Presentación do libro: A “Casa del Maestro” de Pontevedra (1934-1936), en Pontevedra.:
Este xoves, 30 de xaneiro, presentouse en Pontevedra a nova publicación da Fundación Luís Tilve: A “Casa del Maestro” de Pontevedra (1934-1936). Organización societaria e depuración do maxisterio.
O acto, celebrado na Casa da Luz, iniciouse coa intervención do Secretario da Fundación, Roxelio Pérez Poza, que destacou o papel da FETE na renovación pedagóxica desenvolvida na II República (período no que, pese ó curto espazo de tempo, creáronse 495 escolas na provincia de Pontevedra), en base a un programa que xa fora aprobado no Congreso de UGT de 1920; e particularmente a través da Casa del Maestro, en cuxo órgano de prensa contaba cunha folla informativa. Para rematar, incidiu en que o obxectivo desta obra e que a labor destes mestres e mestras (24 membros da “Casa del Maestro” foron fusilados) non quede no esquecemento.
A continuación tomou a palabra o Presidente do movemento de renovación pedagóxica Escola Viva, Raúl Gómez Farto, quen agradeceu á Fundación o seu ofrecemento a colaborar na publicación dunha obra que considerou necesaria, para dar a coñecer o traballo duns mestres que chegaron a publicar unha das revistas pedagóxicas máis cualificadas da época, preocupados e entusiasmados por conseguir un ensino de calidade para alcanzar unha sociedade mellor. Farto rematou invitando a tódolos mestres e mestras a ler este libro, coa fin de coñezan parte da súa historia como colectivo.
Pola súa parte, Anxo Serafín Porto Ucha, Doutor en Filosofía e Ciencias da Educación, explicou que o libro xurdiu de investigacións anteriores, sobre biografías de mestres, as preocupacións asociativas das mulleres ou a depuración do maxisterio, entre outras. Porto indicou que un dos méritos do traballo é o de achegar as problemáticas do maxisterio por aquel entón, as súas preocupacións, tanto vitais como materiais, facendo unha radiografía da época. Neste senso, a obra permite coñecer os procesos de renovación pedagóxica da II República, analizar o movemento societario e a loita pola dignificación profesional dos mestres, a creación e evolución da Casa del Maestro e da súa revista, coñecer o rexistro de mestres depurados e a súa incidencia na ensinanza posterior. Tamén fixo unha breve mención ás biografías dalgún dos mestres que aparecen no libro.
Finalmente, a Deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, entidade colaboradora na edición da obra, manifestou a importancia de apoiar proxectos desta índole, fundamentais para coñecer a nosa historia e recoñecer a labor de moitos cidadáns e profesionais que contribuíron a mellorar o país, e que mellor maneira de facelo que a través da principal ferramenta de progreso, a educación.