Presentación en Ferrol de “La depuración del magisterio nacional en la provincia de A Coruña (1936-1945)”
A Fundación Luís Tilve presentou a súa nova publicación, “La depuración del magisterio nacional en la provincia de A Coruña (1936-1945)”, o mércores 3 de abril en Ferrol. O acto foi presentado polo presidente do Ateneo Ferrolán, en cuxa sede se desenvolveu a conferencia, seguido da intervención do Secretario da Fundación, Roxelio Pérez Poza, que expuxo os traballos que ven facendo a entidade e os proxectos que xa están en marcha, para pasar, a continuación, a facer unha introdución sobre o peso da Federación de Traballadores da Ensinanza na renovación pedagóxica durante a República e incluso antes, cunha presenza moi por riba de calquera outra asociación ou sindicato, así como lembrou os nomes dalgúns mestres da FETE represaliados, tales como Ángel Mato, María Vázquez, Víctor Fraiz ou Mercedes Romero Abella. O groso da presentación correu a cargo do autor e xornalista, Jesús Manuel García Díaz, que fixo unha estupenda exposición sobre a tramitación e o proceso depurador que exerceu o Franquismo sobre os mestres e mestras máis progresistas, que estaban a traballar por xerar un país máis avanzado, xusto, e igualitario a través da educación, antes de que a imposición da ignorancia e o pensamento único cernasen o futuro do país durante 40 anos. García Díaz narrou tamén as tribulacións que sufriron moitos destes mestres e mestras, por razóns as veces tan triviais como estar solteiro, pintar as uñas, vestir dunha forma moderna, non ir a misa tódolos domingos, non ter fervor patriótico, contratar a unha muller para axudar na casa, ir con traxe de baño a praia ou as habituais de pertencer á FETE (unha das preguntas que facía o expediente sancionador) ou espertar as envexas dos veciños por causas varias e míseras. Represión, que supuxo o asasinato de 23 mestres coruñeses, o encarceramento de 21, a sanción de 473 (podendo ser separados definitivamente do posto) e a obriga de pasar por un proceso de depuración a 1.967 docentes. Para a depuración utilizáronse os informes da Garda Civil, do párroco (que eran os máis puntillosos e a declaración que máis “ía a misa”), do alcalde, da Falange e dun pai de familia de boas costumes.
A investigación, que se puido publicar grazas á colaboración da Deputación de A Coruña, xerou unha base de datos, con 200.000 entradas, que permitiu facer un estudo completo da depuración na provincia, despois de varios anos de traballo consultando, entre outras fontes, os 2.000 expedientes de mestres da provincia coruñesa conservados no Arquivo Xeral da Administración, en Alcalá de Henares.
Un corte da intervención pode seguirse no noso canal de Youtube:
