Presentación da obra “Xaime Quintanilla Martínez. Vida e obra dun socialista e galeguista ó servizo da República”

A Galería Sargadelos de Ferrol, acolleu o pasado venres 13 de xaneiro a presentación da nova publicación da Fundación Luís Tilve, titulada “Xaime Quintanilla Martínez. Vida e obra dun socialista e galeguista ó servizo da República”, e gañadora do Premio Luís Tilve 2011 de Investigación e Divulgación Histórica.
Os seus autores, a catedrática de Xeografía e Historia, Ana Romero Masiá e o historiador Carlos Pereira Martínez, estiveron acompañados no acto de presentación polo Secretario Xeral de UGT-Ferrol, Cesáreo Fraga; o Presidente da Fundación, Xesús Mosquera; e unha moi numerosa presencia de ferroláns.
Nesta completa biografía, recóllese a vida e obra do que fora alcalde de Ferrol durante a República, fundamental impulsor do Estatuto de Autonomía de Galicia dende o ámbito socialista e autor, ademáis, dunha rica creación literaria, quen, malia todo iso, e segundo verbas de Carlos Pereira no acto de presentación, “segue a ser unha figura bastante descoñecida, de feito, só en Ferrol e en Culleredo ten unha vía pública co seu nome, que non hai, por exemplo, na súa cidade natal, na Coruña”.
En referencia ao alcance e sentido que os autores lle quixeron dar a esta exhaustiva biografía, Ana Romero indicou que “nós o que tentamos é aclarar algunhas cuestións das que se dubidaba referentes á súa traxectoria vital. E logo quixemos afondar nos distintos ámbitos nos que destacou: o teatro, a política, o seu compromiso co nacionalismo, coas artes…”
Sobre a súa militancia política, os autores remarcan o feito de que estivera tan próximo a correntes ideolóxicas que naquel tempo adoitaban estar moi enfrontadas: “Nel únense tres aspectos que non son fáciles de reunir na mesma persoa: o socialismo, o republicanismo e o nacionalismo. El está cos socialistas e como tal se presenta ás eleccións municipais de 1931; é republicano na maneira de pensar e de defender un sistema político; e, desde as Irmandaes da Fala ó Estatuto de Autonomía, sempre estivo Quintanilla, tamén, co galeguismo como un valor importante. Que se dean estas circunstancias na mesma persoa, con ese carisma e co recoñecemento que se lle deu dende todos os ámbitos.Non é fácil atopar unha personalidade que reúna todo iso”.
Acabamos de asistir, en definitiva, á presentación dun traballo de investigación á altura da figura deste médico, intelectual e político que foi o primeiro alcalde republicano de Ferrol e morreu fusilado en agosto de 1936, xunto con outras catorce víctimas do franquismo, no antigo cemiterio de Canido.