade galega de hoxe. Contribuír ó estudio e á investigación da emigración e a inmigración galegas. Contribuír á formación, no seu lato significado, dos responsables e dirixentes sindicais, en orde a favorecer o mellor cumprimento da súas responsabilidades específicas. Contribuír á formación da clase traballadora, tanto dende o punto de vista laboral como dende unha perspectiva profesional, incluíndo a do profesorado en exercicio. Ser depositaria dos Arquivos Histórico e Documental da UGT de Galicia. Custodiar, ordenar e manter a Biblioteca da UGT de Galicia. Facilitar ós estudantes e investigadores de cuestións relacionadas con este obxecto fundacional o seu labor. Elaborar e subministrar información sobre tódolos temas que signifiquen un progreso para a clase traballadora. Promover os valores do traballo digno, as accións solidarias e a defensa do medio ambiente e dos bens comúns. Fomentar o estudo e a investigación no ámbito das ciencias sociais, históricas e xurídicas, par ao mellor cumprimento dos fins antes salientados. Dende a súa creación a Fundación Luís Tilve traballa pola difusión da cultura galega, concretando o seu campo na recuperación da memoria histórica do País galego preferentemente no mundo laboral, e ao mesmo tempo convocando actos de completa actualidade no seu momento para a análise da realidade social que envolve a Galicia dende distintas ópticas. De feito un dos proxectos presentes nos seus obxectivos dende a súa constitución é o contacto cos centros galegos da emigración, para non deixar no esquecemento aos nosos cidadáns, que por diversas causas tiveron que emigrar lonxe da súa terra. Para acadar todos estes obxectivos a Fundación ven formulando dende a súa creación diversas actividades que conforman a columna vertebral da súa existencia: Organizar cursos, conferencias, congresos, symposiums, conversas e sesións de estudio e investigación arredor de temas e problemas sindicais, laborais, industriais e sociais. Redactar, editar, subvencionar e distribuír folletos, monografías e toda clase de publicacións de información, formación e divulgación de temas relacionados co mundo sindical, laboral, industrial e social. Realizar exposicións monográficas arredor de aspectos e temas laborais, industriais, sociais e sindicais. Subscribir acordos ou convenios con diferentes institucións públicas, ou entidades privadas. Relacionarse con outros Arquivos e Fundacións que poidan aportaren documentos de interese en relación co obxecto e finalidade fundacional. Calquera outra actividade que a Xunta do Padroado estime conveniente para o cumprimento do obxecto fundacional.
                                  fundación luis tilve              
          ____________________________________________________________________________

 Avda. Cruceiro de A Coruña, 22 Baixo. 15705 - Santiago de Compostela (A Coruña)
Tlf:  981 58 54 90                                                              Fax:  981 56 68 30

fluistilve@hotmail.com                                   fluistilve@fundacionluistilve.com

Coñecenos
conocenos fundación luis tilve
Centro documental
centro documental fundación luis tilve
6 de Decembro:

É preciso situarnos dentro do contexto que veu xurdir, un día 6 de decembro de 1978, a actual Constitución Española. Como parte da Transición Española cara á democracia, a morte do ditador Xeral Francisco Franco, o 20 de novembro de 1975, supuxo a proclamación como rei de Don Juan Carlos I, e pouco despois (en xullo de 1976) a formación dun Goberno presidido por Adolfo Suárez González , e designado segundo a lexislación vixente. O Goberno enviou, en outubro de 1976, ás Cortes un proxecto de Lei para a Reforma política, que foi aprobado polas Cortes, e, posteriormente, e segundo todos os requisitos esixidos polas Leis Fundamentais, sometido a referendo.

Esta Lei para a Reforma política viña supoñer unha notable alteración das leis fundamentais, sen introducir ela mesma un sistema democrático-constitucional pero facendo posible a creación deste. A Lei inseríase formalmente no ordenamento vixente (a súa disposición final a definía expresamente como "Lei fundamental") pero difería radicalmente no seu espírito dese ordenamento, xa que:
- recoñecía os dereitos fundamentais da persoa como inviolables (artigo 1)
- confería a potestade lexislativa en exclusiva á representación popular (artigo 2), e
- prevía un sistema electoral inspirado en principios democráticos e de representación proporcional.
- Posteriormente o Real Decreto Lei 20/1977, de 18 de marzo, regulou o procedemento para a elección das Cortes, elección que se levou a cabo o 15 de xuño de 1977, nas primeiras eleccións libres desde febreiro de 1936.

Unha das tarefas prioritarias das Cortes foi a redacción dunha Constitución. A Lei de Reforma Política ofrecía a posibilidade de que a iniciativa da reforma constitucional correspondese ao Goberno ou ao Congreso dos Deputados, elixíndose esta última opción. A Comisión de Asuntos Constitucionais e Liberdades Públicas do Congreso dos Deputados designou un Relatorio de sete deputados, que elaborou un anteproxecto de Constitución. Estas sete persoas, coñecidas como os Pais da Constitución foron:
Gabriel Cisneros  (UCD)
José Pedro Pérez Llorca  (UCD)
Miguel Herrero e Rodríguez de Miñón  (UCD)
Miguel Roca Junyent  (Minoría Catalá)
Manuel Fraga Iribarne (AP)
Gregorio Peces-Barba  (PSOE)
Jordi Solé Tura  (PCE)

O anteproxecto discutiuse na Comisión, e, posteriormente, discutido e aprobado polo Congreso dos Deputados. A continuación, procedeuse ao exame do texto do Congreso pola Comisión Constitucional do Senado, e o Pleno do mesmo órgano.

A discrepancia entre o texto aprobado polo Congreso e o aprobado polo Senado fixeron necesaria a intervención dunha Comisión Mixta Congreso-Senado, que elaborou un texto definitivo. Este foi votado e aprobado polas dúas Cámaras. Sometido a referendo, foi ratificado o día 6 de decembro de 1978 co 87% dos votos ao seu favor, sancionado o día 27 do mesmo mes polo Rei, e publicado no BOE o 29 de decembro (evitouse o día 28 por coincidir co día dos Santos Inocentes, tradicionalmente dedicado ás bromas). Desde entón, cada 6 de decembro é festa nacional en España, celebrándose o Día da Constitución.

Con este motivo teñen lugar Declaracións e Actos Institucionais diversos, como a lectura pública da Constitución, conferencias, etc.



Fundación Luis Tilve - Santiago de Compostela. A Coruña. Galicia. España