Presentación na Coruña de: “A depuración do maxisterio nacional na provincia de A Coruña (1936-1945)”

O venres 8 de febreiro, ás 11:00 horas, na Sala Juanjo Gallo da Deputación Provincial de A Coruña, a Fundación presentou a súa nova publicación: “A depuración do maxisterio nacional na provincia de A Coruña (1936-1945)”, mediante unha rolda de prensa na que interviñeron: O Presidente da Deputación de A Coruña, Valentín González Formoso; o Presidente da Fundación Luís Tilve, José Benito Núñez López; e o autor, Jesús Manuel García Díaz.


A obra recolle, a través dunha exhaustiva e meticulosa investigación, un dos episodios máis denigrantes da historia de Galicia, a agresión ós docentes que, comprometidos firmemente na transformación dun país, instalado, ata ese momento, na ignorancia e no conservadurismo, de costas ó mundo, aprestáronse a achegar os seus coñecementos e a súa formación pedagóxica ó ilusionante proxecto da II República de creación de escolas, levando a educación ós lugares máis recónditos de España. O autor, xornalista e doutor en Historia, céntrase en dar a coñecer o ocorrido a estes docentes na provincia de A Coruña durante o transcurso da Guerra Civil e na postguerra, así como a consecuencia da represión que se prolongou durante anos para algúns profesores.


Posteriormente, o 12 de febreiro, no Centro Universitario de Riazor, o historiador e xornalista Jesús Manuel García Díaz impartiu unha conferencia na que explicou o proceso depurador que sufriron miles de mestres na provincia de A Coruña e que forma parte da tese doutoral publicada pola Fundación. Nesta charla, García Díaz estivo acompañado polo exsecretario xeral da Federación de Traballadores da Ensinanza de Galicia e Secretario da Fundación, Roxelio Pérez Poza, quen interveu falando dos movementos asociativos, sindicais e pedagóxicos que sufriron a represión.