Premios Luis Tilve. Premiados 2012

TRABALLO DIGNO:

O premio Traballo Digno desta edición é outorgado a Xavier Fortes López, por dignificar a profesión de xornalista ó servizo da información veraz, plural, independente e para os cidadáns, tendo sempre en conta que a radiotelevisión pública cumpre cunha función esencial e débese ós cidadáns, e tratando de ofrecer, na súa dilatada traxectoria, a mellor información, contrastada, responsable, e exhaustiva. Con este premio recoñécese a calidade, o rigor e a independencia dun profesional que cree nos medios públicos como espazo aberto ás preocupacións sociais dos cidadáns.


ACCIÓN SOLIDARIA:

O premio Acción Solidaria outórgase ó Proxecto Bubisher, iniciativa xurdida da unión de ideas e esforzos, pon en marcha un autobús biblioteca que percorre os campamentos de refuxiados do Sahara coa intención de levar a cultura e a lectura a tódolos rincos. Á idea, xurdida do alumnado do Colegio San Narciso de Marín e posta en marcha pola “Asociación de escritores por el Sahara”, sumáronse este Nadal 101 bibliotecas escolares galegas e unha iniciativa de intercambio cultural organizada por bibliotecas escolares de Ferrolterra.


DEFENSA DO MEDIO AMBIENTE E DOS BENS COMÚNS:

O premio Defensa do Medio Ambiente e dos Bens Comúns, recaeu no Museo do Pobo Galego, merecedor deste recoñecemento polo seu compromiso, dende fai anos, coa investigación, conservación, divulgación, promoción e defensa da cultura galega en tódolos seus ámbitos.


INVESTIGACIÓN E DIVULGACIÓN HISTÓRICA:

O premio Investigación e Divulgación Histórica, recalou na historiadora Aurora Marco López, polo seu traballo de investigación sobre “As mulleres na guerrilla antifranquista galega, que recolle a traxectoria destas mulleres, do monte e da chaira, que colaboraron coa Federación de Guerrillas León-Galicia nas décadas dos 50 e 60, recuperando os seus nomes para facelas visibles a nosa historia. Este traballo deu lugar tamén a un documental titulado “Silenciadas”, realizado por Pablo Ces.