Conmemoración do 1º de Maio e homenaxe a José Benito Gama.

Con motivo dos actos de conmemoración do Primeiro de Maio, o 30 de abril a Fundación Luís Tilve, en colaboración coa comisión executiva da Unión Comarcal de UGT Pontevedra, Arousa e Deza, organizaron un acto-cea para resaltar a importancia do 1º de Maio e render homenaxe ó histórico militante José Benito Gama.


No acto que tivo lugar durante o transcurso da cea, interviñeron o Secretario da Fundación Luís Tilve, Roxelio Pérez, que fixo unha introdución histórica ó significado do 1º de Maio, antes de cederlle a palabra ó Secretario Xeral de UGT-Pontevedra, Arousa e Deza, Ramón Vidal, quen resaltou a importancia do 1º de Maio deste ano e as reclamacións máis destacadas da organización sindical, polo que invitou a participar a tódolos presentes na manifestación do día 1. Pechou o acto o homenaxeado, o cal, dende a humildade que lle caracteriza, aproveitou para facer unha análise da situación e destacar a importancia da unidade do movemento obreiro, tanto na rama política como sindical, para manter a súa fortaleza e aspirar a transformar a realidade social en favor dos traballadores.


José Benito Gama, pertencente a unha familia de esquerdas represaliada pola ditadura, afiliouse á UGT en 1978, tras anos de militancia antifranquista na clandestinidade. Formou parte da 1ª executiva comarcal de UGT en Pontevedra, chegando a ser o seu Secretario Xeral, e da primeira executiva de FETE-UGT-Galicia. Foi o impulsor do Premio de Xornalismo Luís Tilve, que posteriormente daría nome á Fundación de UGT, da que é Patrón dende a súa creación en 1989. Concelleiro socialista entre os anos 83 e 87, na corporación da cidade do Lérez, foi Secretario Xeral da Agrupación Socialista local, da que actualmente é Presidente. Ós seus 78 anos continúa en activo, pechando a candidatura do PSdeG-PSOE no municipio pontevedrés.