Derrogar a LOMCE. Un reto educativo
O 4 de abril, no Centro Cultural Marcos Valcarcel de Ourense, en colaboración con Escola Viva e o Ateneo de Ourense, que cedeu o local, a Fundación organizou unha conferencia para tratar a derrogación da LOMCE e o reto educativo de sacar adiante unha nova lei que si conte cun amplo consenso da comunidade educativa, na procura dunha normativa que poida perdurar no tempo e que non teña o amplo movemento de protesta que ven arrastrando a LOMCE dende a súa aprobación. Este reto supuxo a creación da Comisión do Pacto Educativo e o intento do novo Goberno de elaborar un documento base de Proxecto de Lei, que quedou paralizado pola convocatoria das Eleccións Xerais e que constitúe o resultado dun amplo debate en torno a unha alternativa á LOMCE, unha vez recollidas as achegas das organizacións sociais e sindicais, da Conferencia Sectorial de Educación e do Consello Escolar do Estado. Para elo nada mellor que poder contar co deputado Guillermo Meijón Couselo, Vicepresidente da Comisión de Educación no Congreso, para explicar as deficiencias mostradas estes anos pola lei Wert, que supuxo un retroceso na democratización dos centros, relegando ós Consellos Escolares e ás asociacións de pais na toma de decisións e impoñendo ós directores “a dedo”. Outros males da lei conservadora que quedaron reflectidos foron: a segregación, provocada coa anticipación da separación dos alumnos á FP ós 15 anos ou coa permisividade na segregación do alumnado por sexos, pese ás sentencias do Supremo en sentido contrario; ou a degradación das linguas rexionais e doutras áreas de coñecemento fundamentais como a historia, a filosofía, a literatura ou a Educación Física, ademais de, por suposto, a falta de inversión en educación, que foi reducíndose ano tras ano.
Meijón, que falou trala intervención do Secretario da Fundación, Roxelio Pérez Poza, expuxo, a continuación, as propostas incluídas na nova lei, como a defensa dunha escola pública suficientemente dotada en profesorado, infraestruturas e medios, na que haxa igualdade de oportunidades, a non obrigatoriedade da materia de relixión e da súa avaliación, a anulación de reválidas, a revisión do sistema de repetición de cursos (dado o elevado número de repetidores, por riba da media europea), ou modificación del sistema de ciclos e itinerarios, entre outras moitas formulacións que haberá que retomar cando haxa un novo Goberno.