Premios Luis Tilve.
Premiados 2011
O premio Traballo Digno desta edición é outorgado á Asociación Pro Saúde Mental A CREBA, polo súa actividade en prol da atención a persoas que padecen trastornos mentais severos crónicos, mellorando a calidade da vida destes e das súas familias. Ademais, esta asociación de Noia, procura sensibilizar sobre esta problemática á poboación e ás institucións, fomentando así, a comprensión social cara ao enfermo mental.
O premio Acción Solidaria outórgase a Don Manuel Rivas Barrós, polo seu gran compromiso e sensibilidade cara un amplo abano de aspectos, tales como: a recuperación da Memoria Histórica, observable en obras como O lapis do carpinteiro, Os libros arden mal ou Todo é silencio, entre moitas outras; a defensa do medio ambiente, patente tamén en numerosos dos seus poemas; a protección da linga e da cultura galega; ou a defensa dos que máis o necesitan, como así o demostra, o feito de ter cedido os dereitos de obras, como Nana para a Asociación Meniños.
O premio Defensa do Medio Ambiente e dos Bens Comúns, recaeu na Estación de Bioloxía Mariña da Graña (EBMG), merecedora deste, polo seu gran traballo de investigación en prol do fomento da investigación e a docencia en bioloxía mariña, así como polo asesoramento e difusión en temas relacionados coa fauna e a flora mariñas de Galicia. Esta institución científica que forma parte da Universidade de Santiago de Compostela, e que se atopa situada na vila da Graña, na Ría de Ferrol, tamén propicia o establecemento e coordinación de relacións de intercambio científico con outras Universidades e Institucións, tanto españolas como doutros países.
O premio Investigación e Divulgación Histórica, recalou nos historiadores Ana Romero Masiá e Carlos Pereira Martínez, polo seu traballo de investigación “Jaime Quintanilla Martínez. Vida e obra dun socialista e galeguista ó servicio da República”, que aborda a biografía deste médico, famoso tanto pola súa calidade humana cos máis humildes, como por ser o primeiro alcalde republicano de Ferrol. A súa actividade política centrouse principalmente na defensa do socialismo e do galeguismo, e foi fusilado tras a sublevación militar de 1936.