Exposición: 130 anos de loitas e conquistas en Santiago de Compostela

Dende o 20 de febreiro ó 18 de xuño mostrarase a exposición: “130 anos de loitas e conquistas”, con motivo da conmemoración dos 130 anos do sindicato socialista, nos distintos Centros Socioculturais de Santiago. A exposición, na que colabora a Fundación Luís Tilve, inaugurouse o 20 de febreiro no Centro do Ensanche e esta composta por 20 paneles, 14 deles de carácter histórico e 6 temáticos.

 

O acto contou coa intervención de Inmaculada Sieiro, Secretaria Xeral de UGT-Compostela-Barbanza; Martiño Noriega, alcalde de Santiago; Luis Toxo, afiliado histórico da UGT compostelá; José Benito Núñez López, Presidente da Fundación Luís Tilve; e José Antonio Gómez Gómez, Secretario Xeral de UGT-Galicia.

 

A exposición repasa os principais logros do Sindicato dende os primeiros anos de protestas obreiras, a ditadura de Primo de Rivera, a II República, a Guerra Civil, a época da clandestinidade, o exilio de UGT pola ditadura franquista, a chegada da democracia e a legalización do Sindicato, os anos 80 nos que se converte en primeira forza sindical, ata finalizar coa etapa actual.

 

No caso compostelán, en 1891 nacen dúas institucións, que van desempeñar un papel fundamental no movemento obreiro e socialista de Santiago, o Centro Obreiro, que agrupa ás sociedades de oficio, moitas delas vinculadas a UGT, e a Agrupación Socialista de Santiago, pero xa na folga de 1890 aparecen varios líderes de ideas socialistas, que estarán moi presentes na adhesión das sociedades a UGT e no seu funcionamento, como Nicolás Pardo Cernadas, presidente da sociedade de Canteiros, José Silva Cobas, secretario da primeira executiva da Agrupación Socialista e da Sociedade de Canteiros e Eusebio Alonso Vieites.

 

Dende 1894 un dos xermes da UGT en Santiago, como no resto de Galicia, será a Sociedade de Canteiros, presente en Madrid nos Congresos de UGT, con delegación propia, e tamén a Sociedade de Carpinteiros, que se adhire a UGT en 1896. Un dos líderes indiscutibles do uxetismo en Santiago, no período que abrangue desde 1891 ata 1936, en que é fusilado, será José Mareque Santos, de orixe andaluz, presidente e secretario xa no ano 1894 da Sociedade de Carpinteiros, pero que participa na constitución e adhesión a UGT doutras moitas sociedades e na actividade destas. En 1891 forma parte da primeira executiva socialista de Santiago, xunto con Manuel Rodríguez, primeiro presidente e Manuel Villaverde. En 1931 sería elixido deputado pola provincia de A Coruña.

 

Ó longo deste período as mobilizacións e folgas más importantes que se producen en Santiago, e nas que participan as sociedades uxetistas, son ás da loita pola xornada de 8 horas, cando moitos traballadores sufrían a xornada de ata 12 horas, a denuncia do traballo dos menores, a loita por un salario mínimo legal e as campañas contra o enrolamento dos traballadores no exército para ir á guerra de Cuba ou á guerra de Marrocos, da que se libraban as persoas coa posibilidade económica de pagar unha cota (os que se denominaban “soldados de cuota”). O lema utilizado por socialistas e uxetistas santiagueses será “o todos o ninguno”. Tamén participan en varias campañas contra a pobreza que padecían os traballadores e a crise de subsistencias, que se producía periodicamente. Así o 2 de maio de 1918 a Sociedade de Canteiros de Santiago publicaba un manifesto, no que dicía, entre outras cousas: “Queremos que desaparezca el hambre; medios hay más que suficientes para conseguirlo. Basta tan solo con que desaparezca el acaparador e intermediario entre el que produce y el que consume; hacer imposible el favoritismo de los que usurpan el poder, que sirven a las grandes empresas explotadoras, de las que cobran pingües honorarios”


Un dos enemigos recalcitrantes do socialismo santiagués é a Igrexa. Así o arcebispo de Santiago, Martín de Herrera di nunha Pastoral de 1898: “Exhortamos a todos nuestros diocesanos a que dirijan a Dios fervientes plegarias para que jamás arraigue en nuestra archidiócesis la planta venenosa del socialismo, y que sus propagadores no logren engañar a los incautos con las vanas promesas de una felicidad ilusoria”.


Coa proclamación da República o socialismo e uxetismo santiagués toma novo pulo, xunto coa estruturación do Sindicato, que pasa a organizarse en Federacións, que agruparía ás sociedades de cada sector. Así en Galicia, con ámbito galego, constitúese en Betanzos a Federación de Trabajadores de la Tierra, que reúne a moitas das Asociacións Agrarias, a Federación de Empleados de la Banca, a Federación de Trabajadores de la Enseñanza e o Consejo Obrero Ferroviario.


Outros líderes do socialismo e do uxetismo santiagués, no período republicano foron o mestre Fernando Barcia Beiras, vicepresidente da Federación de Entidades Socialistas Obreiras, Agrarias e Mariñeiras da Comarca de Santiago e membro de comité executivo de Galicia de FETE-UGT e os irmáns Manuel e José Maroño, fusilados todos a raíz do levantamento do 36, que puxo fin a este período sindical e á vida de moitas persoas asociadas durante todos estes anos a UGT e ó Partido Socialista. Vaia para eles e para todos os que loitaron durante tantos anos o noso recordo con motivo desta exposición, que aborda o traballo e as conquistas do movemento obreiro en España.