Premios Luis Tilve. Premiados 2009
TRABALLO DIGNO:
Á Fundación ADCOR, pola súa contribución a mellorar a vida das persoas adultas con discapacidade intelectual e das súas familias, fomentando a integración sociolaboral e a incorporación ao mercado laboral, favorecendo o desenrolo da autonomía persoal e social, incidindo no entorno social e ofrecendo unha atención integral personalizada a este colectivo.
ACCIÓN SOLIDARIA:
Á Fundación Érguete-Integración, pola súa importante labor e contribución á integración sociolaboral de persoas en risco ou situación de exclusión social, tales como exreclusos/as, mulleres con dificultades de inserción sociolaboral, persoas en tratamento de deshabituación, ou parados/as de longa duración, fomentando ao mesmo tempo a súa integración nos municipios de residencia. Esforzos que supoñen a atención de máis de 1.200 persoas ao ano, cunha inserción efectiva de máis dun 30%.
DEFENSA DO MEDIO AMBIENTE E DOS BENS COMÚNS:
Á Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños, CEMMA, unha ONG ambiental cuxos obxectivos son impulsar o estudo e a investigación dos mamíferos e tartarugas mariñas, fomentando accións que conleven a conservación destas especies e do medio mariño en xeral, así como promover actividades de divulgación e educación ambiental.
INVESTIGACIÓN E DIVULGACIÓN HISTÓRICA:
Á historiadora e xornalista Rosa María López González, polo seu traballo “Las memorias olvidadas, los desheredados de la Guerra Civil Española”, que se centra en recuperar unha parte da historia do exilio producido en España, durante e trala Guerra Civil, a través das vivencias dos refuxiados en Francia e das expedicións dos “niños de la guerra”, que foron desprazados a outros países para alonxalos da contenda.