A Fundación “LUÍS TILVE” é unha institución con carácter de Fundación cultural privada, recoñecida como tal pola Consellería de Cultura e Xuventude (D.O.G. de 22 de abril de 1991) e declarada de interese galego por Orde do 1 de abril de 1991 da Xunta de Galicia (D.O.G. do 13 de maio de 1991). A Fundación constitúese en Santiago de Compostela o día 9 de outubro de 1989, a partir da idea do, nese momento, Secretario Xeral de UGT-Galicia, Suso Mosquera, quen consideraba fundamental o estudio histórico dos movementos sociais, sindicais, políticos e culturais contemporáneos, así como a conservación da documentación que obraba en poder do sindicato ou que puidera chegar a el. Obxecto e finalidade da Fundación A Fundación ten entre os seus obxectivos, definidos nos seus propios estatutos: Fomentar o coñecemento e o espallamento da Cultura Sindical. Axudar ó estudio e á investigación da historia dos sindicatos, e en particular da UGT en Galicia. Axudar ó estudio e á investigación do Sindicalismo e da súa problemática na sociedade galega de hoxe. Contribuír ó estudio e á investigación da emigración e a inmigración galegas. Contribuír á formación, no seu lato significado, dos responsables e dirixentes sindicais, en orde a favorecer o mellor cumprimento da súas responsabilidades específicas. Contribuír á formación da clase traballadora, tanto dende o punto de vista laboral como dende unha perspectiva profesional, incluíndo a do profesorado en exercicio. Ser depositaria dos Arquivos Histórico e Documental da UGT de Galicia. Custodiar, ordenar e manter a Biblioteca da UGT de Galicia. Facilitar ós estudantes e investigadores de cuestións relacionadas con este obxecto fundacional o seu labor. Elaborar e subministrar información sobre tódolos temas que signifiquen un progreso para a clase traballadora. Promover os valores do traballo digno, as accións solidarias e a defensa do medio ambiente e dos bens comúns. Fomentar o estudo e a investigación no ámbito das ciencias sociais, históricas e xurídicas, par ao mellor cumprimento dos fins antes salientados. Dende a súa creación a Fundación Luís Tilve traballa pola difusión da cultura galega, concretando o seu campo na recuperación da memoria histórica do País galego preferentemente no mundo laboral, e ao mesmo tempo convocando actos de completa actualidade no seu momento para a análise da realidade social que envolve a Galicia dende distintas ópticas. De feito un dos proxectos presentes nos seus obxectivos dende a súa constitución é o contacto cos centros galegos da emigración, para non deixar no esquecemento aos nosos cidadáns, que por diversas causas tiveron que emigrar lonxe da súa terra. Para acadar todos estes obxectivos a Fundación ven formulando dende a súa creación diversas actividades que conforman a columna vertebral da súa existencia: Organizar cursos, conferencias, congresos, symposiums, conversas e sesións de estudio e investigación arredor de temas e problemas sindicais, laborais, industriais e sociais. Redactar, editar, subvencionar e distribuír folletos, monografías e toda clase de publicacións de información, formación e divulgación de temas relacionados co mundo sindical, laboral, industrial e social. Realizar exposicións monográficas arredor de aspectos e temas laborais, industriais, sociais e sindicais. Subscribir acordos ou convenios con diferentes institucións públicas, ou entidades privadas. Relacionarse con outros Arquivos e Fundacións que poidan aportaren documentos de interese en relación co obxecto e finalidade fundacional. Calquera outra actividade que a Xunta do Padroado estime conveniente para o cumprimento do obxecto fundacional.
                                  fundación luis tilve              
          ____________________________________________________________________________

 Avda. Cruceiro de A Coruña, 22 Baixo. 15705 - Santiago de Compostela (A Coruña)
Tlf:  981 58 54 90                                                              Fax:  981 56 68 30

fluistilve@hotmail.com                                   fluistilve@fundacionluistilve.com

Coñecenos
conocenos fundación luis tilve
Centro documental
centro documental fundación luis tilve
10 de Marzo:

Os feitos vividos nos primeiros días do mes de marzo de 1972 na cidade de Ferrol, serán claves para o movemento obreiro galego.

Todo comeza o  7 de marzo do 1972. Comunicábase ó xurado da Empresa Nacional Bazán de Construcións Navais Militares o asinamento do V convenio colectivo interprovincial en Madrid, aprobado sen a asistencia da representación social de Ferrol e aplicable ás tres factorías, que nese ano presentaban o seguinte número de traballadores: Cádiz, 2.753, Cartagena, 3.176 e Ferrol, 5.486.

