FORO CLARIDADE: Cambio Climático. Por unha política sustentable na xestión da auga:

A Fundación Luís Tilve celebrou o xoves 25 de xaneiro de 2018, na Coruña, un novo foro de debate, nesta ocasión no Salón de Actos da Delegación Territorial da Fundación ONCE, onde diversos expertos trataron de concienciar ós asistentes dos problemas que o cambio climático está a xerar na xestión da auga no mundo e a súa repercusión en Galicia.

O Catedrático de Química-Física da Universidade de Vigo, Juan Carlos Mejuto, que foi decano da Facultade de Ciencias de Ourense, resultou concluínte ó explicar, dunha forma moi didáctica, a través de gráficas, como dende a Revolución Industrial toda a contaminación e polución que se bota á atmosfera retorna co tempo á terra e ós seus acuíferos, xerando modificacións e alteracións climáticas que se están a traducir en fenómenos atmosféricos extremos: vai chover máis pero menos veces, os furacáns van ser máis fortes, as temperaturas tamén se volverán máis extremas e deixaremos de ter chuvascos para ter máis temporais.

Os relatores demostraron que os problemas económicos en determinadas zonas do mundo están fortemente relacionados cos problemas ambientais, corroborándose que o cambio climático ten unha forte relación coas crises e os conflitos sociais: fame e guerras civís atópanse en lugares de alto estres provocadas por alteracións de caudais debidos a unha explotación descontrolada ou a unha falta de dispoñibilidade de auga. A situación actual, de non cambiar cara unhas políticas de sustentabilidade, evolucionara, segundo os expertos, a un estado de caos internacional.

O deputado por Huesca e Portavoz de Medio Ambiente polo PSOE na Comisión de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente do Congreso dos Deputados, Gonzalo Palacín Guarné, relator na lei que aborda os problemas xerados pola seca, que está a ser tramitada no Senado, indicou que en España cada vez chove menos pero dun xeito máis acusado, como se observa no feito de que a día de hoxe as concas de auga non estean en niveis normais, despois dun outubro sen choivas. Palacín incidiu en que a única solución real para facer fronte a esta nova situación e poñendo remedio ó uso de auga, cun consumo eficaz e intelixente. Sen embargo, o consumo diario por persoa segue descontrolado e non mellora, coa única excepción de Cataluña, onde o CAC (Consello da Auga de Cataluña) fixo, dende 2008, fortes campañas de participación, educación e sensibilización ambiental implicando ás institucións e á cidadanía.

Pola súa parte, o profesor de Psicoloxía Social e Ambiental da Universidade de A Coruña, Ricardo García Mira, especialista en estilos de vida sostible e economía verde en Europa, manifestou que xunto coa concienciación é moi importante tamén a recuperación de custos, tanto económicos como medioambientais, como se recolle na Directiva Marco da Auga, coa fin de cambiar a percepción do consumidor final. García Mira, quen como deputado pola Coruña é tamén Portavoz do PSOE na Comisión de Estudio del Cambio Climático e membro da Subcomisión para la sequía, expuxo os cambios e emendas que os socialistas fixeron no proxecto de lei de medidas urxentes para paliar a seca nas concas hidrográficas, de tal xeito que esta tivera unha connotación máis social e plural.

O expertos expuxeron que, non sendo das que máis consume, en Galicia tampouco se aprecian melloras, o longo do tempo, no consumo eficiente da auga por parte dos cidadáns. O embalse de Belesar, un dos máis importantes de Galicia, está no 22,73%, cando o ano pasado, nestas datas, estaba no 89,63%. Hai embalses que están case baleiros cando a estas alturas terían que estar cheos. A seca ven para quedarse e imos a ter problemas no futuro, polo que as medidas a tomar, como as políticas sustentables, teñen que poñerse en práctica xa. E estas dificultades aínda serán máis graves se non lle poñemos remedio ó cambio climático e non poñemos freo á emisión de gases de efecto invernadoiro.

A moderación do foro estivo a cargo da investigadora do Grupo de Investigación Persona-Ambiente da Universidade da Coruña, Isabel Lema Blanco, quen como experta en procesos de innovación social para a sustentabilidade, ademais de dirixir o debate, aportou numerosos casos prácticos froito da súa experiencia en primeira persoa. Tralo debate Lema abriu o mesmo ós asistentes, cunha interesante participación, na que a parlamentaria galega Patricia Vilán, asistente ó acto, manifestou a súa inquedanza porque a conca do Miño-Sil non fora incluída no paquete de axudas do goberno debido a que este considerou que en Galicia non hai seca, cando os datos aportados polos expertos amosaron o contrario, e criticou a pasividade da Xunta ante esta situación, así como a falla de participación dos axentes afectados na elaboración do plan hidrolóxico, que precisamente foi unha das advertencias da UE a España sobre as fallas no proceso.

Igualmente, alcaldes de distintas localidades de Galicia, que se achegaron ó foro, criticaron que a Xunta non fixo nada salvo establecer un canon que cualificaron de inconstitucional e cuxa recadación non reverte nos Concellos porque a Xunta o reparte de forma sectaria. Estes se queixaron de que cando en outubro houbo problemas de abastecemento, moitos concellos se ocuparon de proporcionar auga os veciños, mentres que a Xunta, a través de Augas de Galicia, se limitou a non facer nada e esperou ata decembro para preguntarlles ós concellos se tiñan problemas de auga.