ACTO DE ENTREGA DOS XII PREMIOS LUÍS TILVE
Santiago, 19 de Outubro de 2018.
Mañá, 20 de decembro, ás 12:00 horas, no Salón de Actos de UGT-Galicia (Rúa Miguel Ferro Caaveiro, 12), terá lugar a celebración do acto de entrega dos XII Premios Luís Tilve, e que este ano recaeron nas seguintes entidades ou persoas:
O premio ACCIÓN SOLIDARIA outórgase á Asociación Amencer-ASPACE, polo seu compromiso coas persoas con parálise cerebral e outros trastornos neuro-motores, dende fai 25 anos, a través de proxectos de atención especializada a domicilio, dun Centro Educativo e dun Centro de día en Pontevedra, un Centro de Información, apoio e orientación en Vigo e un Centro Educativo e de Día en Vilagarcía, proxectos de integración laboral, formación de voluntarios, e outras moitas actividades coas que se está dando resposta ás necesidades dos afectados para ser cidadáns de pleno dereito.
O premio DEFENSA DO MEDIO AMBIENTE E DOS BENS COMÚNS, recaeu en J. Pedro Mansilla Vázquez, pola súa traxectoria no campo da enxeñería agroforestal e, especialmente, polo seu traballo na conservación forestal de Galicia e na loita contra as pragas que ameazan os nosos montes, tanto dende o seu posto de Enxeñeiro Xefe da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, como a través dos seus numerosos estudos e investigacións, tales como: “Patología de la vid”, “Tratamientos fitosanitarios de las masas forestales: plagas y enfermedades”, “Problemas fitosanitarios de los robles y castaños en Galicia”, “Control de plagas y enfermedades de la vid y huerta en la zona fronteriza Galicia-Norte de Portugal”, “Estudio del ataque de insectos en las masas forestales”, “Impacto del fuego en los suelos forestales y en la regeneración de la masa forestal”, “Estudio de los efectos que produce en el suelo el cultivo de Eucalyptus globulus”.
O premio INVESTIGACIÓN E DIVULGACIÓN HISTÓRICA, recalou no historiador Jesús Manuel García Díaz, pola súa investigación “La depuración del magisterio nacional en la provincia de A Coruña (1936-1945)”, que recolle todo o proceso da represión dos docentes durante a Guerra Civil e a posguerra, así como as consecuencias que tivo para un colectivo e uns profesionais cuxo único delito foi o de comprometerse firmemente na transformación dun país atrasado e conservador, aprestándose a achegar os seus coñecementos e a súa formación pedagóxica coa fin de modernizar Galicia, creando escolas e levando a educación ós lugares máis afastados. O traballo será, ademais, publicado pola Fundación.
O premio TRABALLO DIGNO que nesta edición foi outorgado a Jesús Mosquera Sueiro, pola súa traxectoria na defensa dos dereitos dos traballadores e pola súa loita na procura, precisamente, da dignificación do traballo, xa foi entregado nun acto anterior, o 12 de xullo, que foi aproveitado para homenaxear a súa figura e a súa familia, pero que neste acto tamén será lembrado.
Ó acto, que estará presidido polo Presidente de Honra da Fundación Luís Tilve e do Xurado, Fernando González Laxe, asistirán os colectivos premiados, o xurado dos premios, composto tamén por: José Antonio Gómez Gómez, Salvador Fernández Moreda, Álvaro Ansias Bacelar, Carmen Avendaño Otero, Ana Romero Masiá, Tareixa Navaza González, Mª Xosé Rodriguez Galdo e Rogelio Pérez Poza; ademais doutros representantes institucionais, sociais e culturais galegos.
Os premios consistirán nunha escultura exclusiva do artista César Lombera, na que aparecen unhas mans entrelazadas, as cales representan simbolicamente todas as actitudes que se pretenden recoñecer e o propio espírito dos Premios.
Premios Fundación Luís Tilve 2017