A representación social de Ferrol presionaba por un Convenio de factoría, que entre outros puntos reivindicaba un salario mais elevado para Bazán Ferrol, acorde co maior encarecemento dos prezos na cidade ferrolá. Apoiarán esta reivindicación os traballadores cos diversos paros parciais. O día 8 de marzo, a parte social rechazou o Convenio aprobado en Madrid ante a actitude da empresa de impolo, e acordaron reunirse en asemblea o día 9 para estudala actitude a tomar.

Ese día 9, á entrada do traballo, os vixiantes xurados, por orden da dirección, comunicaron a suspensión de emprego e soldo e a prohibición de entraren nas instalacións aos vocais xurados Manuel Amor, José María Riobó e aos enlaces Ramiro Romero, Manuel Montero, Alfonso Couce e Miguel Reis. Os traballadores deciden en asemblea ocupar a factoría e ás 17,15 horas a policía entra por primeira vez en Bazán e carga contra os traballadores desaloxándoos. Cando saen en carreira pola porta, que era moi estreita, son recibidos por máis policía que os rodea e volve mallar neles. Prodúcense numerosos feridos por golpes e esmagamentos. Os traballadores saíron polas rúas de Ferrol coas fundas e roupas de traballo e enfrontáronse á policía, a pedradas, en diferentes saltos e cortes de tráfico.
Sobre as 7,30 horas do día 10, os traballadores concéntranse ante Bazán.Tras toparse as portas da factoría pechadas,estes dirixíronse pacificamente en manifestación cara o centro da cidade de Ferrol,cara a Praza de España,co pretexto de buscar a solidariedade do resto da cidade e explicar o que estaba acontecendo na factoría ao resto da poboación.A asemblea en grupo de obreiros dirixiuse entón cara á Ponte das Pías,e ao chegaren ao cruce coa estrada de Castela foron detidos por unha compañía da Policía Armada.Os traballadores, armados quizais con algún pau ou pedra, enfróntanse a eles uns dez minutos.Caen ao chan varios homes,e dous corpos sen vida.O resultado da confrontación son varios feridos de bala e dous mortos,Daniel Niebla e Amador Rey.Perderon a súa vida por defender os seus dereitos,por intentar mellorar a súa vida e a dos seus compañeiros,e non ían armados con metralletas,nin os restante dos 40 feridos de bala que engrosan a lista. A dignidade e a valentía dos traballadores fixo que non recuasen en ningún momento; só retrocederon os seus verdugos, que montando nos seus autobuses, deron en fuxir.

Nos días posteriores aos sucesos, a solidariedade entre os obreiros difundiuse por toda Galicia, estendéndose os paros a outras factorías e a poboación respondeu dando mostras de apoio ás familias dos represaliados.

Así, o día 11, pararon Vulcano, Citroën, Barreras e Censa dúas horas. Organizáronse colectas nas fábricas, malia a represión e ameazas por parte dos mandos intermedios.

Ó igual que uns meses antes acontecera en Ferrol, desatase en Vigo un conflito sociolaboral que terá tamén moita repercusión posterior. As reivindicacións obreiras, que comezaran ó amparo da renovación dos convenios colectivos no ano 1971, culminaron, despois dun proceso de crecente conflitividade laboral que se agudizará despois dos acontecementos de Ferrol, coa folga xeral sostida durante quince días en setembro de 1972. As demandas eran as mesmas que en Ferrol: redución da xornada laboral, readmisión dos despedidos...; poren como antes en Ferrol, a intransixencia dos empresarios e a represión exercida sobre os líderes sindicais saldouse co despido de cerca de 400 traballadores pertencentes ás principais empresas de Vigo: Citroën, Vulcano, Barreras, Censa, Álvarez....

Finalmente o 21 de marzo,as portas da factoría Bazán abríronse,e os obreiros tiveron que traballar baixo vixilancia policial,e coa ausencia de 160 compañeiros despedidos mais os que foran detidos

Pódese afirmar que no marzo ferrolán e no setembro vigués do 1972 produciuse a máis importante mobilización obreira da época franquista en Galicia.

Na actualidade destacan os actos que cada ano teñen lugar en Ferrol en conmemoración do sucedido, convocados polos sindicatos de clase.



Fundación Luis Tilve - Santiago de Compostela. A Coruña. Galicia. España