Presentación do libro “As viaxes de Pablo Iglesias por Galicia” en Vigo

A Fundación Luís Tilve presentará en Vigo a súa publicación “As viaxes de Pablo Iglesias por Galicia”, que terá lugar ás 20 horas na Casa do Libro de Vigo (Velázquez Moreno, 27), onde se poderá mercar exemplares do mesmo.

O acto contará coas intervencións de Antonio Juste Iglesias, Secretario Xeral de UGT-Vigo; Roxelio Pérez Poza, Secretario da Fundación; e o autor Emilio Garrido Moreira.

No libro, o autor mergúllase na vida de Pablo Iglesias e os seus contactos e reunións cos traballadores galegos e as súas sociedades, así como a súa amizade e confluencia ideolóxica cos líderes locais do socialismo, que comezaba, entón, a configurarse en Galicia dun xeito orgánico. A través de diversas visitas realizadas polo líder socialista entre 1892 e 1915, Emilio Garrido introdúcese nos problemas que dificultan o asentamento da ideoloxía socialista e o desenvolvemento da organización nunha Galicia atrasada e conservadora, e valora especialmente o impulso que Pablo Iglesias lle dá á configuración do Partido Socialista e da UGT nas diferentes localidades e sectores laborais, en estreita colaboración cos que serán os máis fieis seguidores, a proxección da personalidade e do pensamento do dirixente socialista, así como a súa vinculación á Galicia de entre séculos, necesitada de cambios.

Emilio Garrido Moreira é licenciado en Historia Contemporánea pola USC. Comezou a súa labor de investigación no Colectivo de Investigación Histórico-Universitario Galicia-América, no que participou activamente na realización dos I e II encontro Galicia-América. No 2010 recibiu o “Premio Luís Tilve 2010 de Investigación e Divulgación Histórica” por este traballo. É autor das obras: 15X: a folga xeral do 2001, Víctor Fraiz: vida e asasinato dun mestre exemplar, UGT-Coruña, o fogar das esperanzas e O sindicalismo socialista en Compostela (1890-1936). Así mesmo, é coautor dos traballos: Comprometidos co presente e sementando futuro (1979-2004). 25 anos de UGT de Galicia e Historia del Regimiento de Artillería de Ferrol.