ACTO CULTURAL EN HONOR DE XAIME QUINTANILLA, EN SANTIAGO

O día 6 de maio de 2013, ás 7 da tarde, no salón do Consello da Cultura Galega, a Fundación Luís Tilve celebrou un acto en honor de Xaime Quintanilla Martínez, escritor, xornalista, político, autor teatral, alcalde de Ferrol, médico, e un longo etcétera, fusilado tralo alzamento militar do 36.

O acto se abriu coa presentación de Fernando González Laxe, Presidente de Honra da Fundación, quen leu unha mensaxe do Presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, que lamentaba non poder estar presente nun acto que reivindicaba a figura do coruñés e ferrolán de adopción. Laxe continuou destacando a personalidade de Xaime Quintanilla, expoñendo, mediante as verbas que este deixou nos seus múltiples artigos, a súa visión sobre o Estatuto de Autonomía, o galeguismo ou o socialismo, partido o cal pertencía. A continuación tomaron a palabra os autores da biografía publicada pola Fundación Luís Tilve, co título: Xaime Quintanilla Martínez. Vida e obra dun socialista e galeguista ó servizo da República; Ana Romero Masiá e Carlos Pereira Martínez.

Pereira resaltou a vertente artística do biografado, as súas achegas o teatro, o seu interese pola música, os coros, entre outras moitas inquietudes artísticas, as cales, como xa dixera González Laxe, o fan firme candidato ó Día das Letras Galegas. Finalmente, Masiá fixo un interesante repaso pola súa biografía, acompañada da exposición de diversas imaxes e fotos.

O acto enmárcase nas accións da Fundación para reivindicar a figura de Xaime Quintanilla e promover a súa candidatura ó Día das Letras Galegas. Persoa significada no ámbito político, como dirixente socialista e alcalde republicano de Ferrol, pero fundamentalmente no seu compromiso con Galicia e coa súa cultura, Quintanilla permanece, a xuízo da Fundación, inxustamente esquecido.

Xaime Quintanilla foi un dos impulsores das Irmandades da Fala, dende a súa creación, e colaborador asiduo de A Nosa Terra e doutras publicacións galegas como La Zarpa, publicando numerosos artigos en diferentes medios como El Correo Gallego, entre 1917 e 1931, realizando, así mesmo, diversos traballos como crítico literario. De Quintanilla coñécense dúas obras de teatro en galego “Donosiña” (1920) e “Alén” (1921), e existen referencias doutras tres: “A estrana”, “Creación”e “Alma”. No xénero narrativo publicou “Saudade” (1922), que inaugurou a colección, dirixida por el, Céltiga de novela mensual ilustrada, sendo tamén obra del a tradución de “A Santa Compaña” de Roberto Novoa Santos, editada, igualmente por Céltiga. Outros medios periodísticos nos que publicou Quintanilla foron o Boletín Rexionalista, Galicia (de Ferrol), Orga da Irmandade da Fala, Boletín da Irmandade da Fala Ferrolá, El Correo Gallego, Saudade, El Compostelano, La República, Diario de Vigo, El Pueblo Gallego, Nós, Galicia (da Habana), Terra (de Bos Aires), ademais de na prensa política do seu tempo. No proceso de defensa do Estatuto, Xaime Quintanilla estivo presente dende o primeiro momento. Así asistiu á reunión de A Coruña dos días 3 e 4 de xuño de 1931, e representou ós concellos da comarca de Ferrol na reunión dos Concellos de Galicia, celebrada en Santiago no 1932; formou parte, no 33, do Comité Central da Autonomía e participou nos mitins pro Estatuto do ano 36, compatibilizando sempre o seu discurso socialista co autonómico. É por todo isto que a Fundación Luís Tilve considera de todo punto necesario resaltar a importancia de Xaime Quintanilla na historia de Galicia e promover diversas accións para o seu recoñecemento.

Á actividade, que foi aproveitada para presentar a súa biografía en Santiago, contou coa presenza de diversos persoeiros do mundo da cultura, da política e da sociedade galega, tales como o Secretario Xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, Xaime Barreiro Gil, Xesús Mosquera Sueiro, Cesareo Fraga García, Mercedes Rosón, ademáis de familiares do homenaxeado.