Presentación “Crónica dos inicios da Agrupación Socialista da Coruña. 1891-1904”

O luns tivemos a enorme satisfacción de presentar o derradeiro proxecto do noso expresidente, Suso Mosquera, quen impulsou e formou parte do equipo de investigación denominado “Colectivo contra a Amnesia”, o cal levou a bo termino esta publicación, titulada: “Crónica dos inicios da Agrupación Socialista da Coruña. 1891-1904”. Nela se recollen os primeiros anos da organización obreira herculina, a súa actividade e os seus protagonistas, con especial fincapé ó seu fundador, José Rodríguez.
A presentación, en dous actos, iniciouse cunha Rolda de prensa, que contou coa intervención das dúas institucións que apoiaron este proxecto, representadas en Valentín González Formoso, Presidente da Deputación de A Coruña, quen manifestou que estas obras son fundamentais para que os socialistas recuperen o seu orgullo polo traballo feito en máis de 100 anos de historia, nas que a organización socialista xogou un papel fundamental nos avances sociais levados a cabo no noso país; e UGT Galicia, pola que interveu o Secretario Xeral de UGT-Coruña, José Carrillo Souto, que destacou a necesidade de continuar loitando polos dereitos dos cidadáns, como xa fixeron os nosos antecesores e recolle esta investigación, xa que volven a estar en perigo os dereitos polos que se combateu, con realidades como a precariedade laboral. Carrillo, aproveitou para render un sentido homenaxe ó compañeiro Suso Mosquera. Os representantes institucionais estiveron acompañados polo Presidente da Fundación e a historiadora Ana Romero.
Na presentación pública, pola tarde, na Casa do Pobo da Agrupación Socialista coruñesa, protagonista do libro, participaron os autores e historiadores: Carlos Pereira Martínez, que fixo unha breve recensión sobre a historia da organización coruñesa; e Ana Romero Masiá, que contou como foi o proceso de creación da obra, que levou un traballo de investigación de varios anos, o que agradeceu tamén a outro dos historiadores da obra presentes, Daniel Méndez Vázquez. Masiá quixo tamén ter un especial recordo para Mosquera, que o iniciou todo e sen o cal este libro non sería hoxe unha realidade. A esta recordo se sumaron o Presidente da Fundación, José Benito Núñez López, que expuxo o traballo que está a realizar a entidade e pediu o apoio para estas investigacións, así como agradeceu a presenza do Presidente de Honra da Fundación, Fernando González Laxe; e a Secretaria Xeral da Agrupación Municipal, Eva Martínez Acón, que fixo a presentación do acto, e informou dun futuro acto en lembranza de Suso Mosquera, que se celebrará o 2 de maio.
A todos eles e ós asistentes, o noso maior agradecemento pola súa participación, o seu apoio e a súa ilusión que nos anima a seguir traballando.
O libro estará nas librarías nas próximas datas.