BIBLIOTECA ESPECIALIZADA NO MUNDO DO TRABALLO
Integrada na Rede de Bibliotecas de Galicia (por Orde de 3 de novembro de 2009) e inscrita no Rexistro de Bibliotecas de Galicia, a Biblioteca Especializada no Mundo do Traballo da Fundación céntrase, fundamentalmente, en obras relacionadas coa temática sindical, social, política, laboral, migratoria, xurídica, histórica ou económica, así como en calquera outra materia relacionada co mundo laboral, aínda que tamén contén obras doutros asuntos.
Os fondos están formados por monografías, publicacións periódicas, folletos, carteis, manuais, estudios, informes, material audiovisual, etc., destacando o material bibliográfico da clandestinidade predemocrática e o xerado polas propias organización obreiras, xeralmente de carácter interno e non venal, difícil de atopar noutra biblioteca non especializada.
O ingreso de novas obras é constante, nutríndose de transferencias, doazóns, compras e intercambios con universidades ou outras entidades, ademais de recibir periodicamente publicacións seriadas, o que supón a día de hoxe un volume de máis de 8.000 obras, 900 series e 100 audiovisuais catalogados.
Para consultar os nosos fondos poden facelo no enlace CATÁLOGO DA BIBLIOTECA, que poden atopar o final desta páxina. Picando nel accederán o Programa MEIGA, pertencente á Rede de Bibliotecas de Galicia e que permite consultar os catálogos de tódalas bibliotecas galegas integradas no mesmo. No Catálogo poderán ver as últimas 50 novidades e consultar ou buscar outros títulos a través das opcións de busca que figuran no marxe esquerdo da pantalla, Buscar información, que permiten a procura por: título, autor, materia, serie, CDU, editorial ou ISBN.
Igualmente, no enlace HEMEROTECA DIXITAL, poderán consultar os números de diversos xornais antigos dixitalizados pola Fundación coa intención de favorecer a súa consulta ós investigadores.