XIV Edición dos Premios Luis Tilve.
Premiados ano 2024
O martes 29 de outubro, a Fundación Luís Tilve fixo entrega do seu Premio Luis Tilve 2024 ó Traballo Digno, ó que fora secretario xeral de UGT, Cándido Méndez, no edificio Cersia de Santiago.
Os actos, organizados por UGT-Galicia e a Fundación,
iniciáronse pola mañá coa presentación da nova publicación de Cándido Méndez, “Por
una nueva conciencia social. Pasado, presente y futuro del empleo en España”,
que foi analizado a través dun debate entre o autor, o secretario xeral de
UGT-Galicia, José Antonio Gómez, e a xornalista de La Voz de Galicia, Sofía
Vázquez, nos que se abordaron os principais problemas de carácter laboral,
tanto a nivel estatal, onde Méndez propuxo un gran pacto polo emprego, como
Europeo, onde se falou da necesidade de reducir a burocracia e apostar por unha
transición verde e dixital.
A este frutífero diálogo seguiulle o acto de entrega do
Premio, na súa XIV edición, no que tanto o presidente da Fundación, José Benito
Núñez, como o seu secretario, Rogelio Pérez, fixeron unha descrición biográfica
e da traxectoria sindical do galardoado, destacando o seu traballo incansable a
prol da defensa dos dereitos do traballadores e traballadoras. Recollido o
premio, Cándido resaltou que este é un premio “dos que chegan ao corazón e que
enchen de orgullo porque é concedido por aqueles que mellor te coñecen, os teus
compañeiros do Sindicato, coñécente nos momentos bos pero tamén nos malos”.
Manifestou a súa satisfacción do conseguido polo Sindicato e a súa confianza de
cara ó futuro dunha UGT que vai ser máis necesaria que nunca. Concluíu
agradecendo a distinción e afirmando que “eu estiven no mellor sitio posible, a
UGT”.
A continuación tomaron a palabra: a subdelegada do Goberno
na Coruña, María Rivas, que subliñou o papel central e constitucional das
organizacións sindicais na articulación do estado de benestar e incidiu no
diálogo social a través do cal nos momentos máis difíciles se puideron
articular unha serie de medidas que contribuíron a non deixar a ninguén atrás
nos momentos máis duros; o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez
Besteiro, que indicou que “debemos transmitir á sociedade a necesidade de
recuperar a conciencia de clase, sobre todo cando se detecta unha perda do
espírito solidario, colectivo, nun mundo cada vez máis individualista”; e o
conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, quen agradeceu o papel de
Cándido Méndez no arranque da democracia e o seu traballo pola cohesión.
O acto clausurouse coa intervención do Secretario Xeral,
José Antonio Gómez, que fixo un recoñecemento ás xeracións que, como as de
Cándido Méndez, fixeron un importante esforzo e un arduo traballo na defensa
dos dereitos e liberdades nun momento moi difícil e hoxe gozamos de moitos
dereitos grazas a isto, e amosou a súa preocupación pola deriva que está a
tomar o tema da inmigración, con mensaxes e xeitos de actuar, incluso dende a
propia UE, cada vez máis reaccionarios. Rematou a súa alocución resaltando que
UGT sempre ofreceu consenso e vaino seguir facendo.