BIOGRAFÍA LUIS TILVE

Luís Tilve Santos, naceu en Pontevedra en 1.935. Mestre e Licenciado en Filosofía e Letras, foi un home entregado e comprometido coa loita polas liberdades, a democracia política, e os valores do socialismo democrático. Militante na esquerda clandestina dende os anos 60, ingresou na UGT e no PSOE no ano 1.976. Foi o primeiro Secretario Provincial da Federación de Traballadores do Ensino (FETE) de Pontevedra, despois da represión sufrida perante a guerra e posteriormente pola ditadura. Representante dos seus compañeiros e compañeiras, como delegado de persoal no colexio onde traballaba, sería logo secretario xeral da UGT de Pontevedra. Presidiu o II Congreso do PSdeG-PSOE celebrado en Vigo, partido no que formou parte da súa Comisión Federal de Conflitos. No III Congreso da UGT de Galicia, tamén celebrado en Vigo, foi elixido para ocuparse da secretaría de formación do sindicato.
Cando no desempeño da súa responsabilidade como secretario de formación, mantiña unha reunión en Santiago co entón Conselleiro de Traballo da Xunta de Galicia, Juan Corral, sufriu un ataque cerebral. Trasladado de urxencia o Hospital Xeral da cidade, non conseguiría recuperarse, falecendo no mesmo poucos días despois, o 24 de marzo de 1.984, os 49 anos. Un feito que deixaría unha fonda pegada entón, tanto na UGT como no PSdeG-PSOE, e que pouco despois levaría a dirección do sindicato en Galicia a propoñer o Comité Nacional a creación dunha Fundación co seu nome, de xeito que así se continuase a súa tarefa de compromiso coa formación dos dirixentes sindicais e da clase traballadora.
Luís Tilve foi un claro expoñente daqueles militantes da esquerda que contribuíron decisivamente a facer realidade a transición democrática en España. Unha organización centenaria como a UGT, cargada de referentes históricos, quería así tamén expresar a súa aposta polo futuro, e a través da figura de Luís Tilve e da propia Fundación, render homenaxe a toda unha xeración de homes e mulleres que dun xeito sinxelo, anónimo a maioría das veces, pero fonda e resoltamente comprometido, contribuíron decisivamente a conquista das liberdades democráticas que hoxe gozamos. Un compañeiro e amigo seu, Roxelio Pérez Poza, elaborou anos despois unha biografía que a propia Fundación Luís Tilve, publicaría no ano 1.999.
De talante obxectivo e moderador, foi un home de acción sempre disposto a comprometerse e asumir responsabilidades, sen que como intelectual deixase de estar presente en tódolos movementos, plataformas e asociacións dos anos 60 e 70, aportando sempre as súas reflexións e os seus escritos a tódolos niveis (internos, a través de prensa, de charlas, etc.), como o demostra a ampla colección de documentos elaborados por el e conservados na Fundación.
Sen pretendelo, Luís Tilve, acabou sendo un símbolo de fidelidade a unhas ideas, o sentido do traballo planificado e eficaz, ao mesmo tempo que unha fonda orientación solidaria e ética. Sempre soubo estar a altura das circunstancias e dos retos que o novo sindicalismo que xurdía traia consigo. Foi un compañeiro leal con todos, un sindicalista plenamente dedicado a unha labor na que cría firmemente e que conducía a unha sociedade máis humana e máis xusta.

Mantente ao día!

Recibe toda a información das nosas actividades, novidades editoriais ou da nosa revista CLARIDADE actualizada e ao día.

Accede ás nosas redes sociais

Coa colaboración de: