A “Casa del Maestro” de Pontevedra (1934-1936). Organización societaria e depuración do Maxisterio:

A Casa del Maestro de Pontevedra foi una institución, que desenvolveu a súa acción entre 1934 e 1936 e que chegou a contar con máis de mil asociados, creada polos propios docentes co fin societario de contar cun local onde reunirse e onde desenvolver as súas actividades, sen excluír, en ningún caso, do seu uso, a outras asociacións do maxisterio. Entre os seus fins cabe citar: intercambiar impresións entre profesionais, compartir as súas propias experiencias e tomar contacto coas novas propostas pedagóxicas a través de conferencias, de publicacións integradas na súa biblioteca, que se crea ó efecto, ou da revista Escuela Vivida, na que colaboran moitos dos asociados cos seus artigos e que constitúe un importante vehículo de comunicación e información.

 

A orixe da Casa del Maestro responde fundamentalmente ó impulso que a República lle da ó ensino coa creación de miles de escolas e a formación de miles de mestres a través dunhas novas Escolas Normais mixtas, que pasan a desempeñar un papel relevante, non só na formación inicial, senón tamén na permanente, e ó programa pedagóxico da República, que modifica os plans de ensino e que se asenta, en gran maneira, nas experiencias da Institución Libre de Enseñanza e os programas dos anos 20 do Partido Socialista e de UGT. En todo este proceso fora determinante a figura de Lorenzo Luzuriaga, como o foi tamén na elaboración do proxecto educativo da República. Así a idea de crear a Casa del Maestro de Pontevedra nace nuns cursiños pedagóxicos de 1932 coa finalidade, como indica o editorial (“Marginales”) de Escuela Vivida, a revista da sociedade, “de perfeccionamento e superación cultural” do maxisterio provincial.

 

Anxo Serafín Porto Ucha e Raquel Vázquez Ramil analizan, no seu traballo, cun amplo relatorio documental, os obxectivos e a configuración orgánica e estatutaria da Casa del Maestro, o apoio á acción profesional, a actividade societaria en torno ás actividades culturais e lúdicas, o desmantelamento da Casa del Maestro, a raíz do levantamento militar do 36, así como a represión subseguinte, especialmente dos docentes vinculados á Casa del Maestro e a Trabajadores de la Enseñanza.

15€ PVP