A Fundación mellora os equipos informáticos do seu Arquivo, coa colaboración do Ministerio de Cultura:

Este ano o Arquivo da Fundación Luis Tilve puido mellorar o seu equipamento informático grazas á colaboración da Dirección General de Patrimonio Cultural y Bellas Artes do Ministerio de Cultura.

 

Esta actuación permitiu aumentar a capacidade de almacenamento da documentación en formato dixital, que cada ano aumenta máis, non só por ser o formato no que se fai toda a documentación actualmente, senón tamén polo aumento da documentación dixitalizada, froito dos nosos traballos de dixitalización e investigación, que nos levan a recoller copia de toda aquela documentación relacionada co movemento obreiro en Galicia, tanto noutros arquivos como procedente de arquivos persoais.A isto se suma o proxecto de recollida de historia oral de dirixentes e persoas que participaron nestas organizacións, con máis de 100 entrevistas. Audios ós que se unen tamén os que nos chegan dende as organizacións das que somos depositarios do seu patrimonio histórico documental. Tamén hai que contar coas coleccións fotográficas e a dixitalización das mesmas, como máis de 11.000 fotos. Sen contar coa documentación electrónica propia  destas organizacións, como xa dixemos (circulares, infomres, comunicados, estudos, etc.). Por todo elo era necesario aumentar a capacidade de almacenaxe dos equipos informáticos e do software que garante a conservación e busca de estes documentos, con sistemas NAS, que nos permitan seguir crecendo coa seguridade necesaria para protexer este patrimonio histórico documental.

Así mesmo, este proxecto permitiu actualizar e mellorar o rendemento dos nosos equipos informáticos e a nosa capacidade de traballo, que, como é lóxico, se foran quedando obsoletos, co conseguinte risco de deixar de resultar operativos e non facilitar un traballo áxil e profesional. Todo isto contribuirá a favorecer o traballo dos nosos arquiveiros, así como as tarefas de formación práctica de arquiveiros e bibliotecarios que ven realizando a nosa entidade coa Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, para a realización das Prácticas Académicas Externas (PAE). 

Por outro lado, estas actuacións mellorarán tamén a consulta dos nosos fondos, con novos equipos para a procura e lectura de documentos no noso Arquivo.