A Fundación “LUÍS TILVE” é unha institución con carácter de Fundación cultural privada, recoñecida como tal pola Consellería de Cultura e Xuventude (D.O.G. de 22 de abril de 1991) e declarada de interese galego por Orde do 1 de abril de 1991 da Xunta de Galicia (D.O.G. do 13 de maio de 1991). A Fundación constitúese en Santiago de Compostela o día 9 de outubro de 1989, a partir da idea do, nese momento, Secretario Xeral de UGT-Galicia, Suso Mosquera, quen consideraba fundamental o estudio histórico dos movementos sociais, sindicais, políticos e culturais contemporáneos, así como a conservación da documentación que obraba en poder do sindicato ou que puidera chegar a el. Obxecto e finalidade da Fundación A Fundación ten entre os seus obxectivos, definidos nos seus propios estatutos: Fomentar o coñecemento e o espallamento da Cultura Sindical. Axudar ó estudio e á investigación da historia dos sindicatos, e en particular da UGT en Galicia. Axudar ó estudio e á investigación do Sindicalismo e da súa problemática na sociedade galega de hoxe. Contribuír ó estudio e á investigación da emigración e a inmigración galegas. Contribuír á formación, no seu lato significado, dos responsables e dirixentes sindicais, en orde a favorecer o mellor cumprimento da súas responsabilidades específicas. Contribuír á formación da clase traballadora, tanto dende o punto de vista laboral como dende unha perspectiva profesional, incluíndo a do profesorado en exercicio. Ser depositaria dos Arquivos Histórico e Documental da UGT de Galicia. Custodiar, ordenar e manter a Biblioteca da UGT de Galicia. Facilitar ós estudantes e investigadores de cuestións relacionadas con este obxecto fundacional o seu labor. Elaborar e subministrar información sobre tódolos temas que signifiquen un progreso para a clase traballadora. Promover os valores do traballo digno, as accións solidarias e a defensa do medio ambiente e dos bens comúns. Fomentar o estudo e a investigación no ámbito das ciencias sociais, históricas e xurídicas, par ao mellor cumprimento dos fins antes salientados. Dende a súa creación a Fundación Luís Tilve traballa pola difusión da cultura galega, concretando o seu campo na recuperación da memoria histórica do País galego preferentemente no mundo laboral, e ao mesmo tempo convocando actos de completa actualidade no seu momento para a análise da realidade social que envolve a Galicia dende distintas ópticas. De feito un dos proxectos presentes nos seus obxectivos dende a súa constitución é o contacto cos centros galegos da emigración, para non deixar no esquecemento aos nosos cidadáns, que por diversas causas tiveron que emigrar lonxe da súa terra. Para acadar todos estes obxectivos a Fundación ven formulando dende a súa creación diversas actividades que conforman a columna vertebral da súa existencia: Organizar cursos, conferencias, congresos, symposiums, conversas e sesións de estudio e investigación arredor de temas e problemas sindicais, laborais, industriais e sociais. Redactar, editar, subvencionar e distribuír folletos, monografías e toda clase de publicacións de información, formación e divulgación de temas relacionados co mundo sindical, laboral, industrial e social. Realizar exposicións monográficas arredor de aspectos e temas laborais, industriais, sociais e sindicais. Subscribir acordos ou convenios con diferentes institucións públicas, ou entidades privadas. Relacionarse con outros Arquivos e Fundacións que poidan aportaren documentos de interese en relación co obxecto e finalidade fundacional. Calquera outra actividade que a Xunta do Padroado estime conveniente para o cumprimento do obxecto fundacional.
                                  fundación luis tilve              
          ____________________________________________________________________________

 Avda. Cruceiro de A Coruña, 22 Baixo. 15705 - Santiago de Compostela (A Coruña)
Tlf:  981 58 54 90                                                              Fax:  981 56 68 30

fluistilve@hotmail.com                                   fluistilve@fundacionluistilve.com

Coñecenos
conocenos fundación luis tilve
Centro documental
centro documental fundación luis tilve
Memoria da Guerra Civil en Galicia. O caso de Pontevedra.:
Esta obra supón unha nova contribución ó estudo da historia da Guerra Civil en Galicia, froito do interese da súa autora pola historia oral nos anos 90, que a levaron a entrevistar a máis de 70 persoas, recollendo as súas vivencias durante a Guerra en Pontevedra. Estes relatos darían lugar a unha tese doutoral en 1998 que se publica agora por primeira vez en España e en galego. Nela analízase e se busca comprender o estado da Memoria 60 anos despois dos acontecementos, a súa evolución, o se reflexo nas institucións, que moitas veces inflúen na memoria colectiva, ás obsesións, as reticencias, as distorsións, os esquecementos, os recordos da represión... Vivencias que enmarcan a relación que estas persoas tiveron co pasado. O estudo ilumina así o estado específico do testemuño oral como unha fonte histórica para que as voces destas testemuñas, hoxe moitas delas falecidas, atopen o seu lugar na historia.


Marie-Pierre Bossan (1969, Francia).
Licenciada en Filoloxía Hispánica e Doutora en Civilización Hispánica Contemporánea. Tras exercer de profesora de francés na escola de Maxisterio de Pontevedra é, dende 1999, profesora titular de lingua e civilización contemporánea española no Instituto Universitario Tecnolóxico da Universidade de Grenoble. Tivo responsabilidades académicas no CNU (ANECA) e é membro da Xunta do Grupo de Investigación sobre a imaxe no mundo hispánico. No ano 2000 creou o festival de cinema español e latinoamericano "Regards", en Valence, que é hoxe en día un referente na difusión da cultura hispánica en Francia.



Fundación Luis Tilve - Santiago de Compostela. A Coruña. Galicia. España