A Fundación “LUÍS TILVE” é unha institución con carácter de Fundación cultural privada, recoñecida como tal pola Consellería de Cultura e Xuventude (D.O.G. de 22 de abril de 1991) e declarada de interese galego por Orde do 1 de abril de 1991 da Xunta de Galicia (D.O.G. do 13 de maio de 1991). A Fundación constitúese en Santiago de Compostela o día 9 de outubro de 1989, a partir da idea do, nese momento, Secretario Xeral de UGT-Galicia, Suso Mosquera, quen consideraba fundamental o estudio histórico dos movementos sociais, sindicais, políticos e culturais contemporáneos, así como a conservación da documentación que obraba en poder do sindicato ou que puidera chegar a el. Obxecto e finalidade da Fundación A Fundación ten entre os seus obxectivos, definidos nos seus propios estatutos: Fomentar o coñecemento e o espallamento da Cultura Sindical. Axudar ó estudio e á investigación da historia dos sindicatos, e en particular da UGT en Galicia. Axudar ó estudio e á investigación do Sindicalismo e da súa problemática na sociedade galega de hoxe. Contribuír ó estudio e á investigación da emigración e a inmigración galegas. Contribuír á formación, no seu lato significado, dos responsables e dirixentes sindicais, en orde a favorecer o mellor cumprimento da súas responsabilidades específicas. Contribuír á formación da clase traballadora, tanto dende o punto de vista laboral como dende unha perspectiva profesional, incluíndo a do profesorado en exercicio. Ser depositaria dos Arquivos Histórico e Documental da UGT de Galicia. Custodiar, ordenar e manter a Biblioteca da UGT de Galicia. Facilitar ós estudantes e investigadores de cuestións relacionadas con este obxecto fundacional o seu labor. Elaborar e subministrar información sobre tódolos temas que signifiquen un progreso para a clase traballadora. Promover os valores do traballo digno, as accións solidarias e a defensa do medio ambiente e dos bens comúns. Fomentar o estudo e a investigación no ámbito das ciencias sociais, históricas e xurídicas, par ao mellor cumprimento dos fins antes salientados. Dende a súa creación a Fundación Luís Tilve traballa pola difusión da cultura galega, concretando o seu campo na recuperación da memoria histórica do País galego preferentemente no mundo laboral, e ao mesmo tempo convocando actos de completa actualidade no seu momento para a análise da realidade social que envolve a Galicia dende distintas ópticas. De feito un dos proxectos presentes nos seus obxectivos dende a súa constitución é o contacto cos centros galegos da emigración, para non deixar no esquecemento aos nosos cidadáns, que por diversas causas tiveron que emigrar lonxe da súa terra. Para acadar todos estes obxectivos a Fundación ven formulando dende a súa creación diversas actividades que conforman a columna vertebral da súa existencia: Organizar cursos, conferencias, congresos, symposiums, conversas e sesións de estudio e investigación arredor de temas e problemas sindicais, laborais, industriais e sociais. Redactar, editar, subvencionar e distribuír folletos, monografías e toda clase de publicacións de información, formación e divulgación de temas relacionados co mundo sindical, laboral, industrial e social. Realizar exposicións monográficas arredor de aspectos e temas laborais, industriais, sociais e sindicais. Subscribir acordos ou convenios con diferentes institucións públicas, ou entidades privadas. Relacionarse con outros Arquivos e Fundacións que poidan aportaren documentos de interese en relación co obxecto e finalidade fundacional. Calquera outra actividade que a Xunta do Padroado estime conveniente para o cumprimento do obxecto fundacional.
                                  fundación luis tilve              
          ____________________________________________________________________________

 Avda. Cruceiro de A Coruña, 22 Baixo. 15705 - Santiago de Compostela (A Coruña)
Tlf:  981 58 54 90                                                              Fax:  981 56 68 30

fluistilve@hotmail.com                                   fluistilve@fundacionluistilve.com

Coñecenos
conocenos fundación luis tilve
Centro documental
centro documental fundación luis tilve
28 de Abril:

O día 28 de Abril conmemórase o "Día Internacional da Seguridade e Saúde no Traballo".

