PRESENTACIÓN: “HILDEGART NA PRENSA SOCIALISTA”
O martes 14 de marzo, a Fundación Luís Tilve presentou a súa nova publicación: “Hildegart na prensa socialista. Artigos de Hildegart en El Socialista e Renovación”, na que se recollen por primeira vez os 79 artigos da súa etapa máis activa, nos que se pode conñecer a súa faceta de propagadora de ideais, de activista feminista e socialista, moi afastada da imaxe tráxica da que tanto se ten escrito en novelas, obras de teatro, películas e estudos.
De todo elo se falou no acto que tivo lugar no Centro Cultural Torrente Ballester, dentro do programa do Día Internacional d aMuller, en colaboración co Concello de Ferrol, cuxa concelleira de Igualdade, Cristina Prados, presentou o coloquio, que foi moderado polo Secretario da Fundación, Roxelio Pérez Poza. Os historiadores e documentalistas, Eliseo Fernández e Francisco Xavier Redondo, recompiladores da obra, xunto á doutora en Ciencias da Información e experta en Hildegart Rosa Cal, debullaron os artigos da obra, os que le outorgaron un gran valor costumbrista, e incidiron na importancia da mesma, xa que recupera a memoria dunha das mozas máis destacadas dunha xeración única e expcepcional de mulleres revolucionarias que viron truncados os seus sonos pola ditadura, a incomprensión e a intolerancia.
A obra está xa á venta nas librarías, distribuída polo Consorcio Editorial Galego, sendo unha recomendable lectura para comprender aqueles anos dende a visión dunha moza vívida, xa que como dicía Hildegart, “a labor do socialismo é facer pensar”.