Foro Claridade: Os incendios en Galicia. Un problema sen resolver

Os expertos que participaron no Foro Claridade, celebrado en Ourense o pasado día 14 de novembro para reflexionar sobre o problema dos incendios en Galicia, conclúen que para facerlle fronte ó lume é preciso incrementar a actividade agropecuaria, facilitando o acceso á terra; unha planificación seria do solo forestal e non forestal; e no relativo os servizos de extinción, estes teñen que ser públicos, deben estar máis formados e equipados, e baixo un mando único.
O profesor de Produción Vexetal e Enxeñaría da USC, Manuel Marey, leva anos estudiando o fenómeno dos incendios e apunta que o Servizo de Extinción creouse no ano 1990, seguindo un modelo clásico que atende ó pasado e non ó futuro. O modelo territorial, social e poboacional mudou, polo que este Servizo tamén ten que adaptarse ás circunstancias actuais. A produción de madeira xera 300 millóns de euros ó ano, pero gastamos 175 millóns de euros na defensa contra os incendios, poñendo máis énfase en tratar o problema que en previlo. En Ourense, en termos económicos, o valor que xera o monte ardendo, a chamada industria do lume, é superior ó que está xerando o monte no estado actual de abandono. “Hai comarcas nas que a principal axencia de colocación é o servizo de extinción de incendios”. Este modelo que transfire rendas ó rural, derivou nun modelo caciquil de control do territorio, pero, ó mesmo tempo, pretende ser eficaz na loita contra os incendios, o que é unha contradición e un obxectivo imposible, máxime cando o territorio está cambiando. Unha empresa non pode gañar cartos a conta do lume. Rachar esta dinámica ten que ser un obxectivo estratéxico, senón o problema vai ser cada vez maior e en Europa seguirán asombrándose coas cantidades de millóns que levamos gastados na extinción dos incendios.
Unha das liñas claves a seguir a exemplifica o feito de que as zonas onde hai máis industria forestal, incluso de eucaliptais, son as que menos arden, chegando a ter a percepción de que o gasto en prevención é escaso, porque o ven como unha ameaza o seu investimento. En cambio, as zonas que máis arden son as terras abandonadas, onde hai máis matogueira, onde, paradoxicamente, teñen a percepción de que o gasto en prevención é suficiente ou excesivo.Os propietarios forestais son os máis afectados polos incendios e hai que motivalos e apoialos, xa que son os que invisten cantidades importantes en que a terra sexa produtiva. Se cando o lume arrasa o monte se exerce presión sobre os propietarios, estes acabarán por abandonar a actividade forestal, agravando o problema. Ten que haber unha planificación do territorio, hai que reconstruílo, xerando actividade económica, porque o seu abandono é a principal causa de que o monte arda. Circunstancia que vai ir a peor, xa que se prevé unha forte caída demográfica no rural nas próximas xeracións. A este problema hai que engadirlle o cambio climático, que ven para quedarse a longo prazo e o que hai que adaptarse; e os propios incendios, tanto estruturais (acción-reacción) como os que teñen lugar nas franxas urbano-forestais que responden a casuísticas variopintas e complexas.
O abandono do rural xera unha acumulación de biomasa que en circunstancias excepcionais (ventos de máis de 30 quilómetros, máis de 30 graos de temperatura e unha humidade por baixo do 30%) fai imposible atallar o lume. Problema que se agrava nunha poboación tan dispersa como a galega e na que se incumpre reiteradamente a obriga de manter un perímetro de separación entre as casas e o bosque. “A única solución para atallar este problema é conseguir que haxa actividade no rural para evitar a acumulación de combustible con prados, cultivos e terras de labor que fan de cortalumes naturais”. Para conseguir isto hai que dispor dun marco legal que facilite a cesión das terras dos que se van ós que se quedan, e incentivar e apoiar que haxa xente que viva do rural cunha mentalidade do século XXI, un rural atractivo e viable para a xente moza. O que fixemos ate o de agora non sirve. Si fracasamos nisto o territorio o vai xestionar o lume, e a relación custo-eficacia será moi alto, conclúe Jacobo Feijoo, presidente de ASEFOGA e responsable de desenvolvemento rural de Unións Agrarias.
A labor de intelixencia e investigación nos incendios estruturais, que son reiterados en determinadas zonas, tamén permitiría intervir e presionar ós incendiarios cando se presentasen circunstancias climáticas moi adversas, a modo preventivo.
Elías Blanco, membro do Servizo de Defensa contra os Incendios e delegado de FeSP-UGT, coincide en que hai zonas que arden de xeito reiterada. Os incendiarios son da zona e o radio de actuación é inferior ós 10 quilómetros. Analizar que tipo de problema existe en cada zona é moi importante: lindes, caza, pastoreo, marcos… Outro problema é a redución de efectivos en momentos crave. Na baga de incendios recente as torres de vixilancia da zona en cuestión estaban pechadas. A privatización de tarefas de extinción e os distintos actores nas tarefas de extinción sen un mando único restan tamén moita eficacia ó servizo.
O foro estivo moderado por José Antonio Quiroga, voceiro de Agricultura do grupo parlamentario socialista, quen introduciu o tema lembrando que o lume é consustancial á civilización, dada a súa importancia antropolóxica, o tratarse dun elemento de fascinación e purificación, de defensa e traballo, que forma parte do pensamento intrínseco dos galegos.A mesma noite que se produciron os últimos incendios se produciu a paradoxa de escoitar o Delegado da Xunta anunciando a posta en marcha do Plan do Lobo e do Oso nos Ancares, bos propósitos que non terán percorrido real sen unha verdadeira planificación do territorio e unha vontade firme de atallar o problema, con solucións máis alá do papel e as declaracións de intencións. De elo depende o futuro de Galicia.