Así queda recollido no BOE do 13 de Abril, número 88/1999, que establece esta celebración o día 28 de Abril de cada ano.

En 1996, con ocasión da celebración en Nova York dunha reunión da Comisión das Nacións Unidas sobre Desenrolo Sostible, os sindicatos celebraron unha cerimonia especial en recordo das vítimas de accidentes e enfermidades do traballo. A partir de entón foi asumido pola CIOSL (Conferencia Internacional de Organizacións Sindicais Libres) como día de Loita Internacional.

En aquela ocasión, o 28 de abril de 1996, os sindicatos de 70 países presentes na sesión decidiron organizar unha cerimonia á luz dunha vela. Con ese acto pretendían reunir un simbólico tributo ós numerosos traballadores falecidos como consecuencia de accidentes laborais ou enfermidades relacionadas coa súa vida laboral, como exemplo de contrapeso da produción sostible.

Desde entón, o 28 de abril foi designado de forma oficial como o anual da Conferencia Internacional de Sindicatos Libres, en memoria das vítimas de accidentes ou enfermidades laborais.

A partir desa primeira sesión, ó longo de todo o mundo celébranse diversas cerimonias de duelo e conmemoración. En algúns países, incluso, a vela permanece acendida ata a celebración da Festa do Traballo, o 1º de Maio.

A OIT adheriuse a esta iniciativa no ano 2001 e 2002, na perspectiva de suscitar un debate tripartito e de promover a seguridade e a saúde no traballo a través do fomento de valores de aceptación común. No ano 2003 a OIT ampliou o concepto de conmemoración dos traballadores falecidos e feridos a fin de dispor dunha data de conmemoración na que se resaltaran as posibilidades de prevención dos accidentes do traballo e as enfermidades profesionais en todo o mundo.

Coma moitas veces ocorre con este tipo de acontecementos, a conmemoración non ten un carácter festivo, senón todo o contrario. É mais, quizais moitos de nos non oíramos falar nunca de que cada ano, o día 28 de Abril, celebrase dito día, que se converteu nunha data de lembranza de compañeiros e compañeiras afectadas na súa integridade física e na súa saúde por condicións de traballo adversas.

Por esa mesma razón, esta data é especialmente reivindicativa, de loita por unhas condicións de traballo que respecten a nosa vida e a nosa saúde.

É preciso resaltar algún dato numérico que nos mostre, con estatísticas reais, a falta de seguridade que segue existindo hoxe en día nos traballos.

Neste caso nos fixaremos nun estudio da Organización Internacional do Traballo que nos amosa uns datos que non nos deberían deixar indiferentes, uns datos reais, que de seguro serven para reflexionar sobre este tema de seguridade e saúde no traballo.

A OIT estima que anualmente morren por esa causa mais de dous millóns de persoas, 750.000 mulleres e 1.500.000 homes, reflexando o feito de que os homes a miúdo realizan traballos mais perigosos.

Os expertos da Organización consideran que, de todas maneiras, as estatísticas non alcanzan a reflexala realidade, debido a que en moitos países falta información sobre este tema.

De esas mortes, case 350.000 teñen lugar debido a accidentes laborais. Outras son orixinadas por enfermidades profesionais, como a exposición a sustancias químicas.

Estes datos refírense as persoas denominadas coma laboralmente activas, é dicir, xente de entre 18 e 65 anos.

Pero lamentablemente, non nos podemos esquecer que uns 22.000 nenos que deberían haber estado na escola, morren no traballo cada ano.

No caso concreto de España, por mostrar algunha cifra, no ano 1.976 producíronse 1.030.373 accidentes con baixa, das cales 1.338 foron mortais.

Nese mesmo ano en Galicia producíronse 52.701 accidentes con baixa, 110 dos cales foron mortais.

Estamos seguros de que é posible previr un tanto por cen moi elevado dos accidentes e das mortes relacionadas co traballo, so con que os países puxeran en práctica estratexias e prácticas de prevención.



Fundación Luis Tilve - Santiago de Compostela. A Coruña. Galicia. España