Clasificación e descrición de documentación das organizacións obreiras 2019

Entre os meses de xullo e setembro a Fundación levou a cabo un proxecto arquivístico grazas á colaboración da Consellería de Cultura e Turismo, que permitiu a realización de relacións de entrega pendentes e o tratamento da nova documentación chegada ó arquivo, procedente de doazóns, transferencias e traballos de recompilación documental neste último período, nas súas diferentes fases arquivísticas (identificación, valoración, clasificación, ordenación, instalación). Nesta fase abordouse o tratamento de documentación procedente de traballos de investigación e recompilación documental, entre os que había tamén fondos persoais ou particulares, pero cuxa documentación pertence en orixe ás organizacións sindicais e políticas. Así mesmo tratouse un importante fondo da sección sindical de BAZAN.

 

Estes traballos supuxeron, en total, o tratamento, ordenación e instalación de 31 unidades de instalación en arquivos definitivos de cartón, así como a actualización do Cadro de Clasificación, fundamentalmente nos Fondos: PSdeG-PSOE (especialmente nas seccións da Comisión Executiva Nacional), e Outros Partidos. Por outra parte, seleccionouse e separouse o material bibliográfico que acompañaba dita documentación para a súa instalación e catalogación na Biblioteca da Fundación, a disposición dos usuarios, e describiuse toda a documentación a tratar, clasificada nos seus respectivos expedientes ou unidades documentais, en fichas físicas de cartón que foron posteriormente instaladas no correspondente moble ficheiro. Deste xeito se evita que calquera problema informático poida supor a perda do traballo feito ou imposibilidade de acceder ós datos. Estas fichas foron posteriormente trasladadas ó Sistema de descrición arquivística DIGIARCH, poñendo a disposición dos usuarios, a través da Rede, todo o traballo feito. A nova documentación foi instalada no Depósito do Arquivo Histórico do Movemento Obreiro da Fundación, para a súa conservación e consulta e actualizouse o inventario do Arquivo Histórico do Movemento Obreiro da Fundación, importándose o mesmo á nosa Páxina Web. Este proxecto nos permitirá tamén elaborar e completar relacións de directivas, executivas, congresos, eslóganes ou convocatorias electorais dos organismos cuxa documentación foi tratada, a fin de mellorar a información dos mesmos e facilitar a datación da documentación.

 

Os traballos permitiron que se recupera documentación procedente de traballadores e de seccións sindicais de calado na historia industrial e laboral de Galicia, como BAZAN, en Ferrol. Polo que estes pequenos fondos supoñen un pouco de luz para os investigadores que poidan estar interesados nas mesmas.

Coa colaboración de: