Conferencia: O movemento obreiro socialista na II República.
No marco da conmemoración do 130 Aniversario da UGT, e coa intención de complementar a exposición 130 anos de loitas e conquistas, exposta ata o 16 de maio, no centro sociocultural de Fontiñas (Santiago de Compostela), a Fundación Luís Tilve e a UGT-Compostela-Barbanza, organizaron un acto, o pasado martes 7 de maio, na que o doutor en Historia, Manuel González Probados, impartiu unha conferencia sobre o movemento obreiro socialista galego na II República. Nela, o profesor Probados, explicou que a chegada da República supuxo a normalización democrática do país dentro do contexto europeo e fomentou a afiliación dos cidadáns a organizacións obreiras, como a UGT e o PSOE, así como a proliferación de prensa obreira. Supuxo, ademais, unha revolución xurídica e reformista, especialmente dende o Ministerio de Traballo, dirixido polo socialista e ugetista, Francisco Largo Caballero, dende o cal se desenvolveu unha ampla lexislación de carácter social que buscaba reducir o retraso que España levaba con outros países. Deste xeito, dende o Estado se interveu en favor dos máis desfavorecidos, con seguros sociais, como o de maternidade, o cumprimento da xornada de 8 horas (as mulleres facían xornadas de máis de 12 horas), a lei de contrato de traballo por escrito, a lei de xurados mixtos, etc. Avances sociais que se viron freados en 1934 coa entrada no goberno da dereita unida na CEDA e a división dos partidos de esquerda, que volveron a unir as súas forzas na Fronte Popular para recuperar a dirección do Estado en 1936, coa intención de retomar as reformas que, definitivamente, paralizou o golpe de Estado e o Franquismo durante máis de 40 anos.
O acto, que foi presentado pola Secretaria Xeral de UGT-Compostela-Barbanza, Inmaculada Sieiro, contou tamén coa intervención do Secretario da Fundación, Rogelio Pérez, quen fixo unha introdución dos inicios do socialismo compostelán. A exposición pode visitarse actualmente, ata o 18 de xuño, no centro sociocultural de O Castiñeiriño, en Santiago.
A conferencia pode verse no noso canal de Youtube, na dirección: