XIII Edición dos Premios Luis Tilve.
Premiados ano 2023
O 12 de xaneiro, no edificio Cersia de Santiago de Compostela, celebrouse o acto de entrega dos Premios Luís Tilve ó Traballo Digno 2023, que recaeron en dous sindicalistas de recoñecida traxectoria: José Carrillo Souto e Suso Díaz Díaz, pola súa labor incansable na defensa dos dereitos das traballadoras e dos traballadores, e pola súa loita na procura, precisamente, da dignificación do traballo.
Abriron o acto o presidente da Fundación, José Benito Núñez, e o presidente de honra, Fernando González Laxe que tiveron unhas palabras de recoñecemento á traxectoria dos premiados e tamén repasaron o traballo desenvolvido pola Fundación e como foi a traxectoria destes premios nestes últimos anos. Tras a recollida dos premios, interviñeron José Carrillo e Suso Díaz. Carrillo destacou a labor que está a desenvolver a Fundación Luís Tilve, tanto a nivel da recuperación da memoria histórica, como o traballo do arquivo e da organización. Pola súa banda, Suso Díaz, salientou o feito de que sexa o sindicato UGT quen lle outorgue este premio, isto é unha novidade que se debería tomar como exemplo.
Para o peche do acto, tomou a palabra o secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, que lembrou unha frase de Saramago que dicía que “somos a memoria que temos e a responsabilidade que asumimos” e amosou o orgullo do Sindicato por traxectorias como a de Carrillo e Díaz, polas responsabilidades asumidas en tempos realmente difíciles e pola súa gran contribución, como moitos compañeiros de xeración, ao gran salto social e democrático que experimentou o país ao longo destes últimos 45 anos.
De seguido, interveu o presidente da Deputación da Coruña e secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, que considerou que o traballo e a loita sindical de Carrillo e Díaz con moitos sacrificios persoais, aínda así, pagou a pena por gozar hoxe de moitos dereitos. E, como noutras das intervencións, recoñeceu que aínda queda moito por facer e conquistar, sobre todo, nun contexto como o actual de ameazas globais. Pola súa banda, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, recoñeceu que os galardoados son dúas persoas que xa forman parte activa da nosa democracia e da historia do movemento sindical do país.
A ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, comezou a súa intervención recoñecendo, ademais da andaina dos premiados, a figura de Fernando González Laxe, o que fora presidente da Xunta, por abrir as portas á Galicia da modernidade. Destacou o modelo ético e de entereza que representan Carrillo e Díaz e tamén louvou a iniciativa e o traballo desenvolvido pola Fundación Luís Tilve. Pechou o acto o secretario xeral de UGT, Pepe Álvarez, que tamén recoñeceu o traballo da Tilve e coincidiu coa ministra en que o sindicalismo é o elemento que ensancha a democracia e os sindicatos son os instrumentos fundamentais para a democracia e o progreso das persoas.
O acto foi unha extraordinaria ocasión para reivindicar o papel dos sindicatos e dar visibilidade ó traballo da Fundación, xa que a súa repercusión en medios foi superior ó habitual. Sendo un acerto a súa organización.