A Fundación asina un convenio de colaboración co Ministerio de Defensa.

O pasado día 29 de xuño de 2011, O Secretario da Fundación Luís Tilve, Rogelio Pérez Poza, asinou, en representación da mesma, un convenio de colaboración co Ministerio de Defensa. O acto tivo lugar na sede do Ministerio, coa presenza do Secretario de Estado de Defensa, Constantino Méndez, e de representantes da Asociación de Estudios sobre la Represión en León, entidade que tamén asinou un convenio similar.


O convenio, para a dixitalización dos xuizos sumarísimos durante a Guerra Civil e o Franquismo, non ten asignación económica, polo que os custes dos traballos correrán a cargo da Fundación, pero si servirá para axilizar os trámites e o procedemento para a dixitalización dos Consellos de Guerra abertos a membros e dirixentes do movemento obreiro galego, e particularmente daqueles pertencentes ó PSOE e á UGT, en base ós obxectivos fundacionais da nosa entidade, entre os que se destaca a recuperación da historia do movemento obreiro socialista en Galicia.
O convenio se enmarca dentro do proxecto global da Fundación que integra traballos de arquivo (recuperación e recompilación documental das organizacións UGT e PSOE, das cales xestiona o Arquivo Histórico) e investigación. Nesta última tarefa a Fundación leva traballando dende 1989, recollendo a historia destas organizacións dende a súa aparición en terras galegas. Precisamente nestas tarefas ven colaborando coa Fundación Pablo Iglesias (a través do Diccionario Biográfico del Socialismo Español) e coa Fundación Francisco Largo Caballero.


A documentación conservada no Arquivo Militar de Ferrol e, en especial, os consellos de Guerra, supoñen unha das mellores vías de información non só para estudar a “represión”, senón tamén para entender e coñecer a actividade das organizacións obreiras, dado que o material documental propio desapareceu durante eses anos escuros. Os traballos de dixitalización que espera poder acometer a Fundación, sempre que se consiga financiación para os mesmos, permitirán non só a conservación da documentación, senón tamén a súa difusión de cara á investigación e ós familiares dos represaliados.