Presentación do libro “As viaxes de Pablo Iglesias por Galicia” en Lugo

A Fundación Luís Tilve presentou en Lugo a súa nova publicación, “As viaxes de Pablo Iglesias por Galicia”, obra que foi gañadora do Premio Luís Tilve de Investigación e divulgación histórica do ano 2010. O acto, que tivo lugar o xoves 9 de febreiro do 2012, no Salón de Actos da Deputación Provincial de Lugo, abriuse coa intervención do Presidente Jesús Mosquera Sueiro, quen tivo un sentido recordo para o xuíz Garzón, apoiado en todo momento dende a Fundación, para pasar xa a dar conta das peripecias de Pablo Iglesias por Galicia, dende o seu nacemento ata as súas posteriores visitas, destacando a importancia da labor emprendida e a súa metodoloxía de traballo á hora de fomentar, nas distintas localidades, a creación de Agrupacións Socialistas e Sociedades obreiras, así como a necesidade de recuperar a figura do pai do socialismo español. A continuación tomou a palabra o Secretario Xeral de UGT-Lugo, Ángel Tomé Roca, quen, ademáis de destacar a figura do protagonista do libro, comentou os feitos acaecidos durante a súa visita a Lugo.

O autor da obra, Emilio Garrido Moreira, falou a continuación das viaxes levadas a cabo por Pablo Iglesias por Galicia, centrándose na súa estancia luguesa e adornando o seu discurso con numerosas citas referidas o ilustre dirixente sindical, tanto da época como actuais, para rematar expoñendo a importancia do traballo que ten feito nestes anos a Fundación Luís Tilve, a cal agradecía esta oportunidade. Finalmente, pechou o acto o Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, que destacou a importancia destes traballos e da figura de Iglesias nuns tempos horfos dunha ideoloxía clara e animou á Fundación a seguir nese camiño.

Durante o acto se tivo a posibilidade de mercar o libro, cuxo prezo é de 12 €, grazas a colaboración da librería Trama.