Investigación e dixitalización de Consellos de Guerra no Arquivo Militar de Ferrol

Dende a súa creación, a Fundación Luís Tilve ten entre os seus obxectivos a recuperación da historia do movemento obreiro en Galicia e, con elo, a memoria das persoas que formaron parte destas organizacións obreiras, colectivo que se viu perseguido dende a súa aparición, a finais do século XIX, e especialmente tralo Golpe de Estado de 1936, que daría comezo á Guerra Civil, cunha persecución e un plan de exterminio da clase traballadora máis reivindicativa.

 

Un dos fondos fundamentais que se conservan para o seu estudo, dada a destrución e eliminación das fontes documentais orixinais daqueles movementos, é o do Arquivo Militar de Ferrol, polo que, coa intención de estudar a historia destas organizacións, asinouse o 29 de xuño de 2011, un convenio de colaboración co Ministerio de Defensa. A firma, que tivo lugar na sede do Ministerio, coa presenza do Secretario de Estado de Defensa, Constantino Méndez, permitirá a dixitalización dos xuízos sumarísimos realizados a membros das organizacións obreiras dende a súa aparición ata o Franquismo. Como o convenio non ten asignación económica, os traballos se levarán a cabo grazas a axuda da Deputación de A Coruña.

 

O convenio se enmarca dentro do proxecto de Investigación, dixitalización e recuperación da historia do movemento obreiro galego, que integra traballos de arquivo (recuperación e recompilación documental das organizacións UGT e PSOE, das cales xestiona o Arquivo Histórico). Nesta última tarefa a Fundación leva traballando dende 1989, recollendo a historia destas organizacións dende a súa aparición en terras galegas. A documentación conservada no Arquivo Militar de Ferrol e en especial, os consellos de Guerra, supoñen unha das mellores vías de información non só para estudar a “represión”, senón tamén para entender e coñecer a actividade das organizacións obreiras, dado que o material documental propio desapareceu durante eses anos escuros. Os traballos de dixitalización permitirán non só a conservación da documentación, senón tamén a súa difusión de cara á investigación.