Recuperación da Memoria Oral do Movemento Obreiro en Galicia durante o Franquismo e a Clandestinidade
Dende a súa constitución, a Fundación Luís Tilve traballa na recuperación da historia e do patrimonio documental do Movemento Obreiro en Galicia, a través de numerosos proxectos de investigación e do seu Arquivo Histórico, respectivamente. Dende o 2012, grazas á colaboración do Ministerio da Presidencia, a nosa entidade puido ir un paso máis alá, iniciando o ambicioso e importante proxecto de “Recuperación da Memoria Oral do Movemento Obreiro en Galicia durante o Franquismo e a Clandestinidade”, encamiñado a recuperar e conservar a memoria e vivencias daquelas persoas que xogaron un necesario papel para a chegada da democracia dende organizacións de carácter obreiro.
En base a este proxecto e seguindo as pautas metodolóxicas da historia oral, o equipo da Fundación Luís Tilve realizou numerosas entrevistas que veñen a enriquecer o patrimonio documental, non só da nosa entidade, senón tamén de Galicia, así como o coñecemento da nosa historia, facilitando información para futuros traballos de investigación. Ós fondos documentais se suma agora un fondo oral que se poderá consultar na nosa páxina Web.
Ó longo dos anos as fontes orais foron gañando recoñecemento e un maior respecto da historiografía, xa que moitas veces supón a única fonte de información posible. É o caso do estudo dos movementos obreiros, os cales pola súa actividade, moitas veces clandestina, non deixou moitas fontes escritas. Con este proxecto pretendemos tamén afianzar o uso da historia oral como instrumento válido de estudo.
Conscientes da enormidade do Programa, estes traballos queren ser o inicio dunha nova liña de estudo que irá aumentando cos anos e que servirá como ferramenta para os investigadores. É tamén un plan de futuro, xa que servirá coma fonte indispensable para recuperar a historia destas organizacións e facilitar a chegada de nova documentación.
Para a colaboración coa recuperación do movemento obreiro, podes poñerte en contacto con nos a través de calquera medio que podes atopar na nosa páxina Web.
Coa colaboración de: