Presentación da escolma de poesía de combate de Celso Emilio Ferreiro

A Fundación Luís Tilve presentou en Ourense a súa última publicación, un libro-homenaxe a Celso Emilio Ferreiro que serviu como peche do ano dedicado ao insigne escritor e no que participan tamén a Fundación Celso Emilio Ferreiro e a UGT de Galicia.

A obra está composta por unha selección de poemas, algún deles apenas coñecidos, de carácter reivindicativo e obreiro, coa que se busca contribuír na achega e difusión da figura de Celso Emilio e da súa obra ao mundo do traballo. O libro conta tamén cunha breve biografía realizada polo seu fillo Luís, documentos anexos que mostran a súa relación co mundo político e sindical, así como con algún testemuño.

O acto tivo lugar o xoves, día 27 de decembro, ás 19.30 horas, no Salón de Actos da 1ª Planta da sede de UGT-Ourense. No mesmo interviñeron Xosé Luís Fernández Celis, secretario xeral de UGT-Ourense, que fixo un repaso pola necesidade da reivindicación nos momentos actuais de recortes sociais; ou Jesús Mosquera Sueiro, presidente da Fundación Luís Tilve, que se mostrou orgulloso de editar esta obra, por lo que ten de mensaxe e de símbolo, xa que Celso Emilio tamén foi compañeiro nos anos escuros do franquismo, e figura necesaria na “batalla das ideas”, polo que é unha obriga achegar a Celso Emilo Ferreiro ó mundo do traballo e recuperalo para unha xuventude traballadora que se pode ver reflectida nestes poemas. A continuación falou Luís Ferreiro Loredo, director da Fundación Celso Emilio Ferreiro e fillo do autor, quen agradeceu a colaboración e o compromiso da Fundación e de UGT e manifestou que era a primeira vez que se reunía nun libro a “poesía de combate” do seu pai.

O acto pechou coa intervención de José Antonio Gómez Gómez, secretario xeral de UGT-Galicia, quen se referiu a obra como unha “escolma social” que sigue plenamente vixente e que ten que servir para recuperar a imaxe de Celso Emilio como home de esquerdas, que cría na xustiza social, ademais de como “arma de futuro”.

O libro xa está a venta en tódalas librarías.