“Las maestras de la República” en Vigo
O xoves 7 de xuño presentouse en Vigo o documental realizado pola FETE-UGT: “Las maestras de la República”, que recolle as vivencias destas mestras e os cambios que supuxeron, tanto para elas como para o progreso da educación española, a chegada da II República. O documental mostra tamén a represión que estas profesionais sufriron trala victoria do fascismo.
O acto, que tivo lugar no Auditorio Municipal de Vigo, foi organizado pola Federación de Traballadores da Ensinanza de Galicia coa colaboración da Fundación Luís Tilve. Antes do visionado do documental interviron: o Secretario Xeral de FETE-UGT-Vigo, que realizou unha breve presentación do documental; Roxelio Pérez, Secretario da Fundación Luís Tilve, quen falou da importancia dos cambios educativos en Galicia durante a II República; Aurora Marco, que enriqueceu o contido o documental coa achega da historia das mestras republicanas en Galicia; e, finalmente, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que reclamou a necesidade de lembrar a estas profesionais da educación, e máis nos tempos actuais, nos que moitos dos adiantos pedagóxicos realizados dende a Transición están en perigo.
