Acto de entrega dos Premios Luís Tilve 2012 en Vigo, o 26 de outubro.:

O venres 26 de outubro a Fundación Luís Tilve,fará entrega dos galardóns anuais que levan o seu nome, na que xa é a sétima edición. O acto de entrega terá lugar no Auditorio Municipal de Vigo a partir das 19:30 horas, e contará coa presenza de diversas personalidades da vida pública, social, cultural, sindical e política, tanto da cidade de Vigo como de Galicia en xeral.Entre eles estarán os membros do Xurado, composto por: Fernando González Laxe, José Antonio Gómez Gómez, Salvador Fernández Moreda, Álvaro Ansias Bacelar, Carmen Avendaño Otero, Ana Romero Masiá, Tareixa Navaza González, Mª Xosé Rodriguez Galdo e Roxelio Pérez Poza; os cales acordaron que os premiados deste ano foran os seguintes:

– O premio Traballo Digno desta edición é outorgado a Xavier Fortes López, por dignificar a profesión de xornalista ó servizo da información veraz, plural, independente e para os cidadáns, tendo sempre en conta que a radiotelevisión pública cumpre cunha función esencial e débese ós cidadáns, e tratando de ofrecer, na súa dilatada traxectoria, a mellor información, contrastada, responsable, e exhaustiva. Con este premio recoñécese a calidade, o rigor e a independencia dun profesional que cree nos medios públicos como espazo aberto ás preocupacións sociais dos cidadáns.

– O premio Acción Solidaria outórgase ó Proxecto Bubisher, iniciativa xurdida da unión de ideas e esforzos, pon en marcha un autobús biblioteca que percorre os campamentos de refuxiados do Sahara coa intención de levar a cultura e a lectura a tódolos rincos. Á idea, xurdida do alumnado do Colegio San Narciso de Marín e posta en marcha pola “Asociación de escritores por el Sahara”, sumáronse este Nadal 101 bibliotecas escolares galegas e unha iniciativa de intercambio cultural organizada por bibliotecas escolares de Ferrolterra.

– O premio Defensa do Medio Ambiente e dos Bens Comúns, recaeu no Museo do Pobo Galego, merecedor deste recoñecemento polo seu compromiso, dende fai anos, coa investigación, conservación, divulgación, promoción e defensa da cultura galega en tódolos seus ámbitos.

– O premio Investigación e Divulgación Histórica, recalou na historiadora Aurora Marco López, polo seu traballo de investigación sobre “As mulleres na guerrilla antifranquista galega, que recolle a traxectoria destas mulleres, do monte e da chaira, que colaboraron coa Federación de Guerrillas León-Galicia nas décadas dos 50 e 60, recuperando os seus nomes para facelas visibles a nosa historia. Este traballo deu lugar tamén a un documental titulado “Silenciadas”, realizado por Pablo Ces.

Os premios consistirán nunha escultura exclusiva do artista César Lombera, na que aparecen unhas mans entrelazadas, as cales representan simbolicamente todas as actitudes que se pretenden recoñecer e o propio espírito dos Premios.