Organización dos novos fondos documentais do Arquivo Histórico do Movemento Obreiro

Ó longo do ano 2014 a Fundación Luís Tilve desenvolveu o proxecto de “Organización dos novos fondos documentais do Arquivo Histórico do Movemento Obreiro” grazas ó cal se puideron levar a cabo os traballos de inventariado, identificación, valoración, clasificación, ordenación, descrición, instalación, conservación e difusión dos fondos documentais que aínda estaban pendentes de ser tratados, en base ás técnicas propias da arquivística.

O proxecto, cofinanciado pola Subdirección Xeral de Arquivos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, permitiu tratar as últimas transferencias recibidas, entre as que se atopan o Fondo do PSdeG-PSOE, a Sección Sindical de Citroen, a Sección Sindical de Empresas Álvarez, ou Fondos persoais como o de Manuel Suárez Castro ou Francisco Tilve Rodríguez, entre outra documentación pendente.

Os traballos supuxeron o tratamento de 146 unidades de instalación, máis 32 unidades con numeroso material audiovisual e de audio en diversos formatos que precisará ser dixitalizado en futuros proxectos; a mellora da clasificación de unidades anteriores; a actualización do Cadro de Clasificación, ó que se sumaron moitas novas tipoloxías documentais; a separación do material bibliográfico para a súa futura inclusión na Biblioteca Especializada; a descrición en fichas de máis de 2000 expedientes, posteriormente integradas no programa ALBALA; e a instalación da documentación no depósito do Arquivo Histórico do Movemento Obreiro para a súa consulta e conservación.

A documentación pode consultarse a través da páxina web da Rede de Arquivos de Galicia e do Opac Web do seu Sistema de Xestión Documental Informatizado, ALBALA, ó cal se pode acceder dende a nosa páxina web ou dende a dirección:

 

http://arquivosdegalicia.xunta.es/portal/arquivos-de-galicia/index.html?lang=es

 

Así mesmo, no apartado de Arquivo da nosa Web pódense consultar os inventarios dos nosos fondos.