Presentación de “Memoria da Guerra Civil en Galicia. O caso de Pontevedra”

No marco da conmemoración do 88º aniversario da proclamación da II República, o 14 de abril de 1931, a Fundación Luís Tilve presentou, o sábado 13 de abril, a súa publicación: Memoria da Guerra Civil en Galicia. O caso de Pontevedra, e escolleu para elo o paraninfo do histórico instituto Valle-Inclán de Pontevedra, no que eran mestres Paulo Novás e Gonzalo Martín March, que serían fusilados tralo Golpe de Estado. E precisamente diso fala a autora, Marie-Pierre Bossan, profesora titular de lingua e civilización contemporánea española na Universidade de Grenoble (Francia), no libro, dos habitantes de Pontevedra e de como estes viviron aqueles fatídicos días de 1936, a través da memoria dos seus protagonistas.


O acto, que se iniciou coa lectura do poema Pontevedra, de Méndez Ferrín, foi presentado polo Secretario da Fundación Roxelio Pérez Poza, que expuxo as dificultades atopadas para a publicación desta obra, que finalmente puido ser publicada grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra, e contextualizou aquel momento no que “mentres a República supuxo un período de esperanza en ámbitos como o educativo e de liberdade política, o golpe de Estado de 1936 iniciou un período de terror incomprensible, atentando contra persoas absolutamente pacíficas que predicaban a concordia e a cultura en Pontevedra”.


A obra, supón unha nova contribución ó estudo da historia da Guerra Civil en Galicia, froito do interese da súa autora pola historia oral e o seu compromiso nos anos 90, “esos testigos eran los últimos que habían vivido esos acontecimientos y eran muy mayores, había que recoger sus testimonios en ese momento o ya no se podrían recoger”. Estas testemuñas darían lugar a unha tese doutoral en 1998 que se publica agora por primeira vez en España e en galego, mantendo toda a súa actualidade e a súa necesidade, xa que a maioría dos entrevistados, cuxas voces seguiron silenciadas ata agora, xa faleceron. Vivencias que enmarcan a relación que estas persoas tiveron co pasado e que por fin teñen o seu lugar na historia, pois, como dixo Marie-Pierre, “la memoria hoy es responsabilidad de todos”, sobre todo agora que vivimos “una época olvidadiza”. “La represión había sido tan brutal, tanto el terror y el odio, que, 60 años después, todavía podía detectarse ese miedo, que se había convertido en otra forma de represión”. Ese medo “fue el que condicionó el silencio con matices de la Transición, con esa Ley de Amnistía que lo tapó todo. La actual ley de la Memoria está bien, pero hay que preguntarse de qué sirve cuando sigue habiendo miles de muertos en fosas comunes. Se quiere poner la palabra reconciliación por encima de la palabra verdad y eso es imposible. No puede haber reconciliación si antes no hay verdad, si no se cuenta lo que pasó”.


En nome das moitas familias de represaliados que asistiron ó acto, falou María Adrio Taracido, filla dun dos entrevistados, Gonzalo Adrio, quen insistiu en que os familiares das vítimas “non queremos vinganza, pero si dignidade”.


Pechou o acto a intervención do deputado provincial de Economía, Carlos López Font, que agradeceu o traballo realizado pola Fundación e manifestou a necesidade de colaborar dende as institucións coas entidades na recuperación da historia, para que esta non se esqueza e máis en momentos como o actual, no que hai quen proclama de novo armar á cidadanía. “Libros como este serven para reafirmarnos no noso espírito democrático”.