FONDO ORAL E SONORO

Entre os obxectivos fundacionais da Fundación Luís Tilve están a recompilación documental e a recuperación da historia do Movemento Obreiro socialista en Galicia. A raíz destes traballos a Fundación se encontrou coa dificultade de atopar fontes documentais da etapa da clandestinidade predemocrática e de reorganización destes movementos, o que levou á necesidade de buscar novas fontes de información, como a recompilación de fontes orais, actividade que requiría certa urxencia, dada a avanzada idade dos protagonistas que viviron aqueles momentos e feitos. Por esta razón, a partir do 2011, a Fundación decidiu iniciar un proxecto que, seguindo un modelo básico de entrevistas e a metodoloxía propia da historia oral, axudase a reconstruír os feitos a través da narración de vivencias por parte destes persoeiros. Este proxecto que inicialmente se puido desenvolver grazas ó apoio do Ministerio de la Presidencia e denominado “Recuperación de la Memoria Oral del Movimiento obrero en Galicia durante el Franquismo y en la Clandestinidad”, se levou a cabo mediante a recollida de testemuñas orais (entrevistas gravadas en soporte dixital) a persoas que militaron nas diversas organizacións socialistas e movementos obreiros daqueles anos.
O proxecto, ademais de permitir a recompilación de biografías, serve como nova fonte e campo de estudo que permita comprender e coñecer a actividade sindical e política das organizacións socialistas e obreiras en Galicia durante o Franquismo e a Transición, fomentando deste xeito a investigación, tanto a través de traballos propios -como as conclusións presentadas no Congreso Internacional “Sindicalismo en España”, celebrado en Gijón en xullo do 2012- como de traballos externos. Nos próximos anos está liña de investigación continuará, coa intención de seguir achegando as conclusións vitais de destacadas persoas da historia contemporánea galega. Por último, queremos expresar o noso maior agradecemento a tódalas persoas que se prestaron a colaborar na realizacións das entrevistas, sen cuxas testemuñas este propósito non sería posible.

FONDO SONORO


Ademais das entrevistas do fondo oral, o Arquivo da Fundación conta cun importante fondo sonoro formado por cintas de audio de bobina aberta AGFA, AMPEX e casetes, nos que se recollen Congresos, Comités, intervencións, entrevistas, cuñas radiofónicas, roldas de prensa, mitins ou xornadas dos anos 80 e 90 de UGT e do PSdeG-PSOE. A este material, xa dixitalizado para garantir a súa conservación e consulta, fóronse sumando tanto novas gravacións en formato analóxico como dixital.


Igualmente, aínda que en menor medida, o Arquivo contén documentos audiovisuais, con idéntica temática, en formatos BETA, VHS, BETACAM, Mini DV, etc.

Mantente ao día!

Recibe toda a información das nosas actividades, novidades editoriais ou da nosa revista CLARIDADE actualizada e ao día.

Accede ás nosas redes sociais

Coa colaboración de: